05/09/10
Katmandu
Foto da nosa chegada a Katmandu e traslado ao hotel
Estou na capital de Nepal, Katmandú. Chegamos onte, somos un grupo de 17 montañeiros para facer o treking do Manaslu. Afortunadamente chegou a equipaxe de todos e pasamos a mañá en Thamel, un dos barrios máis típicos da cidade, facendo algunhas compras. A multitude de cores, os rostros rechamantes e o caótico tráfico fan a visita moi interesante, pero hai lixo e miseria dabondo e entristeceume bastante. A miña cidade (Vigo) e Katmandu están moi distantes, sobre o mapa a só uns miles de quilómetros, pero en calidade de vida estamos a anos luz... afortunados que somos os “occidentais”, inda que só o percibimos os que viaxamos a paises moi subdesarrollados, onde a maioría da poboación malvive cun pobre acceso a médicos, escola, hixiene, etc .
En Thamel comprei unha tenda de segunda man para montar no Campo 1 (C1) da ascensión ao Manaslu, xa que teño que aforrar cartos, pois levo un orzamento moi axustado. Para os campos 2 e 3, teño dúas boas tendas que xa empreguei o pasado ano no Karakorum. A tenda que comprei pertenzeu a unha expedición coreana de discapacitados ao Everest, segundo o texto dun dos seus laterais.
En Nepal, por estar máis ao Leste, imos cun adianto de 3 horas 45 minutos respecto a España, é dicir, que cando en Galicia son as 12 horas, aquí son as 15.45 horas. Curioso, non? Pois outra curiosidade: aquí o festivo é o sábado, sendo o domingo laborable. Comenos ben, inda que picante, para rematar cun xeado para darlle frescor a atormentada lingua. Fai calor, pero caeron un par de bos chaparróns. Pasei a tarde durmindo á vez que aproveitaba para ir cargando as baterías dos meus aparellos. Despois a cear noutro restaurante e de novo ao hotel, onde comparto habitación con Carlos Soria.
Hoxe estivemos pola mañá na axencia coa que contratamos a expedición, pechando os últimos trámites, logo estiven reorganizando as miñas cousas, dous bidóns e un macuto. Despois tocou facer as últimas compras e logo de comer pasei a tarde no xardin do hotel intentando unha e outra vez actualizar o blog dende o teléfono satélite... sen éxito. Polo que non sería de estrañar que este sexa a última entrada no blog... pero o seguirei intentando. Mañá partimos cara o inicio do treking.
Aqueles dos meus seguidores que me envíen sms ao meu teléfono satélite, que non poñan acentos nin eñes, pois no teléfono aparecen un sinfin de símbolos que fan a mensaxe dificil de ler e comprender.
Unha forte aperta a todos.
Etiquetas:
Manaslu 2010
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
1 comentario :
Pois a ver se nos van chegando máis novas vía satélite. Un saudiño
Publicar un comentario