Amosando publicacións coa etiqueta Annapurna 2012. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Annapurna 2012. Amosar todas as publicacións

26/06/13

Annapurna. Punto e aparte, con despedida amarga.

Punto e aparte. Porque retiro xa da portada do meu blog todo o referido ao Annapurna. Xa hai máis dun ano que regresei desta fermosa montaña e teño intención de viaxar a outra gran montaña este ano, polo que hai que facerlle sitio ao novo proxecto.

Pasaron moitas cousas na miña vida nestes meses... e tamén na vida de moitos dos que foron compañeiros naquela aventura, a maioría participaron en distintas expedicións a oitomiles e, desgraciadamente, algúns morreron recentemente, de aí no título deste artigo "despedida amarga".

Unha vez máis quero insistir en que os montañeiros non imos á Montaña a morrer, senón todo o contrario, imos VIVIR. Coñecemos e asumimos certos riscos, propios das actividades que realizamos, e saber que podemos perder a vida en calquera momento fainos saborear cada instante dela.

Zsolt, en Annapurna 2012
O húngaro Zsolt Eross foi un dos 10 alpinistas que saímos do C4 cara o cumio do Annapurna, el foi un dos 3 que non conseguiu acadalo, decidiron non seguir subindo nun momento dado e descenderon, tiña suficiente experiencia para tomar a decisión axeitada, Zsolt sumaba 9 oitomiles, faltáballe unha perna que suplía cunha prótese, sendo admirable a súa determinación para seguir facendo o que tanto lle apaixonaba. Morreu esta primavera descendendo do cumio do Kanchenjunga, tras unha dilatada xornada de cumio. O cansazo é un dos principais motivos de accidentes. Hai quen me dixo que Zsolt morreu de morte "natural", foi irónico? ben mirado é aceptable, pois "perder a vida" escalando un oitomil non é algo anormal tendo en conta os riscos.

Somos insignificantes comparados coa grandeza das montañas, pero somos grandes para quen nos aprecia e admira. Nós só imos alí porque é o que nos gusta, o que nos ilusiona e apaixona, o que fai que a nosa vida sexa interesante, por e para nós, é algo tan sinxelo como que sentimos a atracción das grandes montañas... unha especie de canto de sereas. Estar na Montaña é fantástico, somos felices.


Yang, en Annapurna 2012

Chung-Feng Yang e Jian-Feng Rao, eran os dous chinos cos que compartín Campo Base (CB) do Annapurna, estaban no outro grupo da mesma axencia coa que contratamos os servizos da expedición. Eran moi reservados e non se facían ver moito polo campamento, pero compartimos algúns bos momentos, eran simpáticos e moi peculiares.
Yang era un apaixonado de fumar en pipa, era case imposible velo sen unha, e tiña unha grande colección de pipas no CB! un home tranquilo, non se alteraba por nada.
Jian, en Annapurna 2012
Jian era enxeñeiro e era máis inquedo e alegre, lémbrome del na festa do fin de ano nepalí na nosa tenda comedor, dirixindo a nosa orquestra... rimos moito.
Levo todo o día pensando neles, cunha presión no peito que me afoga e aflixe. Hoxe lin na web de Desnivel a relación dos 11 montañeiros asasinados no CB do Nanga Parbat o 22 de xuño, nun ataque terrorista, entre eles: Yang (44 anos, 11 oitomiles) e Jian (49 anos, 10 oitomiles), eles non perderon a vida na montaña, "quitáronlla", non por ser montañeiros, non! senón porque eran un branco fácil da crueldade humana que non ten escrúpulos ao pretender gañar conflitos matando a xente inocente e sen posibilidade de defenderse. Isto non é normal, nin asumible... é unha barbaridade. 

Yang e Jian (círculo verde), no CB do Annapurna 2012
Esta é a miña pequena homenaxe a estes namorados das grandes montañas, que xa non están entre nós. Descansen en paz.

Sechu.

31/12/12

Resumo de prensa 2012

Con motivo da expedición que realicei na primavera deste ano ao Annapurna, a repercusión nos medios de comunicación foi moi ampla, antes, durante e despois da expedición. Hoxe publico un resumo de prensa ofrecendo artigos/entrevistas publicados en xornais, revistas e internet, ademais dalgúns dos emitidos en radio e televisión.
 
Sechu x Marta G.Brea
Quero mostrar o meu agradecemento aos Medios de Comunicación que tiveron interese na miña expedición ao Annapurna, en especial aos seus directores, redactores, reporteiros gráficos, presentadores e locutores. Co seu traballo contribuíron a dar gran difusión a esta actividade realizada no Himalaia, achegando á sociedade o deporte de alta montaña, a aventura e as extraordinarias emocións e sensacións que se viven. Grazas a todos.

