Amosando publicacións coa etiqueta preparación física. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta preparación física. Amosar todas as publicacións

12/02/17

Esquiando en Cerler

Esquiando con 5 compañeiros de Vigo. Desprazámonos a Benasque (Perineo aragonés) a pasar 5 xornadas de esquí nas pistas de Cerler, unha estación moi boa, pero só puidemos esquiar tres días porque os outros dous fixo moitísimo vento.
Foron 3 xornadas intensas, moi ben aproveitadas, nas que a miña satisfacción persoal foi moi boa por poder volver a realizar esta actividade, inda que cando baixaba a luz (anubrado) non miraba ben e o pasaba peor.

 

08/12/16

O meu novo "Primeiro dousmil"

   Regresei de Trevinca moi contento, acadara o cumio da miña primeira montaña de dousmil metros!!! ( ...dende o accidente).
   Foi unha breve viaxe a terras de Trevinca, con Patri. Estupenda cea cos amigos Cholo e Marcos de O Trisquel, onde quedamos a durmir. Pola mañá, despois do almorzo, iniciamos a ascensión ao cumio de Galicia, Pena Trevinca (2.127 m), sen a confianza de estar eu en condicións de chegar... Pero chegamos! 
   Nun fermoso día, gocei deste cumio como se fora a primeira vez.

Sechu no cumio de Pena Trevinca (2.127 m)


na ruta de ascensión ao Sextil

a fermosa mixtura de cores na matogueira do Sextil

Patri nun descanso, antes do inicio da parte final da ascensión  (cumio ao fondo)

Tomando o bocata no cumio

Descenso polo Lomo do Roncín, practicamente sen neve.

parte final do regreso, pola pista das minas dos alemáns

17/11/15

Cinco meses escarallado

   A pasada semana, concretamente o 11 do 11, cumpríronse cinco meses do meu accidente. Gustaríame dicir que xa estou ben... pero téñome que conformar con anunciar que sigo a mellorar, pois aínda queda moito por recuperar.
   Despois de 5 meses sen poder facer esforzos (nada de deporte, só andar), a pasada semana tiven que facer deporte variado, pero con precaución e moderación. Así fun trotar uns minutos pola area da praia (luns e venres), trepar algo no muro de escalada do club (martes e xoves), bici estática e algúns exercicios de mobilidade no ximnasio (mércores), andar e exercicios de mobilidade (sábado) e o domingo descanso, salvo uns xogos correteando con Ceibe (foto). A miña torpeza en calquera actividade, pola vista defectuosa e a falta de adestramento, a tomo con moito humor e con bo ánimo, é agradable recuperar sensacións.
   Os esforzos físicos, que poñían a proba a miña cabeza, foron precisos para a decisión médica, ademais da valoración das últimas probas de imaxe (Resonancia e TAC). Á vista dos resultados decidiron “non operar” a pesares de que inda non está solucionada unha pequena “avaría” no cranio, pero como a evolución é positiva confían en que non será necesaria unha operación que sería complexa, inda que o volverán a valorar máis adiante.
   Librado dunha intervención inminente, teño pendente outra posible visita ao quirófano. Sería no ollo, pero aínda pode quedar bastante tempo ata que tomen unha decisión (semanas... ou meses), pois depende da evolución de toda a zona e de máis probas. De momento sigo cos lentes provisionais.
   Tamén comecei a recibir terapia craneosacral no Centro de Fisioterapia Lence & Martínez, ao fin de mellorar a miña maltreita cabeza e atopar solucións para os seus dores, que se veñen incrementando no último mes. Esta semana tamén teño cita co neurólogo, e con el xa serán 5 os especialistas que me están a controlar en Povisa (cirurxián maxilofacial, oftalmóloga, neurocirurxián e otorrinolaringóloga), ademais teño citas periódicas coa médica da mutua laboral, co médico da aseguradora e coa médica forense. Será por médicos...
   Todo o que fago é por prescrición médica, pois quero recuperar o máis e o mellor posible, e o tempo que precise non é o máis importante. Para todos os problemas físicos e sensoriais que teño intentan darme explicacións, pero cando quero saber (de) máis... algúns dos médicos teñen unha sisuda resposta: “é polo golpe”.
   Estou animado e máis dende onte que xa me deixan ir incrementando as actividades físicas. Pola tarde fun ao Ximnasio Saúde e Deporte e ao fisioterapeuta, puntos de partida. Teño que ir probando e sen presa, que todo chega.




