30/01/19

No cumio de Galicia, unha vez máis. Pena Trevinca, 2.127 m.


   O sábado estiven no cumio de Trevinca, un macizo montañoso que conserva a súa naturalidade e paisaxe, grazas, en boa parte, a algúns dos seus habitantes máis comprometidos coa conservación, protección e uso responsable deste lugar. Falo de Cholo e Marcos, quen rexentan O Trisquel, en Vilanova (A Veiga, Ourense), lugar de inicio e final da miña excursión circular: Vilanova – Sestil – Sestil Alto (1.993 m) – Pena Trevinca (2.127 m) – Pena Negra (2.121 m) – Lombo do Roncín – Maluro (1.931 m) – Vilanova; unha ruta clásica que teño realizado en numerosas ocasións, sempre gozando da contorna.
   Non había moita neve, pero si a suficiente para poder usar as raquetas dende as faldras do Sestil, preto dos 1900 metros. Un bo día, soleado, con vento só na parte alta.
   Dou por iniciada a miña temporada na neve, espero que sexa longa... e boa!

En Pena Trevinca, cumio de Galicia, 2.127 m.

Subindo ao Sestil queda as nosas costas o Val do Xares

Un grupo no inicio do Lombo do Roncín

Cara Norte de Pena Negra (á dereita) e Pena Surbia (no centro)

O grupo de antes, na parte final do Lombo do Roncín.

Montañeiro descendendo do Pena Trevinca.

Luces do serán.
Camiño ao Lombo do Roncín, en primeira liña de cumios.
En segunda liña, ao fondo, Pena Negra (esquerda) e Pena Trevinca (dereita).

O Trisquel (otrisquel.com), preciosa e coidada casa de turismo rural situada a 1.220 m,
onde a comida é sabrosa e o trato espléndido.
Cholo en primeiro plano, acompañado polos cans, amigos para sempre.



11/06/18

3 anos despois de que un "yeti" cruzásese na miña vida


Hai hoxe tres anos, un “yeti”* partiume a cara... e como consecuencia, cambioume a vida.

Os cambios hai que afrontalos o mellor posible; sufrir unha desgraza supón un empeoramento da situación, pero a vida segue e amargarse non conduce a nada. Está nas nosas mans aceptar os cambios o antes posible e mirar cara adiante con optimismo, loitar por acadar novos soños, e sentirnos afortunados por ter novas oportunidades e xeitos de seguir “vivindo”, e facelo como se cada día fose o último, porque tarde ou cedo ha de chegar. Xa o di o refraneiro: Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe.

E hai hoxe un ano que estaba pola Illa de Arousa, facendo a travesía da Costa Verdecente, a miña aventura mariña que me levou a percorrer integramente a costa de Galicia en kaiak de mar. Foi un bo día. Á beira do mar... foi un bo lugar para seguir tendo aventuras, xa que pensaba que ás grandes montañas era complicado volver.

Primavera de 2018, tres meses, na que fixen outras tantas viaxes a montañas de: Nepal, Kirguistán e Mallorca. E sentinme cada vez mellor, forte, motivado. As grandes montañas xa van aparecendo no meu horizonte mental.

*O vehículo contra o que choquei o 11 de xuño do 2015 (eu ía en bici), era un Skoda, modelo “Yeti”... curiosidades do destino.

10 de xuño 2018, en Miño

21/02/18

25 anos de socio de Club Montañeiros Celtas


25 anos en Montañeiros Celtas, uf, dicilo é un tópico, pero non podo evitalo: parece que foi onte cando decidín asociarme... como pasan os anos!

A presidenta do Club, Lourdes Castiñeira, colocándome a medalla de 25 anos asociado,
na Cea Anual de Montañeiros Celtas o sábado 17 de febreiro 2018
Case media vida no Club, ao que dediqueille moitas horas, fun vicepresidente e logo presidente, colaborador... Sempre presumindo de Club, pois síntome orgulloso de ser socio desta entidade de loable historia, de grandes montañeiros e aventureiros... por iso levo o seu nome e/ou escudo en prendas deportivas e material, nas expedicións, nas viaxes... e ante os medios de comunicación vinculo o meu nome a Montañeiros Celtas, dándolle ao Club un merecido protagonismo, pois para min foi unha escola con bos mestres, onde se reforzou a miña paixón polas montañas e as actividades en contacto coa natureza.

Grazas a todos os que me apoiaron nos bos momentos, e tamén nos malos, porque sempre hai de todo un pouco.

E agora a pola medalla dos 50 anos!

