Antes de comezar, un par de aclaracións:
- O Shisha Pangma está
formado na súa parte superior por unha longa aresta nevada en cuxos
extremos se identifican dous cumios, o Central e o Principal. O
Principal (8.027 ou 8.013 m, segundo as fontes), é un dos afamados
14 cumios principais de oitomil metros do mundo e era o obxectivo da
miña expedición. O Central (8.008, 8.012 ou 8.014 m... segundo as
fontes) é un cumio secundario, pero está recoñecido como cumio
oficial de oitomil metros; eu emprego a cifra de 8.012 porque é a
que figura nos certificados de cumio que emiten os chinos.
- Na prestixiosa
web española www.desnivel.es (07-10-2013), apareceu a nova de que o polaco
Andrzej Bargiel fixera cumio en solitario, o 2 de outubro, no Shisha Pangma
Central (8.012 m). Pois ben, eu tamén estaba por alí, e ademais fixen cumio o
mesmo día e pola mesma ruta, a normal da cara norte. En Desnivel xa teñen a
miña versión da ascensión, e conto que a publiquen porque ma pediu o seu
director. De momento eu xa a publico a continuación. Os horarios expresados son
locais (Tíbet-China), motivo de moitas confusións, pois no CB empregábase o
chinés e o nepalí (unhas dúas horas menos).
Como sabedes, compartín
a expedición ao Shisha Pangma cun equipo de 4 polacos; o seu
obxectivo principal era conseguir que Andrzej descendera do cumio con
esquís, e o lograron. Así, os 5 temos compartido viaxe e estancia
no CB, baixo a organización da coñecida axencia nepalí Seven
Summit Treks. A relación foi boa, a pesares das dificultades polo
idioma, temos rido.
A miña expedición foi
individual, non contei con sherpa nin compañeiro de ascensión, logo
na montaña non adoito estar só, inda que frecuentemente si, e
establezo a miña estratexia pola miña conta... e risco. A min
gústame a soidade na montaña, intimo con ela, pero non rexeitamento
a presencia doutros montañeiros, simplemente gozo da montaña en
calquera caso. O que si conto é co apoio dalgunhas entidades e sobre
todo de moita xente, principalmente de miña benquerida terra galega,
a quen lles agradezo enormemente a súa confianza, ánimo e empuxe.
![]() |
A bandeira de Vigo
ondeando no campamento.
|
Unha vez aclimatados e
con campamentos de altura preparados, as distintas expedicións e cos
últimos partes meteorolóxicos, chegamos á conclusión de que o día
de cumio ideal era o 2 de outubro. 14 europeos e 3 sherpas (de Carlos
Soria), preparámonos para ese día chegar ao cumio do Shisha Pangma
Principal (8.027 m), cada cal seguindo a súa estratexia. Pero pronto
houbo cambio de plans por parte dalgúns alpinistas e as forzas
dividíronse.
Así, o suízo e o
inglés partiron o 29 de setembro do CB para intentar facer cumio o 1
de outubro. A noite anterior, no C3, o intenso frío fíxolles
desistir do intento e descenderon. Ese mesmo día 29, o equipo de
Carlos Soria (4 alpinistas e os seus sherpas) saía do CB co plan de
avanzar a ritmo de campamento por día e cumio o 2, so uniuse a ese
plan o danés Jakob Urth. Pola miña parte, iniciei o ascenso o día
30 para, saltándome o C2, facer cumio tamén o día 2. O resto de
europeos atrasaba o su intento ao día 3, en principio tamén con
meteoroloxía favorable.
O día 30 salgo do CB,
vou lixeiro de peso e alcanzo o C1 en 6 horas, o que estaba ben de
horario, pero a pesares de saír descansado e con ganas, chego ao
campamento cunha sensación de cansazo superior ao esperado.
Valorando ese detalle e o que sucedeu a outros alpinistas,
posteriormente chegamos á conclusión de que o CB, a 5.620 metros, é
ideal para aclimatar, pero demasiado alto para unha boa recuperación
física, o desgaste non é evidente, pero mingua moito. Ao C1 van
chegando outros alpinistas, entre eles Darek Zaluski, líder do
equipo polaco, con moitas e interesantes expedicións (5 oitomiles e
considerado como un dos mellores cámaras-alpinistas), como avanzada
de Andrzej e do seu irmán Grzegorz (guía internacional de montaña
e tamén cámara), quen sairían do CB os últimos, na madrugada do
día 1 coa intención de chegar ao cumio o 2 e baixar xuntos
esquiando. O equipo polaco se completaba co fotógrafo Marcin Kin,
inda que non pasou do C1. As imaxes tomadas polos polacos son
impresionantes.