07/04/15

Semana na Cordilleira Cantábrica, ben aproveitada.

Na semana santa, fun con Patri e Ceibe á Cordilleira Cantábrica. Fixen 6 actividades deportivas diferentes, compatibilizando facer o que me gusta, coa viaxe en parella... E xa mo di Patri: “Sechu, é que non es capaz de estar un só día sen facer nada!”

Esquí.- O domingo 29 de marzo pola noite chegamos ao Albergue La Mina (Puebla de Lillo, León). O día seguinte paseino esquiando en San Isidro. O día estivo bastante cuberto e con vento.

Riaño

Cigoña



 
Travesía con Raquetas.- Tras a segunda noite no albergue fomos á cara sur dos Picos de Europa, entrando dende Riaño. Deixamos o coche en Soto de Sajambre, para internarnos nos seus fermosos bosques ata o refuxio de Vegabaño, onde chegamos coas raquetas de neve para pasar a noite. Ao día seguinte fomos cara arriba coas raquetas, nunha xornada de montaña moi luminosa.


Ceibe co can do refuxio de Vegabaño, vistos dende a porta.
En Vegabaño



 
impoñente exemplar de carballo

Alpinismo.- O mércores, no serán, marchamos ao cámping “El Cares” en Santa Marina de Valdeón, pois o día seguinte subiría moi cedo ao “Friero” (2.445 m). Así, o xoves iniciei a ascensión ás 5.55 h, chegando ao cumio ás 11 da mañá, despois de ter que cruzar un río descalzo e dar unhas voltas de máis pola parte baixa da montaña na escuridade da noite ata atopar a ruta axeitada; e xa na parte final da ascensión polo corredor da cara norte, traccioando cos piolets e sobre as puntas frontais dos crampóns, para chegar ao cumio o primeiro do día, seguido por varias cordadas. Xa abaixo, recollemos todo e fomos visitar á oitomilista asturiana Rosa Fernández (con quen coincidín no Annapurna) que estaba pola zona.

no cumio do Friero (2.445 m)

alpinistas chegando ao cumio do Friero

alpinista no corredor de acceso ao cumio do Friero, cara Norte.


 
Espeleoloxía.- Deixamos Picos de Europa e imos destino a Ramales de la Victoria (Cantabria), ata o cámping, onde estaban varios compañeiros espeleólogos de Club Montañeiros Celtas.
O venres fun co grupo espeleolóxico ao Sistema do Mortillano (o maior de España, con 135 km), para realizar a travesía Calaca-Crucero (que son dúas das súas 20 bocas).

Boca "Calaca" do Sistema do Mortillano (Ramales de la Victoria, Cantabria)

 
Co casco torcido, unha típica imaxe miña


Ferratas.- O sábado pola mañá fomos a realizar un par de vías ferrata da zona, a primeira “El Cáliz” en Ramales e a segunda “El Risco” en Matienzo. Era a primeira vez que Patri realizaba esta actividade. Xa pola tarde marchamos a Galicia, pero pola costa norte, facendo noite en Miño (A Coruña).

Patri na ferrata "El Cáliz"

Na ponte do final da ferrata "El Risco"


 
Carreira por montaña.- Na mañá do domingo, 5 de abril, inda fomos a correr polo Parque Natural das Fragas do Eume, antes de marchar para Vigo.
Rematei así unha semana na que fixen 6 actividades deportivas diferentes, compatibilizando diversas actividades que me gustan, coa viaxe en parella... E xa mo di Patri: “Sechu, é que non es capaz de estar un só día sen facer nada!”

Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña), despois de correr.








10/03/15

Esquí de montaña no macizo de Ubiña (Cordilleira Cantábrica)

  A fin de semana do 7-8 de marzo participei nunha saída de Club Montañeiros Celtas para esquiar na contorna dos Ubiñas, facendo dúas noites no refuxio da FGM en Torrebarrio (León). 
  O sábado fomos once esquiadores os que fixemos un percorrido circular dende Torrestío, percorrendo Peña los Curros, Farrapona, Collarín e Peña Redonda; subidas e baixadas coa neve en moi boas condicións excepto na baixada final polo efecto da calor do día, cun sol espectacular durante toda a fin de semana.
  

 



  O domingo, nove esquiadores subimos dende La Cueta ata a Peña Chana de Somiedo (2.070 m), e gozamos dun fermoso e continuado descenso.
 


  
  
  Patri con raquetas e Ceibe, tamén nos acompañaron en parte dos ascensos.


02/09/14

O deporte non é incompatible coa diversión

O pasado domingo, fin de agosto, levei a Patri a mergullar, saímos dende unha pequena cala entre rochas. Déusenos por improvisar un vídeo, sen ensaiar... o pasamos ben.
Deixei o vídeo en pouco máis de 2 minutos, espero que vos guste:




28/04/14

Escalada en xeo (Alpes, Francia)

No mes de xaneiro fun a escalar en xeo aos Alpes franceses, á zona de Les Ecrins - Queyras, considerada como unha das mellores de Europa para esta actividade. Con outros catro compañeiros de Vigo (Luís Arocas, César Álvarez, Nacho Pequeno e Cristóbal Pérez) viaxei ata alí para practicar esta modalidade de escalada que na nosa terra galega é case imposible de realizar pola escaseza de formacións axeitadas, sendo en moitos invernos inexistentes. Así, durante unha semana, e inda que as condicións non foron moi boas (poucas formacións completas, xeo de calidade media e demasiada neve nas cascadas), aproveitamos ben a viaxe e durante a xornada de "descanso" fomos a esquiar.

Coas imaxes da viaxe montei un audiovisual de 29 minutos, resumo da actividade realizada. Espero que vos guste.




08/09/13

A preparación da expedición

Inda que isto xa tiña que estar escrito e publicado antes de iniciar a viaxe, os preparativos colmaron todo o tempo do que podía dispor, á vez que adestrar, traballar e intentar durmir unhas cantas horas ao día... roubándolle horas ao sono para ter tempo de facer todo, ou case. O certo é que termino de escribir este artigo en Nyalam (Tíbet). Pero non quero deixar de reflectir no meu blog cando menos as semanas previas á expedición.

Ante calquera viaxe, a cantidade de cousas que hai que facer é incrible, máis cando un vai de xeito individual a unha gran expedición e o ten que coordinar todo, inda que grazas a colaboración e ánimo da miña moza Patri, do meu irmán Xulio (facebook), de amigos e compañeiros -sendo fundamentais Pedro (blog) e Alberto (informática)-, do meu benquerido Club Montañeiros Celtas, coa súa Presidenta Lourdes á cabeza, da Federación Galega de Montañismo, que este ano está de 50 aniversario... as cousas se fan dun xeito máis levadeiro.

Este 2013 foi bastante irregular na miña vida, comezando o ano con problemas persoais que me afectaron moito, pero que levei mellor adestrando duro, mañás e tardes, atopándome moi forte a finais de febreiro. A primeiros de marzo a enfermidade da miña nai fíxome parar os meus adestramentos, inda así participei na Media Maratón Vig-Bay (Vigo-Baiona), facendo un tempo de 1h29´18”. A finais dese mes fixen a viaxe a Pirineos, para escalar en xeo, onde sufrín unha caída que me produzo unha lesión importante (fractura de sacro) e estiven máis dun mes parado. O ano non ía moi ben, pero en abril cambiou a miña sorte e apareceu un patrocinador “Peixes Vimar” que unha vez recuperado da lesión me permitiría afrontar unha nova expedición a un oitomil, aportando aproximadamente a metade do seu custe. A maquinaria comezou a moverse na busca de entidades e empresas que puideran colaborar no proxecto, á vez que buscaba destino montañeiro. As primeiras foron Terra deporte aventura na adquisición e financiamento do novo material necesario, e de Meteogalicia, pois como en todas as miñas grandes expedicións, sempre puiden contar con eles. Tamén contei dende o principio coa colaboración do meu Club e da Federación, e espero contar tamén cunha axuda da Xunta de Galicia – Fundación Deporte Galego por ser DGAN (Deportista Galego de Alto Nivel).