Con Antonio Caldelas. Asociámonos ao Club en 1993

Con Maruxa Barros, con quen coincidín algúns anos nas candidaturas a mellores deportistas de Vigo e comarca (ela por Espeleoloxía). Entre nós Manel Fernández, Concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, .
Con José Blanco Puga, que recibiu a medalla de 50 anos de asociado.



06/11/17

Conferencias en Galicia.

   Mes da montaña e a aventura en Galicia. 16 conferencias anunciadas, entre Vigo, A Coruña e Ourense. Ir a todas non é posible, xa que algunhas coinciden en data e hora, haberá que elixir!
Para facilitar a asistencia, fixen unha listaxe na que agrupei as conferencias, por orde cronolóxica. Animádesvos a asistir, todas son de balde e os clubs organizadores e os seus colaboradores fan un gran esforzo para achegarnos temas e persoas interesantes. Os clubs e os conferenciantes agradecen a participación. Non faltedes!

   A primeira conferencia é en Vigo, con Chus Lago o mércores 8 no Club Faro de Vigo, socia distinguida de Montañeiros Celtas, Club que con motivo do seu 75 Aniversario organiza sete conferencias, e tamén unha Exposición na Fundación Barrié (rúa Policarpo Sanz, 31.- Vigo) que remata o 1 de decembro. Máis info: www.celtas.gal

   A 14ª edición da Semana da Montaña da Coruña, do martes 14 ao sábado 18 de novembro está organizada este ano pola S.M. Ártabros e pola AMI (Agrupación de Montañeiros Independentes) que organizan proxeccións e charlas. Máis info: www.artabros.org

   A 19ª edición da Semana audiovisual do Club Alpino Ourensán, do martes 28 de novembro ao venres 1 de decembro, ten como fío condutor a exploración e a aventura. Máis info: www.clubalpinoourensan.es

   Eu terei a honra e satisfacción de presentar aos catro alpinistas (e escaladores, exploradores e aventureiros) que estarán en Vigo: Chus Lago, Ferran Latorre, Carlos Soria e César Pérez de Tudela.



























25/05/17

Reunión en Santiago e presentación de proxecto Costa Verdecente

Esta semana recibiume en Santiago a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez Telle, unha gran muller (eu tampouco son moi grande) e gran atleta, olímpica en Sidney 2000. A reunión foi moi cordial e amena.

Fun a presentarlle o meu inminente proxecto deportivo "COSTA VERDECENTE - 1.500 km en kaiak pola beira do mar de Galicia". Unha actividade que farei en solitario (ás veces con compañeiros) e que inicio este sábado 27 de maio, en Tui, sendo algo así como unha etapa prólogo polo río Miño ata a súa desembocadura. O domingo 28 será a Etapa 1 do litoral, e teño previsto chegar a Baiona. Tras uns dous meses de travesía en liña percorrendo toda a costa galega, rías incluídas e tamén algunhas illas, pretendo acadar á Ría de Ribadeo... se o mar, o vento e as miñas forzas, o permiten.

Irei ampliando esta información e contando os avances da expedición.

Conto principalmente co apoio e ánimo de: Club Montañeiros Celtas, Club Deportivo Náutico de Miño, Meteogalicia e Deporte Galego. Ademais doutras entidades, e sobre todo particulares que non cesan no seu ánimo e intención de axudar no que precise. 

Unha aventura para gozar e compartir.


24/05/17

Curso AGKM: técnicas de navegación en kaiak de mar e rescates.

A pasada fin de semana en Redes (Ría de Ares, A Coruña), para refrescar e ampliar coñecementos de técnica e seguridade, participei nos cursos da AGKM (Asociación Galega de Kaiak de Mar) sobre navegación e rescates, dirixidos por Alfredo Chavert, toda unha referencia do kaiak de mar en Galicia.

Foi a última fase da miña preparación para a vindeira aventura, que presentarei en breve.


 

17/05/17

Cruceiro coa miña nai e Día das Letras Galegas.

Hai viaxes diferentes, e acabo de regresar dun. Diferente porque non foi unha viaxe típica para min, foi especial, para compartir coa miña nai, e esta vez a aventura foi para ela: primeira viaxe en avión, primeira viaxe nun gran barco, primeira visita ao estranxeiro... Pasouno en grande e eu con ela, emocionante para os dous, e rimos moito, falaba coa xente por Italia e Francia como se estivera no seu barrio...
Foi un cruceiro polo Mediterráneo, visitamos Barcelona, Pompeia, Nápoles, Roma, Florencia, Mónaco e La Seyne.
A foto é no piano bar do barco, a noite de Gala. A bordo celebrou o seu 76 aniversario... a que non os aparenta?
Hoxe escribo en galego porque é o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Carlos Casares (como a miña nai, do 1941). Os vindeiros días e espero que anos, tamén escribirei en galego, porque é o meu compromiso con estas fermosas Letras.