![]() |
Amencer, eu vou camiño do C2
|
![]() |
Camiño do C3
|
O día 1 salgo de
madrugada, teño que salvar 1.100 metros ata o C3. Vou o primeiro e
atópome coa sorpresa de que a pegada ten sido cuberta pola neve. Ao
ter que refacer a pegada o esforzo extra suponme un gran desgaste e
tardo case 5 horas ao C2 (cando xa tiña subido en 3 horas). Tómome
un descanso (30´- 45´) e reinicio a marcha, a neve non está en bo estado pero agora a pegada está ben, precédeme o equipo de
Carlos Soria e antes deles xa teñen pasado os dous europeos (suízo
e inglés) cos que me cruzo na súa retirada. Alcanzo tamén a Jakob,
quen non se atopa forte e decide descender. Eu sigo subindo, chego ao
C3 (7.452 m) sobre as 9 da noite, tras unha xornada de 14 horas e
media, estou fundido. Falo co equipo de Carlos Soria quen me ofrece
bebida quente, son os únicos no C3 e infórmanme dos seus plans de
cumio. Monto a miña pequena tenda e entro rendido no saco, esperto
ás 2 da madrugada, hidrátome ben e ceo! Recibo o parte
meteorolóxico que me alerta de que o mal tempo adiántase e o día 2
haberá pouca visibilidade e bastante vento.
![]() |
C3. A miña tenda é a
verde claro. As outras 3 tendas son do equipo de Carlos Soria. Á
dereita, de vermello, Andrzej descansando.
|
![]() |
Ruta ao cumio dende C3
|
Ao amencer do día 2 de
outubro, o equipo de Carlos Soria tamén ten un mal prognóstico do
tempo e os seus sherpas, que saíran de avanzada, informan do mal
estado da neve. Deciden abortar o intento de cumio e descender. É
entón cando dígolles que eu intentarei o cumio Central, deséxanme
sorte e preparo as miñas cousas.
![]() |
Vista do C3 ao inicio
da ascensión, ao fondo está o CB xunto ao lago glaciar.
|
Cando
estou a punto de
saír aparece
Andrzej (durmira
cos seus
compañeiros no
C2 e no ascenso
ao C3 o
seu irmán non atopouse
con suficientes forzas
e terminou
por regresar ao
C2), pregúntame
a que cumio
vou e dígolle que ao Central. Dime
que a el lle
vale. Para alegría dos presentes, non
subirei só,
lévome moi ben
con todos os membros do
equipo de Soria e
quedaron máis
tranquilos. Inicio o
ascenso mentres
Andrzej descansa
un pouco, bebe e
come. Pronto sento o seu
alento,
adiántame,
é un verdadeiro
portento, esmaga a
neve como quen pisa uvas na
vendima. Atopamos tramos en que a neve está tan mal que
temos que pasar “a gatas” para afundirnos
o menos posible e
poder avanzar. Andrzej vaime
sacando rapidamente
distancia. Eu vou moi canso
do día anterior
e paso por malos
momentos, o vento
tamén castiga, penso en renunciar, pero
non quero facelo,
inda vou en hora
e sei que o
descenso é
rápido e seguro
porque hai
bastante corda
fixa (aprox.
entre os 7550 e
7800 m), e
teño necesidade
de chegar, non
por min, senón
por dedicarlle o
cumio a un amigo falecido
na montaña, iso
dáme ánimo
e a mente é
o “músculo”
máis poderoso
que temos, eu así
o creo, e sigo
subindo. Vexo
a Andrzej chegar ao
cumio (son máis
das 3), e sei
que eu tamén
podo, si quero...
e claro que
quero. Andrzej tarda
moito en iniciar
o descenso cos
esquís, a neve esborrállase,
provoca unha pequena
avalancha, pero por fin decídese
e o
gravo en vídeo.
Chega xunto
a min, detense
e dime
que por onde el
ten subido está
moi perigoso
polo risco
de avalanchas. Desexámonos
sorte e
vaise rapidamente sobre os seus esquís.
