Hai hoxe tres anos, un “yeti”* partiume a cara... e como consecuencia, cambioume a vida.
Os cambios hai que afrontalos o mellor posible; sufrir unha desgraza supón un empeoramento da situación, pero a vida segue e amargarse non conduce a nada. Está nas nosas mans aceptar os cambios o antes posible e mirar cara adiante con optimismo, loitar por acadar novos soños, e sentirnos afortunados por ter novas oportunidades e xeitos de seguir “vivindo”, e facelo como se cada día fose o último, porque tarde ou cedo ha de chegar. Xa o di o refraneiro: Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe.
E hai hoxe un ano que estaba pola Illa de Arousa, facendo a travesía da Costa Verdecente, a miña aventura mariña que me levou a percorrer integramente a costa de Galicia en kaiak de mar. Foi un bo día. Á beira do mar... foi un bo lugar para seguir tendo aventuras, xa que pensaba que ás grandes montañas era complicado volver.
Primavera de 2018, tres meses, na que fixen outras tantas viaxes a montañas de: Nepal, Kirguistán e Mallorca. E sentinme cada vez mellor, forte, motivado. As grandes montañas xa van aparecendo no meu horizonte mental.
*O vehículo contra
o que choquei o 11 de xuño do 2015 (eu ía en bici), era un Skoda,
modelo “Yeti”... curiosidades do destino.
10 de xuño 2018, en Miño
|
Ningún comentario :
Publicar un comentario