Descartado o Karakorum pola miña lesión (a intención inicial era ir no verán ao Broad Peak con Abel Alonso), orientei a viaxe ao Tíbet. Así, co Shisha Pangma como primeira opción no outono, intentei organizar unha viaxe de aventura-aclimatación polo Tíbet en bici, dende Lhasa ao Campo Base desta montaña, ao que tiven que renunciar polas trabas que me poñían.

As meus adestramentos fundaméntanse nos traballos de forza e elasticidade no Ximnasio Saúde e Deporte (quen sumouse a colaborar na expedición), a carreira a pé, a bici de montaña, e este ano bastante natación para a recuperación tras a lesión. E por suposto as saídas á montaña. En agosto fixen dúas interesantes viaxes, unha a Perineos e outra aos Alpes.

Pero antes pasou algo que alterou os meus adestramentos e, sobre todo, o meu ánimo: o fatídico accidente de Abel, que me afectou máis do que puidera esperar de algo así, algo que sabemos pode sucederlle a calquera, pero que non esperas que pase, e cando lle pasa a un amigo, é difícil de asumir. A fin de semana do 20-21 de xullo, participaba con Patri no campamento de verán de Club Montañeiros Celtas, gozamos dabondo, sábado bici e domingo canoa, a segunda xornada terminaba coa feliz nova de que Abel acadara o cumio do Ghasserbrum I (G1, 8.068 m). Nos días seguintes, coa desaparición de Abel e os seus dous compañeiros de cordada, estiven ao carón da súa familia, dedicándolle todo o meu tempo a xestionar as novas que chegaban de Paquistán, pero os acontecementos non tiveron a final que todos desexábamos. Perdín varios quilos de peso, que xa non recuperi. Quedei moi afectado, vivín a situación dende a outra beira, do lado da familia que sofre a expedición dun ser querido. Inda que non se me quitaron as ganas de ir á montaña, todo o contrario, a montaña non ten culpa ningunha destes sucesos, imos ao seu encontro porque é o que queremos facer, e o facemos libremente, e grazas ao apoio de aqueles que nos entenden e aprecian.

Perineos, primeira semana de agosto.

Tras a longa viaxe en bus dende Vigo, realicei co meu fillo Roi varias ascensións que compartimos, a maioría das veces, con outros membros do Club:

- Cotiella (2.912 m) saíndo do cámping (845 m) no que estábamos acampados. Longa e dura xornada que levounos 14 horas.

- Astazú Occidental (3.007 m), saíndo dende Pineta e pasando polo Balcón de Pineta. Primeiro tresmil de Roi.

- Posets (3.372 m), saímos do Refuxio Viadós (1.760 m). A xornada anterior nevara e a ruta estaba máis perigosa do previsto, polo que a cen metros do cumio e metidos nas nubes, paramos e tras analizar a ruta a seguir, díxenlle a Roi que el non pon podía subir. A maioría do grupo deu volta, pero cinco chegamos ao cumio, nevando algo e sen visibilidade. Durmimos no refuxio.

- Gran Bachimala (3.174 m), dende o refuxio. Fixemos a ascensión os dous sós e estivemos no cumio máis dunha hora, o día era magnífico e a vista circular perfecta. Alí arriba coincidimos cun numeroso grupo do Club Alpino Ourensán.