Decido non seguir
a súa pegada e diríxome
a unha zona
rochosa pola que
gañar altura de
forma máis
segura, o terreo
é mixto e
a neve está mal, paso apuros pero logro
saír por arriba,
logo sigo cara
o cumio... e
chego,
é un
montón de neve inestable na
que cravo o
piolet como quen mete o
dedo na nata,
medo me da,
móvome moi a modo
asentando cada paso. Observo a aresta
que conduce ao cumio
Principal, parece factible, outro
ano quizais.
É moi
tarde, son as 18.45
h, quédanme
unhas dúas
horas de luz natural.
Tomo unhas
fotos, marco o cumio no
GPS (indica 8.020 m) e
gardo o trak, non
quero ter problemas no
descenso. 20
minutos e para
abaixo. Chego
ao C3 pasadas as
10 da noite, sen
contratempos.
Estou só,
sei que seguirei
así en todo o
descenso e que
non será doado,
o mal tempo está
garantido. Pero no
campamento síntome
seguro, saboreo o cumio,
emociónome e
penso no meu
amigo, chamo a
Xulio (meu
irmán) para
dicirllo e
que o publique,
dedícolle o cumio á
“Memoria de Abel Alonso e
a súa
familia”.
![]() |
Ruta por riba das
rochas para evitar as avalanchas.
|
![]() |
Preto do cumio, último
paso delicado polo estado da neve.
|
![]() |
Dende o cumio poden
verse dúas pegadas que conflúen, pola esquerda a miña e pola
dereita a de Andrzej.
|
A noite é tremenda, un
vento enfurecido azouta a miña feble tenda. Ao día seguinte non se
mira nada, alá onde bote unha ollada todo é branco, está nevando,
espero a que despexe un pouco, ao final teño que saír así, recollo
todo e vou para o C2, pero teño que facer pegada na neve fresca, con
vento en contra, e tardo unhas 7 horas (ese descenso o tiña
realizado en hora e cuarto cando estaba aclimatando), e ademais
cústame atopar o campamento a pesares do GPS. Outro día que vou ao
saco esgotado, pero satisfeito. Á mañá seguinte o mesmo, abrir
pegada, pero é máis curto, en dúas horas e media chego ao C1, onde
teño de todo e recupero ben. Vou lento, pero o mal tempo faime ser
prudente e afianzar cada paso, ademais non teño presa e estou ben.
![]() |
Descenso do C3 ao C2
abrindo toda a pegada.
|
![]() |
Ponse o sol e inda
falta moito treito para o C2.
|
![]() |
C2 antes de saír para
o C1.
|
O sábado 5, recollo todo, é moito material a cargar, pero nunca deixo
nin o máis mínimo resto (excepto o material orgánico), e o peso é brutal.
Fabrico unha especie de macuto para deslizar sobre a neve e aliviar a mochila,
descendo ata a lingua do glaciar (penitentes), onde non me queda máis remedio
que cargar todo ás costas para cruzar o xeo, é o último obstáculo importante, e
onde por certo terminou o descenso de 1h20´ de Andrzej esquiando dende o cumio.
Superar ese obstáculo tan cargado, supúxome 3 horas e cuarto (con anterioridade
xa o tiña realizado en apenas unha hora, sen carga). Foi moi duro. Despois inda
tiña que realizar un penoso descenso pola pedregosa beira do glaciar ata o CB,
un percorrido normalmente de 2 horas mínimo, pero o axudante de cociña do meu
campamento esperábame para axudarme. Non pedira axuda, pero aceptei gustoso o
seu ofrecemento. Cheguei ao CB esa tarde, moi canso, pero moi feliz, á fin e ao
cabo conseguira chegar ao cumio, fermoso lugar estea onde estea; espremese o
meu corpo ao límite, sufrido e resistido... e sentido intensamente, vivira
outro soño e iso é, en definitiva, o que fai que a vida mereza a pena, loitar
polos nosos soños.
![]() |
C1, a miña tenda e o
resto de material que teño que baixar da montaña.
|
![]() |
Reparto o peso entre
mochila e macuto caseiro.
|
![]() |
Descanso antes dos
penitentes, un muro de xeo difícil de superar con tanto peso.
|
Día 6, domingo. Desmontamos o CB, marchamos da montaña.
Tamén o fai o grupo de Carlos Soria. Mentres, Danilo, Eelco e Frank, marchan
cara o C1 para un último intento de cumio, teñen montados os seus campamentos 1
e 2. Pero está nevando, e xa son varios días igual, dígolles que deberían
esperar, hai moita neve fresca, pero din que non teñen máis días. Os nosos iacs
están rebeldes, unha e outra vez espallan a súa carga e non damos avanzado. Por
fin tras varias horas, iniciamos a marcha sen ter que parar cada dous por tres.