Xornais:



2012-02-29_ ATLÁNTICO, páx 36.pdf

2012-02-29_ ATLÁNTICO, páx 41.pdf


2012-03-19_ FARO de VIGO, páx 42.pdf

2012-03-19_ FARO, páx 42_ color.pdf

2012-03-23_ FARO, páx 51.pdf

2012-03-23_ LA VOZ, páx L13.pdf


2012-04-01_ FARO, páx 69.pdf

2012-04-03_ ATLÁNTICO, páx. 40.pdf

2012-04-03_ LA VOZ, páx L10.pdf

2012-04-13_ ATLÁNTICO, páx. 49.pdf

2012-04-15_ ATLÁNTICO, páx. 63.pdf

2012-04-17_ ATLÁNTICO, páx. 42.pdf

2012-04-17_ FARO, páx 51.pdf


2012-04-19_ ATLÁNTICO, páx. 48.pdf

2012-04-19_ LA VOZ, páx L10.pdf

2012-04-20_ ATLÁNTICO, páx. 48.pdf

2012-04-20_ LA VOZ, páx L13.pdf

2012-04-22_ LA VOZ, páx L14.pdf





2012-04-26_ ATLÁNTICO, páx. 47.pdf

2012-04-30_ ATLÁNTICO, páx. 36.pdf

2012-05-02_ ATLÁNTICO, páx. 40.pdf

2012-05-02_ FARO, páx 45.pdf

2012-05-03_ ATLÁNTICO, contraportada.pdf

2012-05-03_ ATLÁNTICO, páx. 49.pdf


2012-05-03_ LA VOZ, páx L10.pdf

2012-05-04_ FARO, páx 49.pdf

2012-05-04_ ATLÁNTICO, páx. 53

2012-05-04_ LA VOZ, páx L13.pdf

2012-05-05_ ATLÁNTICO, páx. 49.pdf

2012-05-05_ FARO, páx 57.pdf

2012-05-06_ ATLÁNTICO, páx. 49.pdf


2012-05-06_ LA VOZ, páx L13.pdf



2012-05-07_ FARO, páx 21.pdf

2012-05-07_ FARO, páx 44.pdf

2012-05-07_ FARO, portada.pdf

2012-05-07_ LA VOZ, páx 44.pdf

2012-05-07_ LA VOZ, portada.pdf



2012-05-08_ FARO, páx 49.pdf

2012-05-08_ LA VOZ, páx L10.pdf

2012-05-09_ ATLÁNTICO, contraportada.pdf

2012-05-09_ ATLÁNTICO, páx. 47.pdf

2012-05-09_ FARO, páx 53.pdf

2012-05-09_ LA VOZ, páx L10.pdf



2012-05-10_ FARO, páx 54.pdf

2012-05-10_ LA VOZ, páx 56.pdf

2012-05-11_ ATLÁNTICO, páx. 49.pdf

2012-05-11_ FARO, páx 60.pdf


2012-05-15_ ATLÁNTICO, portada.pdf

2012-05-19_ FARO, páx 58.pdf

2012-05-20_ ATLÁNTICO, páx. 53.pdf

2012-05-20_ FARO, páx 69.pdf

2012-05-20_ LA VOZ, páx L14.pdf


2012-06-02_ FARO, páx 56.pdf

2012-10-26_ FARO, páx 12

2012-10-27_ FARO, páx 55

2012-10-27_ ATLÁNTICO, páx 51

2012-10-27_ LA VOZ, páx L-11

2012-12-04_ LA REGIÓN, páx 2+Deporte.pdf


Revistas



















Entrevistas en Radio
(17 minutos, entrevista en directo de Kico Novoa e Elena Soto).
  
En Onda Cero, con Raquel Sánchez
(26 minutos, entrevista de Raquel Sánchez).





Entrevista en Televisión de Galicia

TVG2 “Alpinismo: Sechu López, cima no Annapurna”, 01-07-2012.mp4
 (26 minutos, entrevista de Carlos García-Verdugo).



Internet




Hai moitas máis entrevistas pero non teño os arquivos: Cope Vigo, Radio Vigo - Cadena Ser, Radio Voz, Radioweb Súbete ao Castro, Localia Vigo, TeleVigo...


15/11/12

Nova Proxección “ANNAPURNA”, en Ourense

O Club Alpino Ourensán organiza un ano máis a Semana Audiovisual, que xa vai pola súa XIV edición. Son tres interesantes proxeccións que se verán no Auditorio Municipal de Ourense ás 20.30 horas. Eu presentarei o meu audiovisual da ascensión ao Annapurna o venres 30 de novembro.

Estas proxeccións inclúense na programación do Outono Fotográfico, o Festival Galego de Fotografía; decano da península ibérica, que chega neste 2012 á súa 30ª edición.

A continuación tedes toda a información (picando en cada imaxe, podedes velas máis grandes):


 

19/10/12

Proxección Audiovisual “ANNAPURNA”

O vindeiro venres, 26 de outubro, presentarei a proxección audiovisual da miña Expedición ao Annapurna da pasada primavera. Na imaxe do Cartel tedes toda a información (picando na imaxe podedes vela máis grande). Espero vervos na sala e que vos guste a proxección.

Agradezo a difusión desta actividade. Aquí podes descargar o Cartel en PDF

Unha aperta.

Sechu

29/07/12

Vídeo "Avalancha ANNAPURNA 2012"

Recordaredes, benqueridos seguidores do meu blog, que durante a expedición no Annapurna gravei un vídeo dunha avalancha. Esta avalancha produciuse cando estábamos na ruta ao C3, o 18 de abril, e alcanzou a catro compañeiros. Foi un espectáculo dramático, moi angustioso, que rematou nun susto sen consecuencias, pero nos escasos dous interminables minutos que perdemos de vista a eses compañeiros, pensamos no peor.

Sabía que era un bo vídeo, pois inda que a calidade técnica non fora moi boa (gravado a pulso cunha cámara de fotos), a escena era impresionante. Simplemente pensei que sería unha boa toma para formar parte dun audiovisual, no que enlazarei fotos, vídeos, música... nunha presentación do que foi a expedición e que terá lugar previsiblemente ao remate do verán. Pero algúns compañeiros da expedición me dixeron que era vendible... e xa sabedes que estás expedicións custan moitos cartos e que é moi difícil conseguilos, polo que ante unha posible fonte de ingresos, abrín os ollos. Ao regreso da expedición intentei vendelo, pero os tempos non son favorables para a economía das televisións, polo que ata agora non tiven éxito.

Dende o principio, varios dos compañeiros da expedición me piden (e insisten) o vídeo da avalancha para incluílo nos seus proxectos persoais e proxeccións da expedición, e a miña intención era facilitarllo despois de ser emitido na TV. Pero pasa o tempo e non vou esperar máis para que o teñan aqueles compañeiros que o necesiten (moitos deles son protagonistas no vídeo). Este vídeo, denominado "Avalancha ANNAPURNA 2012" o teño formalmente rexistrado e ten Dereitos de Autor (Copyright), dereitos reservados.

Voume dar o privilexio de ser o primeiro que o difunda, e deste xeito agasallar aos seguidores do meu blog. Será o primeiro vídeo que poño no blog, estamos de estreo! Aquí o tedes:


Vou explicar un pouco o que hai no vídeo, para elo emprego unha foto de Tunç Findik (Turquía), publicada en varios periódicos e internet:


No centro da imaxe dous círculos vermellos sinalan aos catro alpinistas que serán alcanzados pola avalancha. De arriba a abaixo: Lakpa Norbu Sherpa, Badía Bonilla (México), Mauricio López (México) e Ang Kami Sherpa.
Tamén hai alpinistas subindo á esquerda da imaxe, marcados noutros dous círculos vermellos. Por riba destes hai un regueiro de máis alpinistas que se ven no vídeo.
En primeiro plano Guntis Brands (Suíza) facendo unha foto, diante del está Sechu gravando o vídeo (aos dous corresponden as voces que se escoitan no vídeo).

20/07/12

Musgo e Terra: aventura, deporte e aventura

“Musgo aventura” está en Pontevedra. “Terra deporte aventura” está en Vigo. Son dúas tendas especializadas en material deportivo para a práctica de actividades na montaña, viaxes e aventura. Ademais de ofrecer material das mellores marcas, dan información sobre rutas, actividades e novas interesantes, e tamén asesoran sobre o máis aseitado para levar en cada situación. E outra cousa moi interesante, se non teñen o que necesitas farán todo o posible por conseguilo.

Estas dúas tendas me teñen apoiado nas miñas tres grandes expedicións ás montañas de oitomil metros (Gasherbrum 2009, Manaslu 2010 e Annapurna 2012), ofrécenme prezos especiais e financiamento (pago aprazado ata despois das expedicións, cando a miña economía vai recuperando pulso). Non é doado atopar colaboracións que supoñan cartos, neste caso, dende a primeira vez que solicitei o seu apoio recibín un empurrón favorable: mostras de ánimo, entusiasmo e confianza no proxecto e a colaboración inmediata para facilitarme o material necesario. Así da gusto, con esa confianza demostrada lanzarse a proxectos de envergadura é máis doado... e necesaria. Non son tempos fáciles para o comercio, pero estas tendas fan un esforzo para implicarse en proxectos que fan crecer o noso benquerido deporte, que levan a aventura ao corazón de moita xente, que emocionan e ilusionan, ou cando menos iso é o que eu creo e sinto.

Moitísimas grazas a Luís, Nuria e Juan, de Terra, e a Mónica e David, de Musgo. Tamén aos seus empregados. De todos teño recibido sempre un trato amable e grato, ademais dun servizo profesional de calidade.


 Foto en MUSGO: Mónica, Sechu, David.

Foto en TERRA: Juan, Sechu, Nuria, Luís.

11/06/12

Visita a San Lázaro

O título é enganoso, non fun visitar ningún santo. O pasado venres (8 de xuño) fun a Santiago de Compostela, ao Estadio Multiusos de San Lázaro. Alí está o motivo da miña visita, as “oficinas do deporte” da Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego (FDG), onde presentei, como Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN), a solicitude anual de axudas, creadas coa finalidade de posibilitar a participación en actividades e competicións de interese para a promoción do deporte galego. Estas axudas, inda que pequenas (concedéronme 1.012 euros brutos en 2011, ao que lle restan un 15% para facenda), son parte dos recursos con que conto para ir de expedición.