Sechui e Roi, no Balcón de Pineta
(Foto: Javier Diéguez)

Sechu e Roi, en Astazu Occidental
(Foto: Javier Diéguez)

subindo ao Posets

Sechu e Roi, no Bachimala


Alpes, última semana de agosto.

Aceptei gustoso a invitación de Coru (Juan Rivas) de ir a Suíza, a súa terra de adopción, para facer a aclimatación previa á expedición. Ademais de adestrar en altura e preparar o meu corpo, tamén aproveitei a viaxe para probar material novo: botas de inverno, tenda lixeira, frontal, piolos, botella-termo, micro-cociña, lentes de sol, GPS... A hospitalidade de Coru e a súa moza Sarah, foi moi de agradecer.

O plan era facer algunhas noites e actividade por riba dos tresmil metros e intentar un par de cumios de catro mil, sen nada definido de antemán. Saíu bastante ben, a pesares de que a méteo non foi moi boa, inda que permitiume facer cousas:

- Travesía en solitario, partindo de La Claux (2.200 m) ata o Col da Claux (2.940 m) dende onde fun enlazando cristas, ata o Mont Fort (3.308 m), preto de aquí, no desvencellado Refuxio de les Colomels (3.286 m) pasei so a primeira noite (ao refuxio fáltalle o seu sustento en boa parte da súa base por un derrube). Ao día seguinte continuei cristeando, un auténtico rompepernas, pasando polo Col de Louivie, a Tête de Monin (3.059 m), ata o Rosablanche (3.336 m) e sempre pola crista e metido nas nubes ata onde me deu o corpo, momento no que montei a tenda nunha repisa para facer noite (3.146 m). Na xornada seguinte seguín pola crista, pasando polo Lui des Chamois (3.193 m), ata un cumio de 3.210 m, ía en dirección ao Pointe du Valsenay, onde as nubes quitaron outro día máis a visibilidade e decidín baixar ao val polo Col du Crêt, dando por terminada a travesía en Fionnay (1.501 m), onde viu recollerme Sarah. E, ao día seguinte:

- Combin de Valsorey (4.184 m). Iniciamos a ascensión no aparcadoiro (1.856 m), ás 4.35 h e ás 7 da mañá estabamos no Refuxio de Valsorey (3.031 m) onde a maioría dos escaladores fan noite para repartir a ascensión en dúas xornadas. Tras unha parada de 20 minutos para comer unha barriña e calzar as botas (ata aí chegamos en tenis), continuamos ascendendo ata os 3.663 metros, onde chegamos ás 9.05 h. Aquí comeza a aresta duns 500 metros de desnivel que leva ata o cumio, cun inicio espectacular e comprometido en roca descomposta e terreo mixto (bastante neve para ser finais de agosto), que deixoume bastante preocupado. Máis arriba calzamos os crampóns. Case sempre foi Coru diante, porque é mellor escalador, porque coñece mellor ese tipo de roca, porque ten máis envergadura, e sobre todo, porque eu teño fillos e el de momento só está adestrando para telos. A roca descomposta metía medo e parecía que íase desmoronar en calquera momento, máis na baixada, pola subida da temperatura. Fixemos cumio ás 15.45 h e xa non seguimos ata o cumio principal do Gran Comben (4.314 m), por ser unha travesía sobre neve xa moi branda e perigosa polo tardío da hora. Descendemos con moita precaución e chegamos ao refuxio xa coa luz dos frontais que tivemos que sacar a escasa media hora do refuxio, onde despois de cear algo, continuamos descendendo durante dúas horas máis ata o coche. En total 19 horas e media de actividade, case sen descanso.

Pouco antes do inicio da expedición sumouse ao proxecto o Concello de Vigo, grazas ao esforzo constante por conseguilo do Concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Tamén contei coa colaboración de Marcos Requejo (produtos PowerBar).


