23/04/12

E descubrimos o ANNAPURNA

Xa estou de novo no CB, o cumio terá que esperar. O Annapurna mostrounos todo o seu poder, o por que da súa fama, as tremendas e devastadoras avalanchas. Cheguei ao C3 (6.400 m), e esta é a historia do primeiro intento:
Decidimos intentar cumio porque a méteo era favorable; a priori, logo houbo moitos cambios con nevaradas e ventos importantes.
Partín do CB o día 17 sobre as 9 da mañá; fun o último en facelo, como é habitual. Cheguei ao C1 tras 3h45´, parei uns 25 minutos a comer algo e seguín subindo. Tres horas despois estaba no C2. Total 7 horas e 10 minutos, o que non está mal tendo en conta que levaba unha mochila duns 18 quilos. Cheguei moi canso e nevando. O desnivel superado foi de 1.300 metros. A avantaxe é que tiña montada a miña tenda e estaba en perfecto estado, acomodeime nela, só tiña que facer auga e comer ben. Pero pasei mala noite, apenas conseguín durmir. Tiña previsto madrugar para afrontar cedo o ascenso polo difícil tramo ao C3, pero non fun capaz. Nevou bastante, máis do previsto, o cal era preocupante.
Ás 8.45 horas iniciei o ascenso. Non fun o último por unha vez, Richard inda estaba preparando as súas cousas. Ademais Tunç, Guntis e o seu sherpa decidiron non subir ese día porque eramos demasiados para estar no mesmo tramo, o que facía a ascensión máis perigosa. Sobre as dez, a 5.800 m, tiña á vista a ruta completa ata o C3. Podíanse distinguir perfectamente uns 15 compañeiros nunha liña bastante vertical e difícil a pesares de estar equipada a ruta con corda fixa. A maioría do percorrido é sobre xeo (ás veces cuberto dunha inestable capa de neve), e tramos mixtos con rocha, todo esixe moita atención, forza e resistencia. Outras catro persoas estaban na parte baixa, no punto máis perigoso, ao fondo do cono que forma un ancho corredor que se supera subindo pola súa esquerda, pero no que se entra pola dereita, é dicir, hai que facer unha perigosa travesía de 20 minutos moi exposta ás avalanchas.
E sucedeu. Ás 10.10 h houbo un gran estoupido. Nese momento eu estaba gravando en vídeo a ascensión dos compañeiros, unha gran avalancha ia directamente coller a eses catro, aos que me precedían. Foron uns angustiosos segundos… a cousa pintaba de traxedia. E colleunos. Pensei no peor, foi terrorífico. Cando o branco po foi pousando, puiden ver que os catro estaban no mesmo sitio (eran a parella de mexicanos e os seus dous sherpas. Salváronse porque estaban unidos á corda fixa e aguantaron. Respirei aliviado, menudo susto! Téñoo todo gravado, é im-pre-sio-nan-te.
Despois desto estiven máis de media hora parado, pensando se seguir (e meterme na boca do lobo) ou dar a volta. Nestas chegou Richard con paso firme e adiante, claro que el non vira o que eu. Saín tras el 5 minutos despois, mirando máis para a montaña que por onde pisaba, a pesares das gretas. Avanzaba sentíndome como un paxariño, co corazón nun puño, intentando non ser presa do zarpazo dun depredador, no meu caso, dunha nova avalancha.
A ruta pola que subimos ao C3 é a “alemana”, considérase menos perigosa que a francesa. Imaxinádevos cómo será a francesa.
Fun subindo con similar peso na mochila que o día anterior, levaba un ritmo baixo pero constante. A ruta non é doada e non tiña intención de pegarme aos compañeiros que ían por diante, o que consideraba moi perigoso. A previsión meteorolóxica era de posibilidade de algo de neve pola tarde. Sobre ás dúas da tarde comezou a nevar; primeiro frouxo, logo con intensidade… foron máis de 8 horas de nevarada sen parar! A montaña acumulou moita neve, cada vez era máis difícil subir, a pegada perdíase… as pisadas esvaraban… Sobre as cinco da tarde atopei un sitio para a miña sinxela tenda dunha soa tea, unha pequena repisa a 6.330 m. Sabía que estaba cerca dos meus compañeiros no C3, pero estaba diante dun vertical muro de xeo (un serac) e nevaba moi forte, acampei. Que noite! Ás nove, de súpeto, comezou a soprar un intenso vento. A tenda levantábase e estaba a menos dun metro dun precipicio, tiven que deitarme contra o lateral no que azoutaba o vento para evitar saír voando. A loita durou 3 interminables horas para resistir un vento duns 80 km/h con refachos de 100. Non as tiña todas comigo. En cada empurrón parecía que estaba a piques de despegar, confeso que sentín medo. Sobre as dúas da madrugada a cousa estaba relativamente en calma, conseguín cociñar e cear ben. Pasou o segundo susto do día. A temperatura dentro da tenda foi de -13ºC.
