A pasada semana,
concretamente o 11 do 11, cumpríronse cinco meses do meu accidente.
Gustaríame dicir que xa estou ben... pero téñome que conformar con
anunciar que sigo a mellorar, pois aínda queda moito por recuperar.
Despois de 5 meses
sen poder facer esforzos (nada de deporte, só andar), a pasada
semana tiven que facer deporte variado, pero con precaución e
moderación. Así fun trotar uns minutos pola area da praia (luns e
venres), trepar algo no muro de escalada do club (martes e xoves),
bici estática e algúns exercicios de mobilidade no ximnasio
(mércores), andar e exercicios de mobilidade (sábado) e o domingo
descanso, salvo uns xogos correteando con Ceibe (foto). A miña
torpeza en calquera actividade, pola vista defectuosa e a falta de
adestramento, a tomo con moito humor e con bo ánimo, é agradable
recuperar sensacións.
Os esforzos físicos,
que poñían a proba a miña cabeza, foron precisos para a decisión
médica, ademais da valoración das últimas probas de imaxe
(Resonancia e TAC). Á vista dos resultados decidiron “non operar”
a pesares de que inda non está solucionada unha pequena “avaría”
no cranio, pero como a evolución é positiva confían en que non
será necesaria unha operación que sería complexa, inda que o
volverán a valorar máis adiante.
Librado
dunha intervención inminente, teño pendente outra
posible visita ao quirófano. Sería
no ollo, pero aínda pode quedar bastante tempo ata que tomen
unha decisión (semanas... ou meses), pois depende da evolución de
toda a zona e de máis probas. De momento sigo cos lentes
provisionais.
Tamén comecei a
recibir terapia craneosacral no Centro de Fisioterapia Lence & Martínez, ao fin de mellorar a miña maltreita cabeza e atopar
solucións para os seus dores, que se veñen incrementando no último
mes. Esta semana tamén teño cita co neurólogo, e con el xa serán
5 os especialistas que me están a controlar en Povisa (cirurxián
maxilofacial, oftalmóloga, neurocirurxián e otorrinolaringóloga),
ademais teño citas periódicas coa médica da mutua laboral, co
médico da aseguradora e coa médica forense. Será por médicos...
Todo o que fago é
por prescrición médica, pois quero recuperar o máis e o mellor
posible, e o tempo que precise non é o máis importante. Para todos
os problemas físicos e sensoriais que teño intentan darme
explicacións, pero cando quero saber (de) máis... algúns dos
médicos teñen unha sisuda resposta: “é polo golpe”.
Estou animado e máis
dende onte que xa me deixan ir incrementando as actividades físicas.
Pola tarde fun ao Ximnasio Saúde e Deporte e ao fisioterapeuta, puntos de partida.
Teño que ir probando e sen presa, que todo chega.
Ningún comentario :
Publicar un comentario