Refuxio de les Colomels

Sechu no cumio do Rosablanche

A miña tenda tras a 2ª noite da travesía

Amañece nos Alpes

Coru na aresta

Coru no cumio

Gran Comben

Sechu.
Nyalam (Tibet), 8 de setembro 2013

17/04/13

Seminario de Escalada en Xeo, en Perineos

A pasada semana santa, durante 5 días (do 27 ao 31 de marzo), participei xunto a outros catro montañeiros nun seminario de Escalada en Xeo organizado pola FGM, e dirixido por José Romay “Josito”, instrutor da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).

Era unha actividade dirixida a deportistas con dominio das técnicas fundamentais de seguridade e progresión en alpinismo, e que contaran cun mínimo de autonomía, xa que non era un curso típico, senón un seminario onde os participantes eran asesorados para ir mellorando o seu nivel técnico no mundo da escalada en xeo e terreo mixto.

A viaxe a realicei no meu coche, acompañado de César, ambos de Montañeiros Celtas. Viaxamos durante todo o luns 25, pois son máis de 900 km de estrada ata Bielsa (Huesca). Aloxámonos no Refugio de Pineta, a 12 km de Bielsa, no magnífico Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, onde xuntámonos co tamén galego Fran e o vasco Julen, participantes coma nós, do seminario que tería como base este refuxio.

Ao día seguinte os catro aproveitamos a xornada para desprazarnos á estación francesa de Piau, onde practicamos esquí de pista. O pasamos moi ben. Esa noite chegaron ao refuxio Ángel, tamén de Montañeiros Celtas, e Josito. Xa estábamos todos.

Na estación de esquí de Piau (Francia)
Fotos: Sechu, salvo que se indique outro autor.
Josito é un dos mellores escaladores en xeo e mixto da actualidade, a nivel mundial. Ten un altísimo nivel de escalada: en rocha 8c (e está intentando o máximo grado, 9º), en xeo WI 7 (a máxima dificultade), en mixto M12+ (o máximo é M13)... impresionante. E ademais de ser tamén un excelente instrutor, é un tipo súper simpático. Todo un privilexio aprender con el.

Sechu falando con Josito (de vermello)
Foto: Fran Rodríguez
Caeu tanta neve este ano, que para a nosa sorpresa algunhas zonas de cascadas de xeo se cubriron totalmente de neve, e noutras, empezas a cascada na metade da vía! Tamén a neve, caída enriba do xeo, fixo que este se podrecera pouco a pouco, afectando a súa calidade.
Os tres primeiros días estivemos na zona da “Boca Norte do túnel de Bielsa” (Francia), sector da Dorada. Non tivemos sorte coas condicións do xeo nin coa temperatura, a pesar de que estabamos a uns 2.000 metros de altitude. As cascadas estaban desfacéndose e a temperatura roldaba os 5 graos positivos, demasiado alta para esta actividade, inda que para as prácticas foron condicións “aceptables”... non cabía outra, xa estabamos alí. A méteo tampouco foi favorable, precipitando a miúdo auganeve.
Primeiro e segundo día practicamos os movementos por xeo vertical, logo facendo uns cantos largos (en polea), só centrándonos no emprego correcto dos piolets e crampóns. Prácticas de colocación de parafusos de xeo nun largo de corda, centrándonos na posición do corpo e no lugar máis axeitado para poñelos. Rematamos coa instalación de reunións en xeo. Na segunda xornada, antes da cea e para estirar as pernas, Ángel e máis eu fomos correr cara o interior do Val de Pineta, un paraxe moi fermoso.

Prácticas en xeo vertical

Colocación de parafusos de xeo
Foto: Josito Romay

O grupo no refuxio, celebrando o aniversario de Fran

O terceiro día, venres, fixemos a práctica na que estábamos máis verdes, todos petando de antebrazos e caendo sen remedio (eu con lesión incluída), escalando cas ferramentas (piolos e crampóns) directamente na rocha. Este tipo de escalada chámase “mixto deportivo” ou como denominan algunhas revistas especializadas “drytooling”. Despois practicamos a realización de pontes de xeo ou “abalakov” e como montar o rápel dende eles.