10/05/17

Espeleoloxía en Cantabria

A pasada ponte de maio recuperei outra das miñas actividades, a espeleoloxía. Despois de dous anos, regresei ao mesmo sitio onde realizara esta actividade por última vez, ás covas de Cantabria e con base no cámping de Ramales. E o fixen unha vez máis co GES Montañeiros Celtas, o meu Club. Inda que desta vez só éramos cinco. O pasamos moi ben.

Deixo aquí un vídeo resumo das gravacións que realicei nas tres covas visitadas, unha por cada día que estivemos alí.


29/03/17

Fauna de Estremadura. P.N.Monfragüe e arredores

Hai uns días regresei de Estremadura, dunha viaxe para ver fauna no Parque Nacional de Monfragüe e os seus arredores.

O motivo principal foi asistir a un curso de identificación de aves rapaces, acuáticas e esteparias, organizado por SEO/Birdlife (Sociedad Española de Ornitología) e aproveitar algúns días máis na zona.

Ademais de aves, tamén fotografei fauna de charcas (ras, tritón, galapagos, “chinche acuática”) unha lontra, cervos, lagartiña “colilarga”...


Aquí deixo unha selección de fotos. Pica na foto para acceder ao álbum:


06/03/17

Cea anual de Club Peña Trevinca - Montañeiros de Galicia

O pasado sábado en Vigo, asistín convidado á cea anual de Club Peña Trevinca – Montañeiros de Galicia, onde recibín un agasallo en recoñecemento á miña “desinteresada colaboración co Club”.

Eu, que son de C. M. Celtas, penso que unha certa rivalidade entre clubs é positiva pois os obriga a mellorar constantemente, o que non debe ser impedimento á colaboración entre distintas entidades ou os seus membros, pois sempre é positiva para o ben común, sendo a paixón pola Montaña o que nos une a todos. Como exemplo recente, xurdiu o colectivo Montañeiros Galegos polo Nepal, que conseguiu canalizar unha importante axuda solidaria destinada ás vítimas dos terremotos de Nepal. Porque amamos as montañas, e á xente que lles dá vida.

O meu agradecemento aos membros de Club Peña Trevinca polo seu constante agarimo á miña persoa, que teñen demostrado en numerosas ocasións.

Lois Faro, Vicepresidente de Club Peña Trevinca, entregou o agasallo.


























































Participando no xogo-concurso de baile.







24/02/17

Crónica dunha viaxe a Benasque (Perineo aragonés)

05-02-2017.- Os seis compañeiros que iniciamos a viaxe, en furgoneta, chegamos a un Benasque engulido nunha intensa nevarada, 12 horas despois e máis de 1000 km dende a saída de Vigo. Aloxámonos na Escuela de Montaña.



06.- Non puidemos ir a esquiar as pistas de Cerler pois non abriron por mal tempo (forte vento), pero as ganas de monte fixeron que subíramos ata a vila de Cerler polo sendeiro, actividade que nos levou unhas 2 horas e media.

Subimos cinco a Cerler, 2 con esquíes e o resto andando
por momentos o forte vento axitaba a neve con furia


























Ata os máis experimentados non están libres de ter un tropezo...

A neve era profunda

Chegando á vila de Cerler

07.- Esquiamos nas pistas de Cerler, en moi boas condicións. Pola noite quedamos con uns vellos coñecidos, galegos que emigraron a Benasque para estar preto da alta montaña: Carlos Carracedo, Juan Goyanes, Xavi Moscoso, José Ramón...

Os 6 nun telesilla: Sechu, Marcos, Paco, Rafa, Pedro, Miguel.



08.- Nova xornada de forte vento, polo que quedamos por Benasque.

09 e 10.- Esquí nas pistas de Cerler.



Non esquecimos o banderín do noso benquerido Club Montañeiros Celtas

11.- Marchan os compañeiros para Vigo e eu vou ao monte en dirección ao Perdiguero (3.220 m) polo val de Estós. Subo andando dende Benasque moi cargado (tenda, saco, etc., ademais do meu novo equipo fotográfico Olympus), o que sumado á gran cantidade de neve e a falta de pegada dende os 1500 m, faise moi dura a ascensión e ao paso pola “Cabana de La Coma” (1.820 m) decido que vai ser un bo sitio para durmir. Esa noite neva (15 cm), polo que ao día seguinte (12) dou un paseo pola contorna e regreso á vila, baixo unha suave nevarada.






