Eu vou moi canso, e o meu 7º día consecutivo sen descansar e cargando coa
mochila. Por fin, xa noite chegamos ao CB chino, perdín a conta das horas, pero
tardamos máis que cando subira unhas semanas antes, o manto de neve en toda a
ruta fixo o percorrido máis duro e interminable. Esperábannos un jeep e un
camión no que cargamos o material que portaban os iacs. Marchamos rápido,
pretendíamos chegar a Zhangmu, preto da fronteira, pero os guías consideraron
que quedaramos en Nyalam, porque xa era moi tarde.
![]() |
Perdices e chovas,
aproveitan os restos que quedan no campamento.
|
![]() |
Cargando os iacs, con
moita dificultade e baixo unha nevarada.
|
![]() |
A nosa caravana de
iacs.
|
Luns, 7. Reiniciamos a viaxe rumbo a Kathmandu, e como xa
o contei en facebook, non o vou repetir para non ser pesado. Pero si poño unhas fotos.
![]() |
| “Ponte da amizade” e fronteira china. |
![]() |
Hai quen se conforma
con ter uns ananos no seu xardín... Pero aquí as Deidades son moi importantes.
|
![]() |
Retidos pola policía
metropolitana, ás portas de Kathmandu.
|
![]() |
Un exemplo do que poden
ser as miñas pernas, exaxerando un pouco...
|
Días 8, 9, 10 e 11. Descanso, relax, charlas con
compañeiros da aventura, revisar material, limpar e secar. Meu corpo vai
recuperando algo de peso e van desaparecendo as marcas do frío e o sol, sobre
todo na pel da cara e os beizos, os que máis sofren. Tamén vou recuperando a
sensibilidade dos dedos, non teño conxelacións pero a exposición ao frío deixa
secuelas temporais que duran unhas semanas, sobre todo nos dedos e dedas que si
teñen sofrido conxelacións anteriores. Parte do meu tempo vai para facer algo
de turismo e dar paseos pola sempre interesante cidade de Kathmandu. Hoxe,
mentres almorzaba con Jakob, chegou Eelco, contounos a peripecia do seu trío no
último intento de cumio, no que non pasaron do C1, por mor da abundante neve e
as avalanchas constantes, e tiveron que dar por perdido o seu C2, mágoa, porque
aí quedan moitos cartos invertidos, ademais das ilusións.
![]() |
Na terraza do meu hotel
puxen as miñas tendas ao sol.
|
![]() |
Santón con cara de
poucos amigos.
|
![]() |
Casco histórico de
Kathmandu. Observade a cantidade de papaventos enredados nos cables. É
unha zona onde os rapaces gustan de despregar os seus papaventos.
|
Mañá día 12 inicio a miña viaxe de regreso a Vigo, onde
teño previsto chegar o domingo 13, ás 19.22 h (estación de tren de
Vigo-Guixar). Festival de apertas!!!
Sechu López
Kathmandu, 11 de
outubro de 2013.
50 Aniversario da
Federación Galega de Montañismo (1963 - 2013).
SMS recibidos dende
28 de setembro:
Dende o artigo anterior
teño recibido sms de:
Patri, Rosa Luengo,
Jony (fisio), Juan Taboada, Alberto Filgueira, Victor Impar, Abel
A.R., Mariano, Nacho e Mercedes, Lourdes Castiñeira, Susana, Alex,
Ivan EGAM, Bran, Ana Tika, Jose Carlos, María Amate, Javi Diéguez,
Xoan Carlos, Rosiña Paredes, Manu B., Antonio e Conchi, Make-Beni,
Xulio, J.C. Homobono, Ana Caramés, Alex Sevilla, Jaco, Nerea,
Ximnasio Saúde e Deporte, Fisio Lence & Martínez, Carlos
chistes, Jose Díaz, Marisa, dfd, Luís González, Nacho, Carlos
Garrido, Roberto López, Iago Celtas, Manoel (Manu), Rocío, Adolfo
Puch, Helga, Haritz, Manel - Concello de Vigo, Agus, Manoel Chao,
Ignacio López-Guerra, Stefano, Tinker, David, Andrea Michele, Pedro,
Ana, Françoise, Armando, Isa FGM, Marian Ribeira, Marcos,
C.M.Celtas.
Nota: O meu teléfono satélite
xa non está operativo.

