Probando o "mixto deportivo"
Foto: Fran Rodríguez
Montaxe de rápel dende pontes de xeo (abalakovs)
Foto: Josito Romay
Os dous últimos días, destinados a poñer en práctica todo o aprendido e correxir erros, cambiamos de zona buscando unhas mellores condicións do xeo e acertamos, inda que sen ser moi boas, atopamos un par de cascadas interesantes no fermoso val de Barrosa.

Adentrándonos no val de Barrosa
Sector de cascadas no val de Barrosa,
no centro da imaxe as dúas que fixemos
Detalle das dúas cascadas: Espluca e Bachetas 
O círculo sinaliza aos compañeiros no inicio da cascada do último día.
A mellor actividade foi o sábado, completando os dous largos visibles da Cascada “Espluca” (III, 3+, 120 m), unha escalada atractiva, con tramos de 80º/85º e ambiente de goulotte, 0º de temperatura, bastante vento e neve miúda voando que deu o toque invernal definitivo. Todos gozamos.

Chegando á cascada "Espluca"
Foto: Fran Rodríguez
Acadando o final da escalada.
Foto: Josito Romay
O domingo fomos á Cascada “Bachetas” (III, 3, 170 m) , ao carón da Espluca. As condicións do xeo non foron tan boas como o día anterior, era máis ben unha cascada-corredor, facía sol e a neve era inestable por riba nosa e en todo o val, escoitamos varias avalanchas e só fixemos completo o segundo largo e parte do terceiro, con retirada dende abalakovs, mola! (o primeiro largo estaba case enteiro baixo a neve). Pero quedamos a gusto co realizado, inda que con moitas ganas de facer máis.

Na cascada-corredor "Bachetas"
Ao pé das cascadas había evidentes restos de grandes avalanchas

Cinco días de boa formación e experiencia, onde a convivencia foi magnífica e no refuxio estivemos moi cómodos e ben alimentados, ademais de pasalo sempre moi ben, con celebración do aniversario de Fran incluída... e risas dabondo!

Todo o grupo, ao final do seminario.
Lesión
 
A caída practicando mixto deportivo (drytooling), o venres 29 de marzo, produciume una lesión nas costas, no cu para ser máis preciso. Doeume dabondo, pero supuxen que só era unha forte contusión e seguín escalando, tamén os dous días seguintes, a pesares das molestias. O regreso (en coche) fíxose eterno e viaxei moi incómodo, por tantas horas sentado. Non din importancia, inda que nos días seguintes non me apetecía escalar, e adestrei con menos intensidade, pero a diario, con carreira, bici de montaña, ximnasio... todo con molestias. Levaba así máis de 10 días e Alex, o meu preparador, convenceume de que fora ao médico, di parte de accidente na federación e na clínica correspondente me realizaron una radiografía... posible fractura. Sports Stop! Nunha consulta posterior, 15 de abril, o traumatólogo confirma... "fractura do sacro". O impacto na rocha debeu ser sobre un saínte, un golpe directo no sacro.
Como consecuencia estarei uns días parado e suspendín un par de actividades previstas a curto prazo: a participación na Maratón de A Coruña este domingo 21 de abril (estaba inscrito) e a realización da “integral de Ancares” correndo no día, cuns amigos o 4 de maio. Estou pendente dunha resonancia magnética que me farán estes días para ver a evolución e descartar outras lesións. O prognóstico é bo e a recuperación parece será rápida, a boa musculatura lumbar axuda. Se todo vai ben a vindeira semana conto poder retomar gradualmente os adestramentos.

Vídeo


Fixen este pequeno vídeo (2´25”) con imaxes de Fran, nas que aparezo eu (de verde), correspondentes á 3ª e 5ª xornada. Resaltar que nestas imaxes xa tiña a fractura no sacro. A pesares das molestias non deixei de facer actividade, claro que non sabía que eu estaba roto. Levo xa na miña "conta de resultados" moitos golpes, caídas, conxelacións, etc. que me foron curtindo e facendo da dor, simples molestias. Duro coma un ferrote...

Sechu.