Logo recibiume o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, con quen tiña cita concertada. Estivemos falando durante unha media hora, algo que sorprendeume gratamente pois non é doado obter tanta dedicación. Recibín a súa felicitación polo Annapurna, e mostrou interese pola expedición, a miña traxectoria deportiva, adestramentos, conxelacións, situación laboral... Saíu o tema das (escasas) axudas a deportistas de alto nivel, a situación de crise actual, as numerosas solicitudes... Foi unha reunión cordial e ao final pedinlle un par de cousas. Que gustaríame ter unha bandeira de Galicia (recibida de mans da Xunta de Galicia) para subila ás grandes montañas. Non teño por costume levar bandeiras aos cumios, pero esta é especial. Tamén soliciteille unha recepción este ano ao meu Club, polo seu 70 Aniversario. Díxome que podía contar con ambas cousas.

Saúdos, Sechu.




01/06/12

De 47 aniversario, pola mañá no Concello

Esta mañá fun ao Concello de Vigo, estaba citado, xunto a outros destacados deportistas da cidade, para unha recepción oficial do Alcalde da Cidade, Abel Caballero, e o Concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Non todos os anos un recibe a felicitación do Alcalde, de feito é a primeira vez que me pasa, e a recibín en persoa e por dobre motivo: por acadar o cumio do Annapurna e polo meu aniversario. Si, nacín xa hai 47 anos, a miña nai ten un grande e “apaixonado” recordo daquel momento, novata, parto na casa e 4´1 kg de cativo; que tempos aqueles, eu case nin me acordo, se que chorei, contáronmo, debía de estar moi emocionado.... O alcalde interesouse especialmente polo que sentín ao chegar ao cumio. Aproveitei a ocasión para pedirlle, ao rematar o acto, que tivera o detalle de facer unha recepción oficial a Club Montañeiros Celtas, meu club, xa que este ano tamén estaba de celebración (70 Aniversario, sendo o club de montaña máis antigo de Galicia e o de máis socios, uns 1200!), algo no que el e o concelleiro me aseguraron que xa estaban traballando.

Sechu entre o Alcalde e o Concelleiro de Deportes, en plan "colegas"

Achegueime despois ao despacho da miña amiga Chus Lago, Concelleira de Medio Ambiente e afamada alpinista (ela tamén é de Montañeiros Celtas). Recibín a súa cariñosa felicitación e falamos un pouco da miña recente experiencia no Himalaia, coñece o Annapurna pois estivo alí de expedición en 1991. Quedamos para ir a escalar este verán, cando eu poda poñer os pes de gato, porque de momento non podo nin poñer calzado normal.

Sechu e Chus

Logo fun visitar a outra amiga, Marta Souto, responsable do Servicio de Normalización Lingüística do Concello e ex-Directora Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Cunha efusiva reacción ao verme, deixoume gratamente sorprendido. A súa felicitación e agradecemento polo meu compromiso coa nosa lingua a deixou clara, algo que xa fixera nesta mensaxe que me enviou ao móbil cando inda estaba en Kathmandu: “Ola Sechu. Son Marta Souto. Parabéns! E felicidades e grazas polo teu compromiso coa lingua, co Galiñeiro... co país. Noraboa, rapaz. Bicos”

Sechu e Marta

Hoxe teño un ano máis de vida, ou un menos. Depende do punto de vista, en calquera caso, estou satisfeito co que xa teño vivido, e espero seguir gozando do que me quede.


Apertas para todos e biquiños para todas.

Sechu.

22/05/12

Regreso a casa. Chegada a Vigo o 19 de maio.

Unha semana en Kathmandu de vacacións foi suficiente para recuperar algo de peso e ter un bo aspecto xeral a pesares de chegar a Vigo visiblemente delgado. Eses días na capital de Nepal foron de descanso, dedicados sobre todo a coidar os meus pes. Tamén fixen algo de turismo e as típicas compras para levar uns agasallos aos máis achegados.

Á miña chegada a Vigo o pasado sábado, día 19, tiven un cálido recibimento por parte de Sonia, familiares, amigos e compañeiros, a maioría de Club Montañeiros Celtas, pancarta incluída, coa súa presidenta Lourdes á cabeza e con boa parte dos membros da directiva actual e de etapas anteriores; tamén estaban Luís e Nuria de Terra. Foi unha ledicia ver tantas persoas contentas celebrando con algarabía a miña chegada. Moitísimas grazas a todos pola vosa presenza e felicitacións.
Publico unhas fotos do recibimento realizadas polo meu curmán Jorge Barreiro.