Mentres, no C3 a noite tamén foi movida, nada máis poñerse o sol, sobre as 7 da tarde, unha avalancha destrozou a tenda da parella de iranianos, con eles dentro. Cando os demais do grupo saíron no seu auxilio, unha segunda avalancha alcanzou outras tendas. No medio da confusión e o pánico, recolleron todo o que puideron e trasladaron as tendas a un lugar supostamente máis seguro, ao carón dunha greta que faría as veces de cortapaso doutra posible avalancha. Durmiron amoreados nas tendas e sacos que quedaron dispoñibles, o que foi unha “avantaxe”. Cando chegou o violento vento que eu sufrira uns metros máis abaixo, eles ao estar moitos en cada tenda sabían que non ían saír voando.
Pola mañá (día 19) tiña decidido subir ata o C3 e pasar unha segunda noite para mellorar a aclimatación, o cumio tería que esperar, foran dúas noites moi duras. Cando tiña todo recollido comezaron a baixar os compañeiros do C3, todos decidirán non seguir subindo. A maioría querían chegar ese día ao CB. Superei en menos de media hora os 70 metros que me separaban do C3. Alí estaban 4 compañeiros que decidiran tamén quedar unha segunda noite. Richard, que baixaba ao CB ofreceume a súa tenda, non había sitio para poñer a miña. A posición do campamento era moi precaria. Pasei o día na tenda, non había onde ir, salvo subir, pero ningún estabamos con ánimo e a previsión da méteo para o día 21 non era boa. O cumio imposible. A temperatura esa noite na tenda foi de -15ºC. Por riba noso (non sabiamos a que altura) estaban os que ían intentar cumio ao día seguinte (os que apuntaran ao día 19, que levaban un día de atraso. Eran dous grupos, un de 3 alpinistas (a brasileira e os dous chineses) con 5 sherpas e outro de 2 hindús con 3 sherpas, todos con osíxeno. Os compañeiros que baixaron ese día ao CB sufriron unha enorme avalancha preto do C1 sen consecuencias (un lugar considerado seguro), pero era a terceira avalancha que collía á xente en pouco máis de 24 horas, demasiados sustos! Os nervios están a flor de pel, as avalanchas caen por todas partes, día e noite, en calquera momento, en calquera sitio.
O día 20 baixamos os cinco do C3. Eu preferín baixar só, tranquilamente e facendo fotos, o día era magnífico. Saín hora e media logo dos outros catro (Farah, Azim, Oscar e Don), sobre as 9.20 horas. En dúas horas estaba no C2, onde comín algo e reorganicei as miñas cousas. Seguín baixando ata o CB, sen apenas parar no C1, onde non teño nada. Cheguei sobre as cinco da tarde, sen contratempos. Mentres, algúns dos que foron cara arriba chegaron ao cumio, e ao CB chegaran 5 húngaros, que con outras tantas tenda ocuparon o meu xardín (o amplo espazo que tiñamos entre tendas). Ás 7 foi a cea (hora habitual) e pronto a durmir, non sen antes ter unha sobremesa contando as impresións de cada un sobre o acontecido na montaña.
O día 21 tocaba ducha, que gozada. Logo un grupo fomos de visita ao campamento de Carlos Soria, intercambiamos historias persoais da experiencia vivida no primeiro intento de cumio. Por certo que onde podedes ter moita información do que acontece no Annapurna é na web de Carlos Soria, moi potente e onde soben vídeos case a diario.
Hoxe amenceu un fermoso día que durou toda a mañá, con calor, pero a tarde foi todo o contrario, nevou copiosamente e a temperatura baixou espectacularmente. Pasou un aguia, e hai un rato avistamos unha cabra salvaxe, pero bastante lonxe. Foron as novidades do día, a parte da chegada dos que baixaron do cumio o do seu intento.
Agora toca descansar uns días, estudar as previsións da méteo e esperar unha nova oportunidade para intentar chegar ao máis alto. O primeiro intento foi toda unha experiencia. A montaña mostrou todo o seu rigor, a súa forza. Nós tamén iremos de novo ao seu encontro, con respecto e admiración, superando dúbidas e medos. Volveremos para gozar dunha nova experiencia, coa mesma ilusión que a primeira vez e, se cabe, co máis ganas. Isto é o Annapurna!
Que marabilla!. Teño a satisfacción de contemplar a natureza no seu estado máis puro, salvaxe, sentirme parte dela e vivir unha gran aventura. Pero isto tamén é una loita, non contra a montaña, senón contra os nosos medos; unha busca dos nosos límites, o afán de superación, o valor, o compromiso, a entrega. E teño claro que o que se consigue con esforzo, sempre é máis pracenteiro.
Esta é a relación de novos remitentes dos sms que me teñen chegado ao meu teléfono satélite: Abel, Miguel cartea, Marisa, Xulio, Mariano, Stefano, Helga, Pichu Ortega, Agus, Victor Impar, Iago celtas, Francoise, Lalo (Musguero), Chema Blanco, Fernando Huelin, Carol, Jotxelis, Portabales, Cristal, Miguel Ángel. Grazas a todos.
Unha sentida aperta
Sechu, dende o CB do Annapurna.
Domingo, 22 de abril 2012, 18.45 h de Nepal.

2 comentarios :

Xulio dixo...

Que medo nos fas pasar Sechu lendo estas cousas. Espero que poidas facer o cumio axiña e así poidas voltar pronto e arredarte desas endemoñadas abalanchas. Unha forte aperta.

Selot dixo...

Tranki Xulio, xa veras coma iste rapaz a pesares de ter a chorla dura, pensa o que fai e sabera escoller o intre pa subir coma a formiga atomica.

SL2
Javier González