14/08/09

A miña historia nos Gasherbrum (Parte V e última)


Foto preto dos oitomil metros no G2: O esforzo mereceu a pena.


Ao CB cheguei coa boca seca, pola sede e a tensión sufrida. Todos estaban durmindo e o primeiro que fixen foi dar boa conta de dúas latas de mexilóns ao natural, sobre todo para saciar a sede co seu liquido, non había outra cousa.
Estaba moi canso, pero estaba no CB o día 4 como fora o meu compromiso coa organización. Comecei a desfacer a mochila e reorganizar as miñas cousas. De seguido aparece o cociñeiro e pouco a pouco todos os demais, as felicitacións sucédense, xa sabían que fixera cumio, as novas voan.

A miña aventura nos Gasherbrum remataba, o éxito deportivo foi froito dunha experiencia acumulada en anos de montañismo e dunha preparación persoal axeitada. Pero non foi un éxito individual, forxouse coa confianza que depositaron en min e nas miñas posibilidades, unha chea de persoas que de forma persoal ou a través de empresas, comercios ou institucións, brindaron o seu apoio. O meu agradecemento a Carlos Cabaleiro (empresario, COVSA), á Fundación Vigo Deporte e á Fundación Deporte Galego, como patrocinadores do proxecto; a Mónica e David (Musgo Aventura, Pontevedra), a Nuria, Luis e Juan (Terra Deporte Aventura, Vigo), a Carmela e Yolanda (Garpe, Vigo), a Juan Taboada (xefe de predición de Meteogalicia), a Jonathan, Suso e todo o persoal do Centro de Fisioterapia Lence & Martínez (Vigo), á Federación Galega de Montañismo e ao meu querido Club Montañeiros Celtas, como colaboradores; a Chus Lago, Sonia, Jakobo, Alberto, Pedro, David... por deixarme material para á expedición e/ou por axudarme nos preparativos.

Para a miña sorpresa, no CB tiñan decidido que o treking o comezara o día 5. Quedei un pouco contrariado, pero mirei o lado positivo. "No problem", así descanso e recollo todo máis tranquilo. Despois de almorzar deiteime ata as doce e media que viu Boyan de visita; falamos sobre o mal que estaba o glaciar e sobre o cumio. Resulta que el non realizou a aresta e por tanto non chegou ao autentico cumio, non se quixo arriscar, e considera que so conseguiu "1/2 cumio". Felicitoume por chegar ao máis alto e estivemos vendo as fotos de cumio de cada un. A miña cámara foi testemuña do meu cumio e Boyan o confirma, ademais parece ser que estiveron seguindo a miña ascensión con prismáticos dende o final da morea na que está o CB. Pola tarde outros españois achegáronse ao meu campamento para felicitarme, empezaba a asumir que este cumio fora unha pequena proeza. A cea foi especial con motivo da miña despedida e cumio acadado, xa que tamén é un éxito para a axencia, Hunza Guides.

Así pois, esta tempada, que non foi boa en todo o Karakórum, cunha meteoroloxía complicada para as previsións e especialmente polo constante e forte vento, remata nos Gasherbrum con so dúas persoas que chegaron ao cumio no G2, o suízo Ueli Stetk e o galego que escribe.
Curiosamente eu elixira ir a o G1 como principal opción por ser unha montaña máis fermosa (para o meu gusto), algo máis difícil (a priori) e á que vai menos xente, respecto do G2, o oitomil que conta con máis ascensións despois do Everest e do Cho-Oyu e como estas, obxectivo prezado das pesadas expedicións comerciais. Esta tempada para o G2 había 13 expedicións (3 eran comerciais: canadense, irana e internacional), bastantes pero moitas menos do habitual. Este ano, polo efecto da crise económica mundial e do terrorismo talibán en Paquistán, o número de expedicións neste pais foi reducido respecto de anos anteriores.
Pero o que son as cousas... esta tempada só houbo dúas ascensións no G2, ambas en solitario e en estilo lixeiro. No G1 houbo 18 persoas que chegaron ao cumio, un día 6 e outro 12. O G2, un oitomil “doado”, este ano revelouse e mostrou a súa cara máis agreste ofrecendo un reto superior. A variabilidade, ese don das montañas que has fai tan fermosas e interesantes! Grazas, queridas montañas, por ser como sodes.

O día 5 de agosto comecei o treking, acompañado por Salman (guía) e tres porteadores. Tiña demasiadas feridas nos pes (rozaduras, falta de sensibilidade en varios dedos...) como para que o andar fora un pracer, pero debía apretar os dentes, calar e partir. Aos poucos centos de metros parei e mirei cara o CB, foron moitos días alí, naquelas tendas, coa aquela boa xente: Jon o cociñeiro, Musaf o seu axudante, Karim o coordinador, Yavé o oficial de enlace, e con tantos e tantos montañeiros de diversos países. Quedei coa pena de non poder felicitar persoalmente aos meus compañeiros... Reiniciei a marcha mentres unhas bagoas escorríanse pola miña faciana, ata aterrar nas pedras da morea do glaciar que pisaba... Luis non iniciaría este retorno a casa.

A primeira xornada do treking foron 7 horas, a segunda 12 e media, a terceira 12 e cuarto e a cuarta e última 5 horas pola maña (sempre sen contar as paradas). Pola tarde do cuarto día tocaba jeep, o previsto eran 5 horas, pero a medio traxecto houbo que cambiar de vehículo, íase nas curvas, je que graza, coa de precipicios que tiña a ruta (de terra e en pésimo estado polas recentes choivas), despois o segundo vehículo quedou sen combustible... xa era noite. Total que chegamos sobre as 23 horas ao hotel en Skardu.
Ao día seguinte algo sae ben!, hai avión a Islamabad! Fantástico! De non habelo tería 2 días de transporte terrestre, uf, que alivio.
O día 10 de agosto estaba en Islamabad e o 12 chegaba a Vigo sobre as 11 da mañá, con recibimento por parte de familiares e amigos, e tendo por testemuñas a reporteiros da prensa local. Grazas a todos.

Tamén o meu agradecemento aos medios de comunicación: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Atlántico Diario, Cope Vigo, Radio Vigo, Radio Voz, TeleVigo... que a través de novas ou entrevistas demostraron interese na expedición.
E como non, a miña gratitude a todos aqueles familiares e amigos e incluso persoas que non coñecía anteriormente, que deixaron comentarios neste blog e/ou enviaron mensaxes de ánimo ao meu teléfono satélite, que ía lendo de cando en vez, é dicir, cando era capaz de facer funcionar os meus aparellos de comunicación. Grazas, grazas, grazas... Unha forte aperta para cada un deles.

Sechu Lopez
Expedicion Karakorum 2009

4 comentarios :

Jorge dixo...

Haberíanche ido a recibir máis se soubésemos do día da chegada, pero coma sempre....algúns nos enteramos das cousas por medio do blog ;).

Enhoraboa por ese cumio !!!, Agora a ver cándo quedamos para ver esas fermosas fotos.

Se non tes onde aloxalas na rede e queres compartilas, aportarche aloxamento na miña web.

Un saúdo.

Andres Villar dixo...

Felicidades por la ascension y por el relato de la expedicion, como dice Jorge nos gustaria ver las fotos de esta magnifica ascension.
Un saludo
Andres

Toño dixo...

Hola primo , no sabía yo que te metías en estos berenjenales . Muchas felicidades y un abrazo muy fuerte desde Irun . Besos Toño

luispenin dixo...

noraboa sempre é boa nova ver que alguén disfruta... bonito