Onte fun a Povisa, tiña que pasar consulta dos meus pes. As conxelacións non son graves e segundo o médico non deberían quedar secuelas inda que si algunhas marcas (cicatrices), coa salvidade do dedo gordo do pe esquerdo, pois de momento é pronto para asegurar que vai quedar ben. O xoves regreso á consulta para valorar a evolución das lesións. Son 7 os dedos afectados, pero na maioría son pequenas conxelacións superficiais, inda que a vendaxe individual de cada un deles fai que o volume xeral sexa molesto para calzarme e andar.

Unha aperta

Sechu.

Feliz e contento á miña chegada. Con camiseta para a ocasión.

Coa miña nai e co meu fillo Roi

Cálido recibimento á chegada a Vigo

17/05/12

Resumo da ascensión ao Annapurna: “por unha pinga... conxelada”

A última entrada que escribín no CB para o blog esta asinada o 30 de abril as 14.10 horas. Dende entón fostes tendo novas do que acontecía pois chamaba a diario para dar parte da situación, información que a transmitían ao blog, encargándose disto: Sonia, Marisa e Pedro. Dende aquí transmítolles aos tres o meu agradecemento polo seu compromiso e dilixencia.

Agora vou detallar un pouco máis o que sucedeu, aportando algunhas fotos. Quizais esténdame de máis, pero xa sabedes que podedes deixar a lectura en calquera momento, faltaría máis. A noite do 30 de abril celebramos unha reunión entre todos os alpinistas que ao día seguinte sairíamos para intentar cumio, uns 30, incluíndo aos sherpas. A reunión foi a iniciativa de Don Bowie para organizar o “tráfico” entre o C2 e o C3, pois eramos demasiados para estar amontoados no tramo máis delicado de toda a ascensión. A reunión finalizou co acordo e satisfacción de todos.

O día 1 de maio como estaba previsto saín para o C2, bastante cedo, tendo en conta os meus hábitos. Antes de saír achegueime ao lugar onde se celebra a puxa, unha especie de altar. Eu non son unha persoa relixiosa, pero respecto as crenzas de todos e admiro as súas construcións, arte, deidades, iconas, signos... tanto das presentes como das desaparecidas. Vou facer unha paréntese para lembrar que cando estiven no Manaslu no 2010, o ancián lama deume un pequeno mantra para que o levara comigo na montaña, que me protexería, pero cando fixen o intento do cumio esquecinme del (e doutros amuletos). Sigo. No “altar” do Annapurna saquei o mantra e pedinlle a montaña que me axudara a baixar, que quería volver ver a familia, amigos, compañeiros... que de subir xa me encargaba eu, ata onde puidera chegar. Dende entón levei o mantra preto do meu corpo. Foi un acordo que funcionou, a miña petición debeu ser razoable e respectuosa.
Chegar ao C2 levoume algo menos de 6 horas e atopeime ben, instaleime na miña tenda e logo fun visitando alegremente a distintos compañeiros, a maioría estaban moi animados, pero nalgúns planeaban algunhas dúbidas. A verdade e que a montaña tiña moita neve e as pegadas eran profundas. Tiñamos información fresca das méteos que confirmaban que o día 4 era bo para cumio (sen apenas vento inda que con resgo de neve pola tarde), e ademais confirmaron que o dia 6 tamén era bo. Dicir que no C1 Don recibiu unha nova tráxica da súa familia e regresou inmediatamente ao CB para emprender viaxe a América o antes posible. Dende aquí o meu agarimo a este bo compañeiro e magnífico alpinista.

Ao día seguinte imos saíndo por grupos de 6, aproximadamente cada media hora, tal como acordaramos na reunión. Eu estaba asignado ao último grupo para saír do campamento sobre as 6 da mañá. Partimos ás seis e media. Hora e algo despois cheguei xunto a... Stop. Toda a xente esta parada, desilusión, desconcerto, caos... Mauricio me explica “fin da expedición” dúas avalanchas no “coador” case collen aos 4 sherpas que ían por diante, todos teñen regresado, isto rematou. Todos falan con todos, uns sherpas din que imposible, outros que se pode, nos igual, uns quedamos calados (pensativos), outros seguen a falar, que si, que non... Todos os da axencia Thamserku: expedición de Carlos Soria (Carlos e Tente, con catro sherpas) e a do brasileiro Waldemar (con dous sherpas) deciden retirarse da montaña. Outros da nosa axencia, Seven Summit Treks, tamén: Rosa, Badía e Mauricio o teñen claro, se retiran cos seus tres sherpas. Iniciamos o descenso ao C2, hoxe ninguén vai ir cara arriba.
No C2 seguimos a falar, eu digo que me quedo hoxe, que hai que deixar que se arrefríen os ánimos, que para marchar hai tempo de sobra, varios son da mesma opinión, temos presente que o día 6 tamén é bo para cumio, Guntis lidera o grupo animándonos a non renunciar, o seu sherpa di que é posible. Azim quédase, unha baza importante xa que e o máis forte de todos, tamén Radk Jaros (checo), gran e experimentado escalador que conta con 12 oitomiles. Mentres, a maioría emprende inmediatamente o descenso ao CB. Mauricio e Badía ao marchar danme comida e gas, agradécese pois estarei na montaña mais do previsto, logo a comparto con Richard quen tamén queda.
Estamos 11 (2 son sherpas), sen contar aos húngaros que creemos só están aclimatando. Falamos de que somos un bo número para intentalo. O día seguinte intentaremos chegar ao C3. Logo dun rato Tunc anuncia que renuncia, que baixa... Quedamos 10. Pola tarde neva algo, como de costume. Hoxe unhas dúas horas.

