Ola a todos! Xa van 13 meses dende que non actualizo o meu blog e xa vai sendo tempo de facelo.
O motivo é anunciar a miña próxima expedición ao Annapurna (8.091 m). Mañá venres (27 de xaneiro), presentarei o proxecto desta expedición aos socios do meu Club ás 21.00 horas (Club Montañeiros Celtas: Avda. Camelias, 78, local K. Vigo)
Aproveitando a ocasión gustaríame facer algunhas melloras no blog, pero inda só son ideas nas que traballar.
Nesta entrada vou publicar un pequeno resumo do ano anterior.
Polas conxelacións sufridas no outono do 2010, das que fun tratado na clínica Maz de Zaragoza e por recomendación do doutor Arregui, debería evitar actividades nas que o frío fora considerable e esperar cando menos un ano para participar nunha nova expedición. Polo tanto, o alpinismo non estivo no 2011 entre as miñas actividades montañeiras.
“Resumo 2011, un pouco de todo”
En febreiro foi o meu primeiro contacto coa neve, algo breve. Aproveitando que xuntábanse os compañeiros cos que compartín o treking do Manaslu, incluído Carlos Soria, viaxei á Serra de Madrid.

O domingo 20 de febreiro participei na 1ªAndaina reivindicativa “Pola Protección da Serra do Galiñeiro”. Foi un rotundo éxito xa que unhas 1400 persoas, nun día de chuvia e con néboa, circunvalamos toda a Serra para mostrar o noso máis profundo desexo de protexer este enclave único do sur da provincia de Pontevedra, que alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais, que deben ser preservados para goce de todas e todos nós, así como das xeracións vindeiras.

Os percorridos por montaña, só ou acompañado, pero sobre todo pasando a noite no monte, en tenda ou vivaqueando, son unha das miñas actividades preferidas. Durante o ano realicei distintas actividades deste tipo nas interesantes serras e bosques da miña terra: Ancares, O Courel, Trevinca, Fragas do Eume...
Coa chegada dos días de sol, comecei a escalar na rocha, certo é que as lesións nos dedos das mans fixéronme dubidar moitas veces dos agarres a facer.
En xuño realicei un Curso de Autorrescate da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña). Hai que estar preparado para calquera incidente, e non sempre se pode contar cun rescate alleo á cordada.

No mes de xullo tiña as vacacións, na primeira quincena fun a Dolomitas (Italia) con Sonia. Realizamos as seguintes ferratas: Cir, Tridentina (e continuando ata o Piz Boe), Trincee, Marmolada (subindo encordados por unha ruta en neve pouco frecuentada e destrepando a ferrata) e a Torre di Toblin. Tamén circunvalamos correndo o Sassolungo (2h50´).
A finais de mes fun á Serra de Guara (pre-Pirineo aragonés) cos meus fillos: Bran e Roi. Realizamos dous descensos de barrancos: Formiga e Peonera. Tamén Rafting no río Esera.

A mediados de agosto, aproveitando unha ponte de catro días, fun a Picos de Europa para intentar escalar algo, pero cunha méteo inestable non fixen gran cousa.
Outra das actividades que gusto de practicar é a de correr por montaña, ás veces participando en probas organizadas, este ano na Carreira no Galiñeiro (21 km, 27 de agosto) do circuíto Galicia Máxica Trail, e na Maratón de Montaña Penedos do Lobo (Manzaneda, 18 de setembro), na que por certo atopeime mal dende o comezo (por catarro) e custoume unha barbaridade chegar á meta.

A espeleoloxía tamén está entre as miñas actividades. Unha vez máis, aproveitando unha longa ponte (a do 1 de novembro) para ir máis lonxe, participei nunha actividade do meu Club en Vegacervera. Percorremos as seguintes covas: Lendreras, Fondillo, Arenal e Valporquero.
A uns dous meses de rematar o ano, aparece, de casualidade, un posible patrocinador para ir de expedición. Comezo a engraxar a pesada maquinaria cara a levar adiante un novo proxecto: contactos con membros doutras expedicións, colaboradores, elaborar listaxes, etc.

Casualmente, á par dos primeiros contactos co futuro patrocinador, sufro unha lesión adestrando en karate: rotura de fibras (14 de novembro). Mágoa. Estaba moi forte e tiven que parar completamente durante 15 días e logo outro mes máis adestrando con precaución. Cousas que pasan que hai que asumir.
Para rematar o ano e probar a recuperación da lesión, fun de travesía por Ancares. A primeira noite foi no cumio do Penarubia e a seguinte, a “noite de fin ano” no cumio do Mustallar, na miña pequena tenda e só, foi sen dúbida unha celebración diferente, tranquila, soñando esperto... co Annapurna.
.
2 comentarios :
Ben, pois xa que vas a ir ... pois moita sorte, que nunca sobra. Estaremos atentos as novas.
Apertas
Xulio
Coma dí Xulio, está claro que se queres ir, irás, a cabezón tampouco hai quen che gañe ;) jejeje. Así que agora a apretarse os machos e a ir con sumo coidado, que eses dedos todavía non están listos para poder padecer outra igual.
Bonito relato dun 2011 sen cumio pero cheo de actividades.
Publicar un comentario