18/11/13

Xa pasaron 5 semanas... é tempo de castañas.


Onte fun ao refuxio do Monte Aloia, ao magosto do Club! Unha boa oportunidade para compartir o xantar e as castañas cun bo número de amigos e compañeiros de Montañeiros Celtas, unha celebración social cunha gran tradición na que gusto de participar.

Escribo isto cumpridas cinco semanas dende o meu regreso a Vigo tras a expedición, dende entón a miña vida foi recuperando a normalidade, á vez que eu ía recuperando quilos. A primeira semana foi a máis esgotadora, pois ademais de comezar a actividade laboral dende xa o día seguinte da miña chegada, e ter un monte de roupa e material para lavar e ordenar, atendín as solicitudes dos medios de comunicación (no meu facebook fun publicando os enlaces) e ía recibindo numerosos parabéns con mensaxes, chamadas, emails... que vou respondendo pouco a pouco.


Familiares e amigos no recibimento á miña chegada a Vigo. 
13 de outubro.
Foto: Nacho Pequeno.
O venres 18 de outubro no Club fixéronme unha festa polo éxito da expedición, con torta conmemorativa incluída; no Club síntome querido, e xa á miña chegada a Vigo o domingo anterior, un numeroso grupo de Celtas foime a recibir á estación de tren. Nestas semanas fun facendo cousas, retomando a actividade deportiva, as clases de inglés (que boa falta me fan), a vida social, os compromisos...


O Club agasalloume cunha torta (coa imaxe do Shisha Pangma) e a presenza dun bo número de socios. Ao meu carón Lourdes, a Presidenta, e Manel, o Concelleiro de Deportes. 
18 de outubro.
Foto: Jorge Landín (Atlántico Diario)

Fun a Parada de Sil (Ourense) na tarefa de "árbitro ecolóxico" da FEDME, que consistiu en supervisar que tras a celebración do "Campeonato de España de Carreras por Montaña de Clubes", celebrado o 6 de outubro neste concello, se cumprira o protocolo medioambiental e na montaña non quedaran restos da celebración da proba. Aproveitando que no concello celebraban o magosto e fomos convidados (fun con Patri), fartámonos a castañas e a noite inda deu para algúns bailes, un pouco de exercicio para baixar a cea.

O itinerario da carreira pasaba por fermosos soutos de árbores centenarias e castañas a esgalla. 
26 de outubro.
Un dos bailes con Patri. 26 de outubro.
Foto: Xosé Antón Vázquez

Asistín á cea conmemorativa do 50 Aniversarioda FGM, na que recibín unha placa en recoñecemento a miña traxectoria deportiva dos últimos anos, como un dos 5 montañeiros galegos actualmente recoñecidos pola Xunta de Galicia como Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN). Ademais tiven a oportunidade de falar con Jesús Martínez Novas, a quen inda non coñecía persoalmente.

Recibín a placa conmemorativa de mans de Adolfo Puch, Presidente FGM, en presenza de Joan Garrigós, Presidente FEDME. 
2 de novembro.
Foto: Adolfo Puch
Na mesa con Patri e outros Montañeiros Celtas.
Foto: Adolfo Puch
Como membro do Comesaña Sporting Club, participei nun "encontro" ao que asistimos 45 atletas actuais do club, para facer unhas fotos e trotar xuntos uns poucos quilómetros por San Andrés de Comesaña, parroquia viguesa onde esta a sede diste veterano Club galego (98 anos de historia).

Os atletas do Comesaña que asistimos ao encontro. 
Eu estou á esquerda. 3 de novembro.

Foto: web Comesaña Sporting Club.

Uns poucos días ao ximnasio e algunhas saídas a trotar foron ata hoxe as lixeiras actividades deportivas realizadas, na última delas (11 de novembro) probei a facer canicross con Quira, a cadela da miña moza, pero cando decatouse de que de quen tiraba era de min e non de Patri... deu volta.



Vaia dende aquí o meu público agradecemento a todos os que me axudades a levar adiante cada expedición e aos que con mensaxes ou chamadas ao teléfono e comentarios no blog e no facebook, me transmitides o voso apoio, ánimo e agarimo.

Unha aperta,

Sechu.

Ningún comentario :