3 de maio. Imos aló. Farah renuncia ao intento de cumio a prol de Azim e do grupo, e ofrece ao seu sherpa. Quedamos 9, xa non hai representante feminina. Azim co seu sherpa (o de Farah) vai sempre por diante, fortísimo. Eu salgo as 7.15 horas. Chegamos ao pe do coador, veña, isto hai que pasalo “a fume de carozo”. Cando estou na parte máis perigosa escoito un berro de arriba “avalancha!”... berro o mesmo cara abaixo e corro (literalmente) cara arriba, hai unhas rochas nas que podo encaixar o meu corpo, sei que teño uns segundos... e chego, inco o meu piolet na neve con toda a miña enerxía, como se fora o último que fora facer na miña vida, e quen sabe... espero, cae un pouco de neve por riba miña... era pequena, quedou nun susto, sorrio, rio! Fago sinais aos de arriba, todo ben, por baixo tampouco houbo consecuencias. Seguimos subindo. A ascensión é dura, esixente, pero chego en 6 horas ao C3 (6.400 m), o que está moi ben. Estou canso, pero contento porque as miñas forzas están respondendo. Comparto tenda con Richard, neste campamento e seguintes. Como o día bo de cumio é o 6 decidimos repartir o seguinte tramo ata o C4 en dúas xornadas. Pola tarde neva unhas 3 horas, e penso: pero é que non vai deixar de nevar ningún día?. Bastante tarde chegan dous dos húngaros, parece ser que van a intentar cumio con nós, queren aproveitar esta oportunidade. Agora somos 11. A noite a paso ben, sen notar os efectos da altura.

4 de maio. Hoxe non madrugamos. Esta xornada decido usar o meu set de hidratación por baixo do mono de plumas, como farei o día de cumio, así comprobo que todo vai ben. Salgo ás 10.50 horas, Richard un pouco despois, imos os últimos. Pronto alcanzamos ao grupo, pero ollo, o alcanzamos aparentemente, foi a sorpresa da xornada, unha gran greta corta o paso, hai que entrar dentro dela e saír por outro lado, parecía doado pero inda levounos un tempo, imos de un en un. Os primeiros 120 m de desnivel son entre seracs, logo todo é neve, bastante profunda, pero estable. Cheguei ao ”C4 baixo” (6.830 m) moi canso, máis canso e tras máis tempo do esperado. Canto máis subimos máis pequena é a nosa tenda, estamos máis apertados e polo tanto máis incómodos. Esta noite xa non durmo tan ben. Os húngaros non montan tenda, dormen nunha greta, un tose moito.

5 de maio. A xornada preséntase doada, todo neve e pouco desnivel. Un dos húngaros decide descender (é o que tose). Salgo ás 10 da mañá e repito a levar o set de hidratación por baixo do mono, ok. A neve está menos profunda pero máis escorregadiza, por baixo hai xeo. Chego ao “C4 alto” (7.100 m) tras 3.45 h, estou moi canso, normal pola altitude, pero quedo un pouco preocupado. Falamos de saír moi cedo para o cumio, sabemos que con boa neve serán unhas 10 horas de ascensión, pero sospeitamos que non estará tan ben como nos gustaría, ademais pola tarde anuncian neve, debemos de estar pronto de regreso. Decidimos saír ás 21.00 horas. Temos por tanto pouco tempo para hidratarnos moito e comer, preparar as cousas e descansar todo o posible. Preparo a mochila (son un dos poucos que leva mochila, e casco!): gorro e manoplas de reposto, pasamontañas, GPS, compás, walkie, telf.sat., pilas e baterías de reposto, navalla, algunhas barriñas enerxéticas e xeles... reviso o set de hidratación e o recheo (sempre deixo o tubo baleiro para evitar que se conxele, pero... fixen unha revisión rápida mirando so os extremos do tubo, ao fin e ao cabo –pensei- leva dous días funcionando a perfección e nunhas horas marchamos... ERRO!)

5 de maio, 22.15 horas. Inicio o ascenso, xa partiron todos (os primeiros ás 21.20 horas), menos Richard. Bebemos moito antes de saír. Os dous tivemos problemas coas botas, ou máis ben cos pes, os botíns e as botas. Salgo cos pes fríos, mal comezo, pero é que fai un frío do carallo! e un pouco de vento. Pero síntome forte, moi motivado. Pronto vou recuperando tempo cos que me preceden o que animoume inda máis, e pronto sae a lúa, chea, enorme, formidable. A ruta e todo por neve e algo de xeo en algunhas partes, tamén pasamos algunha greta.

6 de maio. Pasadas un par de horas dende o inicio da marcha (pasada a medianoite) vou beber, pero... non podo, NON PODO. Que pasa? desmonto a boquilla do tubo de hidratación, nada, aire. Non perdamos os nervios, o set vai por dentro do mono, imposible conxelarse. Sigo subindo. Un par de horas despois o volvo intentar outra vez, NADA. Decido seguir subindo e non pensar en beber. Teño que esperar a que salga o sol para quitar a mochila, o mono e o set de hidratación para descubrir que pasa. Adiántame Richard. Rompe o dia pasadas as 5 da mañá, acabo de pasar a Guntis, parece que non está moi ben, pero vai co seu sherpa, estamos a uns 7.700 metros. Vai moitísimo frío, dixéronme que 30 baixo cero. Espero ata as seis para parar e revisar o set, teño que quitar o neopreno que protexe o tubo e… “unha pinga... conxelada”, menos de medio centímetro de tubo conxelado!!! duro como unha pedra, fun incapaz de desfacelo. Bebín a morro do recipiente, parte caeu por fora, as pingas conxélanse antes de chegar a roupa. Perdín moito tempo e collín frío, montei todo e seguín subindo. Ven o mais difícil: un tramo de terreo mixto, seguido dunha forte pendente (50 graos) de neve profunda durante máis de 100 metros de desnivel, logo xeo nun curto terreo técnico a 8000 metros, e case, case, o día empeza a pecharse, magoa, a nube abraza o cumio, a solta, aguantara? case, si, CUMIO ás 13.05 h. Custoume moito chegar, os últimos metros foron eternos, pero alí estaba Richard, esperándome para a foto, preparei a miña cámara, dinlla, gravoume un vídeo, eu todo emocionado falando en galego para a cámara, consciente de ser o primeiro galego nese cumio, e a miña lingua estaba presente. Que satisfacción, dediqueille o cumio ao meu benquerido Club Montañeiros Celtas, no seu 70 Aniversario. Lembreime da miña nai (hoxe era o dia da nai), das nais dos montañeiros que sofren polos seus fillos, e de Luís Barbero, tamén pasaron fugazmente familiares, amigos, a boa xente que me ten axudado e apoiado, colaboradores e todos aqueles que fixeron posible que estivera alí... Pero Richard apremábame, imos imos, hai que baixar!
Acadei o cumio o sétimo (e último). Chegaron ao cumio e por este orde: Azim Ghaychisaz (Iran) e o seu sherpa, Radk Jaros (República Checa), Óscar Cadiach (Catalunya), Jan Travnicek (República Checa), Richard Hidalgo (Perú), Sechu López (Galicia).
E baixamos, pero sabedor de que canso o descenso e moi perigoso fun amodiño, sen presa pero sen pausa. A neve estaba moi branda e esvarábase con facilidade. Custoume chegar ao C4 alto onde estaba a miña tenda, de feito xa anoitecera, eran preto das 8 da tarde. Foran 14 horas 50 minutos de ascenso, uns 15 minutos no cumio e 7 horas e media de descenso, total máis de 22 horas de actividade, e so bebín un litro! Entrei na tenda, Richard estaba durmido, deiteime e chamei por teléfono a Sonia para dar a boa nova, na máis colgar quedei durmido co telefono acendido, o frontal o mesmo, sen meterme no saco e... sen beber!

7 de maio. Despertoume Richard, tiñamos que beber. El xa estaba a preparar as súas cousas para marchar. Nos meus pes tiña conxelacións, pero non parecían graves. Richard marchou ás 10, mentres eu empezaba a recoller as miñas cousas e a tenda. Óscar, Jan e máis eu saímos as 12. Pronto decateime de que estaba peor do que pensaba, doíanme os pes, e fun quedando atrasado. Aproveitaba as paradas de descanso para facer algunhas fotos, ata que a cámara deixou de funcionar (escasa batería). Cheguei ao C3 sobre as cinco da tarde, quería continuar ata o C2, pero levantouse vento e pareceume máis prudente descansar e non forzar a chegar xa noite ao C2 onde ademais tería que palear neve para despexar a miña tenda. Acomodeime, bebín e comín dabondo. Durmín moi ben, estaba so, pero moi tranquilo.

8 de maio. Tiña a confianza de chegar ao CB. Comecei a baixar ás 8.30 h. Pero rapelar non foi doado, as cordas estaban rizadas e tensas, nalgúns tramos estaban atrapadas polo xeo nocturno. Contaba chegar ao C2 en 3 horas e levoume catro e media. As 13 horas estaba na entrada da miña tenda, o campamento estaba desolado, ninguén. Non faltaba o lixo e varias cousas útiles abandonadas por alpinistas sen escrúpulos nunha baixada acelerada. Algúns non dubidan en deixar a montaña sucia, magoa, caso distinto e cando hai unha emerxencia, onde é comprensible o abandono de material. Pero na maioría dos casos e pura desidia. Indignante. Eu deixei dous cartuchos de gas na tenda dos húngaros (a única que estaba no C2), pois alleo a traxedia destes, pensei que farían outro intento de cumio. Deixei o gas contando con chegar ao CB. Quitei a neve da miña tenda e preparei de comer e beber, recollín todo (a mochila era duns 40 quilogramos). Saín sobre as 15.30 h. Media hora despois desatouse unha forte tormenta, raios, tronos e neve dabondo. Comecei a preocuparme porque se perdería a pegada. Era difícil avanzar: o peso da mochila, a dor dos pes, a abundante neve fresca, a falta de visibilidade, o cansazo xeral... A pegada íase perdendo e na chaira do plató glaciar a situación era delicada, pero paseina, estaba preto do C1, so tiña que cruzar as gretas da beira do glaciar, algo que con boa pegada e nun bo día serían 10 minutos, pois ben, non atopei pegada ningunha e o caos de gretas metía medo, esforceime por lembrar as formas do xeo... eses dez minutos convertéronse en hora e media de suplicio. Deixara de nevar, estaba no C1 sobre as 19.30 horas coas últimas luces do día, seguir baixando sería unha tolería, non había pegada ningunha, decidín acampar. Foi a nevarada máis grande dende que estabamos aquí, máis de medio metro, uns 60 cm en tres horas sen cesar. Estaba mal, moi canso, extenuado, desanimado, derrotado. So quería durmir, esquecer as apertadas botas, os crampóns, o arnés, a megamochila... Pasaron unhas horas, de pronto luces e voces: Sir, sir, sir... debía de estar delirando, pero non, eran dous mozos sherpas, axudantes na cociña do CB. Foi toda unha delicia velos, unha inxección de moral, de ilusión; a alguén nesa montaña parecía importarlle o que me pasase, algo que empezaba a dubidar. Viñan ao meu encontro para informarme de que a mañá seguinte viña o helicóptero a por todos, que non me demorase. Querían que me fora con eles pero que va, nin de coña, estaba fundido, necesitaba durmir. Déronme zume, queixo e tortilla e marcharon, de paso se levaron unha tenda e algunha outra cousa. Xa me atopei mellor, agora sabía que tería a pegada aberta ata o CB, e a mochila pesaría menos, si, estaba francamente mellor, durmín moi ben.

9 de maio. Pasadas as 7 da mañá estaba en marcha, afrontei a xornada con alegría, a montaña estaba moi fermosa, toda branca. Ningún día a vira así. Cheguei ao CB antes das 11, estaba case todo recollido, sorprendeume. Tiven un cálido recibimento por parte de todos, pero tamén déronme as malas novas, mentres facía os primeiros baños de auga quente con betadine en mans e pes. Eu cría que era o que baixara peor (polos meus pes), pero mirei a Guntis con importantes conxelacións nunha man e nariz, tamén tiña problemas nos pes. Os dous checos foran evacuados en helicóptero de emerxencia, con graves conxelacións. O húngaro Tibor Horvath desaparecera o día 5, e se lle daba por morto. Mágoa.
Despois todo foi moi rápido, nunha hora tiven que recoller todas as miñas cousas. Fun na terceira viaxe de helicóptero, ata Tatopani, como todos. Alí comemos e descansamos un par de horas, logo unha segunda viaxe no mesmo transporte ata Pokhara, onde pasamos a noite. Ao día seguinte fun nun avión de voo regular ata Kathmandu.

Sobre as miñas conxelacións dicir que sigo contando con que non sexan graves. Chamei ao médico da expedición de Carlos Soria, Dr. Carlos Martinez (que xa estaba en España), quen amablemente ofreceume a súa axuda. Envieille fotos das conxelacións e xa me enviou un tratamento e instrucións para as curas, indicacións que estou a seguir. Todo isto e a miña propia experiencia anterior fanme estar tranquilo. Dende aquí o meu agradecemento a Carlos Martínez pola súa boa disposición e rápida resposta.

Sobre o vídeo de cumio dicir que ao revisar as gravacións e fotos, o vídeo non existe e as fotos, en fin. O do vídeo amólame especialmente porque facíame moita ilusión, pero é algo que xa non ten remedio, magoa. Creo que vou enviarlle a Richard un curso de foto/vídeo online.

Outro día escribo as conclusións da viaxe e da expedición.

Unha aperta.

Sechu, dende Kathmandu.

Xoves, 17 de maio 2012. Día das Letras Galegas

Pokhara, en bici ao aereoporto. 10 de maio

Sechu no CUMIO (8.091 m), 6 de maio. ANNAPURNA 2012. Club Montañeiros Celtas - 70 Aniversario

preto do cumio, 6 de maio

caminho do cumio a uns 7.800 m, 6 de maio

C4 alto (7.100 m) coa minha tenda e cousas en primeiro plano, 5 de maio

recollendo o C4 baixo (6.830 m), 5 de maio

de C3 a C4 baixo, 4 de maio