Nos últimos meses estiven preparando
a que podería ser a miña vindeira expedición ao Himalaia, á 5º montaña
máis alta do planeta, o Makalu (8.463 m). Como sempre, o máis difícil é
conseguir os cartos necesarios para poder levar adiante unha expedición.
A día de hoxe non teño eses cartos, cando a data de partida da viaxe
esta prevista para principios do mes de abril.
No mes de outubro iniciei conversas cunha empresa viguesa e as perspectivas eran moi boas,
o empresario mostrou interese en apoiarme patrocinando a expedición e
propuxo un plan empresarial para conseguilo: a súa empresa e tres máis
do seu grupo (ou afíns) aportarían cada unha a cuarta parte do
patrocinio. Co transcorrer dos meses eses novos apoios non chegaron,
inda que o empresario o intentou, ata esta mesma semana que deu por
finalizada a súa participación no meu proxecto, ante a imposibilidade de
conseguir as achegas necesarias. Agradezo o seu esforzo e apoio, inda
que non frutificou; eu sabía que iso podía pasar, pero estaba convencido
de que o conseguiría. Se non atopo patrocinador en breve, terei que
descartar a expedición moi ao meu pesar, cando xa tiña moito avanzado.
Quero agradecer os ánimos de todos aqueles amigos, compañeiros e
seguidores, que sempre "están aí", apoiando e ilusionándose con cada un
dos meus proxectos, e en especial ás entidades, institucións ou empresas
que a día de hoxe xa comprometeron a súa colaboración na expedición:
Club Montañeiros Celtas, Federación Galega de Montañismo, TERRA deporte aventura, Ximnasio Saúde e Deporte, TERNUA, Concello de Vigo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario