16/04/12

Campo Base, paseos, fotos, comer e descansar

Levo unha semana no CB. A méteo non é favorable para subir. O pasado venres 13, tivemos unha forte tormenta, con impresionantes lóstregos. Esa noite sorprendéronnos cunha cea especial e torta; era o fin de ano nepalí, o día 14 comezaba o seu novo ano “2069”, sen dúbida será un bo ano, cando menos o número promete.

O sábado foi un día malo, nevou case todo o día. Hoxe domingo amenceu moi cuberto e segue así. Esperamos unha melloría do tempo a comezo desta vindeira semana, pero inda haberá que esperar algún día para subir, a ruta estará moi cargada de neve e as avalanchas son constantes. Espero que a miña tenda no C2 siga en pé e no seu sitio.

Pasamos os días no CB comendo e descansando, charlando, lendo. Tamén fago algún paseo polas mañás, inda que non hai moitos sitios onde ir. Onte fun aos lagos que están a menos dunha hora e 150 metros por baixo da nosa cota. Tamén fago fotos a algúns dos paxaros que están por aquí, sobre todo a unha especie de chovas picoamarelo (moi abundantes, rapiñan os desperdicios das nosas comidas) e a uns paxariños que aparecen de cando en vez, similares aos nosos fermosos paporrubios. Tras unha das tormentas do serán quedou un ceo espectacular, aproveitei para tomar unas boas fotos.

Non hai moito máis que facer, teño ganas de subir, atópome moi ben. O único que me preocupa, ademais da tenda do C2, é que non cheguei inda nin aos 6000 metros e a aclimatación dubido que sexa a suficiente para intentar cumio nos próximos días, pero a idea da maioría e pasar só unha vez polo difícil e perigoso tramo do C2 ao C3. Haberá que intentalo deste xeito, o que aguante ben, o que non terá que baixar e intentalo máis adiante ou renunciar.

Dentro dun rato irei ata o campamento de Carlos Soria, de visita. Agora está nevando, esperarei que pare un pouco.

Conseguín enviar algunhas fotos, pero de moi baixa calidade, xa que a conexión a internet da que dispoño non é boa. O meu ordenador estaba preparado para enviar fotos de máis calidade, pero… agora fago o que podo, pero intentarei facelo mellor, a pesares das dificultades.

Esta é a relación de remitentes dos sms que me teñen chegado ao meu teléfono satélite: Sonia, Rosiña, Roi, Bran, Rosa, Alex, Lalo, Rocío, Jose, Namo, Lourdes, Musgo, Juan (Meteogalicia), Isa (FGM), B&B, Manu, Carola, Pedro, Penélope, Tere, Antonio Caldelas, Noa, José Mª Díaz, Federico, Fernando Fer, Jorge Barreiro, Nerea, Jony, Loli e J. Ramón, Tito, Jaime, Jaco e Oli, David Musgo, Antonio Baamonde, Beni e Ricardo, Carlos chistes, Asemblea Celtas. Espero non esquecer a ninguén, pero se non está nesta listaxe o máis probable é que non me chegara a súa mensaxe. Moitísimas grazas a quen se lembra de min de cando en vez, especialmente a todos os que me fan chegar o seu apoio e ánimo a través dos sms ou comentarios no meu blog.

E falando de agradecementos non quero deixar pasar a ocasión para dicir que se estou neste magnífico lugar é grazas aos múltiples apoios e colaboracións de amigos, compañeiros, entidades, empresas e institucións. Os apoios non particulares son os que corresponden aos logos da marxe esquerda deste blog.

Grazas a todos.

Unha aperta

Sechu, dende o CB do Annapurna.

Domingo, 15 de abril 2012, 16.50 h de Nepal.

1 comentario :

Anónimo dixo...

Animo campion!Seguimos a tua expedición dende o primeiro dia, cando nos enteramos. Moita forza dende Ourense!
Un saudo estamos pendentes do blog, de internet, seguindo a ascensión. Decir que ten un mérito titánico subir así. Forza!