Case un metro de neve diante da cabana

a parte alta do bosque está dominada polo pino negro...

...entre os pinos atópanse algúns exemplares de capudre (serbal de los cazadores), 
cos seus rechamantes froitos cubertos con sombreiros de neve.


máis abaixo dominan os bidueiros (abedules) e sobre todo as abeleiras (avellanos)

13.- Neva intensamente na montaña (30 cm), chove en Benasque. Descanso. 

14.- Esquí en Cerler.




15.- Repito xornada de esquí en Cerler, pero con dous de Vigo cos que coincidín. 
Despois dunha cervexa con estes novos amigos, collo a mochila e subo a acampar ao cumio do Pico Cerler (2.407 m), ascensión que me levou 2h34´. A noite estrelada, moi fermosa.
























Con Berto e Bibi
























Pico Cerler. O meu obxectivo foi acampar no cumio, e mereceu a pena, noite de estrelas.
























Amencer no Pico Cerler
























Onde está o fotógrafo?
























O Aneto mírase lonxe, pero era o meu obxectivo para o día seguinte.

16.- Descenso do Pico Cerler ata Benasque, onde cambio de roupa e de material, decidido a intentar o Aneto. 
Collo un taxi ata Llanos do Hospital (10 km) e dende alí coas raquetas ata o refuxio de La Renclusa (2.140 m) en 1h45´. Ceno e fago noite no refuxio, só están os gardas.

No descenso tomei esta foto da estación de esquí, comezaba a súa frenética actividade.
























Vila de Benasque, entre montañas. A subida das temperaturas e a choiva, estaban derretindo moita neve no val.
























Hospital de Benasque (Llanos del Hospital)
























Pista de esquí de fondo (no verán é unha estrada asfaltada) ata a Besurta; e dende alí ao Refuxio
























Refuxio de La Renclusa (2.140 m) ao chegar

17.- Madrugo e almorzo. Comezo a andar ás 7.13 horas, aproveitando unhas pegadas de esquí para afundirme menos, eu vou con raquetas. Tras 2 horas e 45´chego ao Portillón Superior (1.895 m), dende aquí non hai nin rastro de pegada e a neve está bastante branda. 
A baixada dende o Portillón está algo delicada, calzo os crampóns, vou moi amodo, a neve enseguida está novamente branda, demasiado. Sigo coas raquetas polo in-ter-mi-na-ble glaciar, ata que chego á altura do collado de Coronas, onde collo unha pegada de esquíes ata que me planto ante o famoso e aéreo “Paso de Mahoma” que presenta moita neve (sen transformar) e faime dubidar un instante. Saco a corda e avanzo pola aresta autoasegurándome nos grandes bloques de bo granito, ata que chego... cumio do ANETO (3.404 m), meu primeiro tresmil! (dende o accidente). Síntome moi ben, libre, FELIZ... 
Descendo moi rápido ao refuxio completando un total de 12h50´ de ida e volta, a última hora á luz do frontal. Un día luminoso, con toda a montaña para min só, ninguén máis, fantástico. Outra proba superada na busca dos meus novos límites, o esforzo mereceu a pena, como sempre. Cenei algo e seguín baixando, ao garda custoulle crer que non quedaba a durmir. En 1h30´ cheguei ao Hospital de Benasque, onde dous traballadores do hotel ofrecéronse a levarme ata Benasque, o que aceptei gustoso.
























Inicio o ascenso coas primeiras luces, a perezosa lúa vai durmir tras o macizo da Maladeta.
























Portillón Superior. Ao fondo á esquerda, o Aneto
























Un helicóptero sobrevoa o cumio, é algo inquietante... por que estará aí?
























Estou diante do Paso de Mahoma, ben cuberto de neve. Ninguén fixo cumio dende a última gran nevarada.
























Cumio. Facía 75 anos que o subiran por primeira vez os Montañeiros Celtas... alégrome de estar.
























Últimas luces, últimas fotos. Baixo rápido, é tarde.

18-19.- Participo na reunión anual de árbitros FEDME de Carreras por Montaña, na Escuela de Montaña de Benasque. Logo dous árbitros cántabros achéganme no seu coche ata Sabiñánigo, onde collo un tren a Zaragoza.











20.- Chego a Miño, despois dunha longa noite no tren.