12/04/12

Campo 2

Estou no CB, pero xa teño montado o C2 (5.500 m). Como estaba previsto o 5 de abril saín do CB. Non acordei con ninguén compartir os campos de altura, xa que a experiencia no C1 non foi boa, algo do que falarei noutra ocasión. Teño que dicir que Don, o canadense, é un excelente compañeiro.

Polo tanto partín só, cunha mochila de 25 kg. Pasei a primeira noite no C1 a onde cheguei tras 5 horas 40 minutos, bastante canso pois tiven neve e vento de cara na última hora e media, ademais con tormenta eléctrica. Neste día chegaran antes tamén a este campo Rosa Fernández co seu sherpa, ademais de Cleo, a brasileira, Jef, un dos chineses, e varios dos seus numerosos sherpas. O grupo de Carlos Soria tamén estaba ao completo nese campo.

Ao día seguinte, despois de recoller todo o que tiña no C1 (uns cinco quilos de material), partín cara o C2, tardei 5 horas e cuarto. Os 30 quilos na mochila se fixeron notar. Tiven que montar a tenda baixo unha nevarada, antes ofrecéranme té e galletas Carlos Soria e Tente Lagunilla que chegaran horas antes cos seus sherpas, o resto do seu grupo baixou ao CB. Logo de montar a miña tenda tamén fun visitar a Rosa que estaba co seu sherpa, quen tamén me ofreceu té. Pero pronto me establecín na miña tenda, estaba moi canso, quería organizar as miñas cousas e deitarme cedo. Máis tarde tamén chegou o segundo chinese, Yan, co seu sherpa. Cleo, Jef e Yan estaban no C2 para xa intentar cumio, con 5 sherpas, e todo o grupo con botellas de osíxeno. Pareceunos una tolería, pois ninguén está inda suficientemente aclimatado.

O día 7, un numeroso grupo de sherpas (9) intentou abrir a ruta ao C3, pero só conseguiron completar a metade, e regresaron, estaba moi difícil e perigoso. Rosa, Carlos, Tente e máis eu tamén comezamos a ruta, subimos ata os 5.850 metros, pero non continuamos pola perigosidade do terreo. Despois, xa no C2, os catro compartimos unhas tapas do país: xamón, cecina, salchichón, queixos… Algúns dos nosos compañeiros chegaron esa tarde a este campo, tamén nevando. Levamos moitos días coa mesma tónica, mañás boas de ceo despexado e tardes cubertas con neve, uns días máis que outros. As predicións que me envía Meteogalicia estanse a cumprir. A temperatura nocturna no interior da miña tenda foi de -10º C.

Ao día seguinte os catro marchamos cara o CB, Rosa, Carlos e Tente saíron antes cos seus sherpas. Cheguei ao CB a tempo para comer. Estaba contento por deixar montado o C2 e coa maioría das cousas que necesitarei para seguir subindo. A partir de agora levarei menos peso e polo tanto irei máis rápido.

Mentres, o grupo que intentaba cumio estaba atascado e tivo que montar o C3 por baixo do previsto. Ao día seguinte tiveron que renunciar a seguir subindo e iniciar o regreso ao CB.

O día 9 chegou un novo membro ao grupo, o peruano Richard. Tamén chegaron 2 hindús noutra expedición. Hoxe xa estamos case todos no CB, temos que esperar que a méteo sexa favorable, os próximos días dan moito vento en altura.

O meu grupo no CB o completan Guntis (Suiza), Tuns (Turquía), Fara e Asim (Irán), Badía e Mauricio (México). A convivencia no CB e moi boa con todos, e xa aprendín distintos saúdos dos seus respectivos idiomas. O meu inglés e bastante limitado, e bromean chamándome “teacher”, o pasamos moi ben.

Guntis, que fala moitos idiomas, é moi simpático e dedicoume unha frase: “Secho hecho, directo al techo”, que quere dicir que cando estea preparado irei directo ao cumio.

Onte, día 10, fomos de visita ao Campo Base de Carlos Soria, estábamos invitados a probar cervexa caseira que fixeron eles mesmos. Estivemos menos dunha hora pero fixemos una chea de fotos. Gustaríame enviar algunha deste día e dos anteriores, pero é difícil.

Hoxe está sendo un dos peores días, agora mesmo está nevando e con vento forte no CB, arriba ten pinta de estar horrible.

Mañá irei dar un paseo e pode que ao día seguinte suba, non sei ata onde, o caso e facer algo e non estar demasiado tempo parado. Todos as expedicións teñen aos seus membros no CB, sherpas incluídos.

Estanme a chegar bastantes sms ao meu teléfono satélite enviados por internet dende o meu blog. Grazas a todos polos ánimos e interese. Na vindeira entrada publicarei o nome dos remitentes para que saibades que os recibo, xa que non vos podo contestar. Tamén o meu agradecemento aos que deixades comentarios no blog.

Unha aperta

Sechu, dende o CB do Annapurna.

Mércores, 11 de abril 2012, 17.45 h de Nepal.

4 comentarios :

Andrea Michèle dixo...

Olaaaa Qué ven ter noticias túas!
No blog de Carlos Soria tamén comentan os datos meteorolócixos (sobretodo do forte vento) e a imprudencia dos que intentaron continuar cara o cume.
Tí tranquilo e con cabeza, jejeje
Un bico dende o nivel do mar e outro de Françoise.

Selot dixo...

Loco como vas, ya veo que sigues en la tuya. Hazle caso a Michele "con cabeza con mucha cabeza".
Te segire desde Vigo Ah y tira una foto buena desde arriba, XD
SL2
Javier González

Alberto dixo...

Disfruta da túa aventura!! Sube con cabeza peri sobre todo disfrútao. Ánimo Secu Arriba!!!

Xulio dixo...

Súmome ás peticións de cabeza e sentidiño. -10 graos no interior da tenda! ... recoiro!