29/09/10

Estratexia ou tolería.



Foto da saída do CB, celebración da "puxa", rito para que os deuses me sexan favorables, arroxando arroz ao aire.

Son as 16.00 horas. Fai un día que regresei ao CB. A melloría do tempo chegou e como tiñamos previsto, o día 25 todos marchamos para os campos de altura. Eu saín o último, sobre as 9.30 h, a miña mochila pesaba uns 30 kg, unha barbaridade. Levoume 5 horas e 45 minutos chegar ao C1, onde pasei a noite na miña tenda. Acordara con Stefano compartir tendas e cociñas nos seguintes campos para reducir peso. Ao día seguinte subín ao C2 (6.332 m), foi un esforzo tremendo (mochila de 25 kg), por unha ruta algo complexa, que me levou 6 horas e cuarto, cheguei fundido. Compartín tenda con Stefano, pero case non ceamos, os liofilizados non eran nada apetecibles. O previsto inicialmente era regresar ao CB, pero queríamos deixar instalada tamén a tenda no C3, así que decidimos subir. Mentres, as previsións meteorolóxicas que van chegando son moi favorables e hai grupos no CB que se están a mover para intentar cumio os días 30 e 1 de outubro. Pero para nós, e demasiado cedo, chegamos ao CB hai só dúas semanas e estamos en proceso de aclimatación.

O día 27 chegamos ao C3 (6.785 m) sobre as 14 horas (tras catro horas de penoso ascenso), a ruta é moi doada, pero a altura faise notar dabondo. E xa alí arriba convenzo a Stefano de quedar a durmir, deste xeito a nosa aclimatación sería mellor. Pero tiñamos un problema, non subíramos esteiras e só tíñamos o meu saco. No C3 había outras tendas que montaran os sherpas para cando cheguen os seus clientes, botamos unha ollada, case todas só tiñan outras tendas ou cordas, menos unha, lista para vivir, podería ser un bo plan B. Estivemos na nosa tenda, fundindo neve e intentando comer algo, pero só nos entrou sopa e chocolate. Deitámonos sobre as mochilas, compartimos o meu saco sobre os nosos corpos e cos pés (botíns incluídos) no fondo do saco, aguantamos ata que o termómetro marcaba -8ºC, inda non se puxera o sol, pero era como estar nun conxelador... pasamos ao plan B. A noite foi moi longa, a cabeza sufrindo pola altitude (preto de 2000 metros sobre o CB), case non durmín. Nada máis saír o sol marchamos cara abaixo e almorzamos no C2. Eramos os alpinistas, de todo o CB, que durmiran máis alto ata esa data.

No C2 había máis xente que subira ata alí para aclimatar, pero coas noticias de que estaba a subir moita xente para facer cumio proximamente, a maioría deciden quedar ou subir. As grandes expedicións comerciais tiñan decidido aproveitar esta ventá de bo tempo para intentar cumio, este “tren” supón moitos sherpas abrindo a pegada e instalando cordas ata preto do cumio. Un tren que a maioría decide non perder, inda que o proceso de aclimatación estea incompleto ou moi xusto. Pero hai que ter a cabeza fría. Sei que hai que ser paciente, o teño escoitado directamente de expertos himalaistas, hai que esperar a que chegue a oportunidade axeitada, inda que as veces non chega. Constantemente vanse cambiando os plans, é normal, hai que subir cando as condicións son favorables e para subir unha montaña desta categoría hai tres factores a considerar: o estado da montaña, a meteoroloxía e o alpinista. Para o día 1, a montaña estará moi ben, coa ruta aberta polos sherpas, a méteo é favorable inda que con vento en altura e, cada alpinista debe saber se está nas condicións axeitas para acadar os 8.163 metros deste cumio. Eu inda non estou preparado para elo, debo baixar, o meu organismo necesita facer os “deberes”, pero estou satisfeito por ter equipados os campamentos de altura. Iniciamos o descenso e despois dunha parada no C1, de seguido ata o CB.
Despois de catro días esgotadores, agora toca descansar no CB, case baleiro, e esperar unha nova ventá de bo tempo, que sen dúbida será a miña oportunidade e a de Stefano.
A maioría dos alpinistas están por riba, cada un coa súa “estratexia”, oxalá poidan cumprir os seus soños.

Hoxe en España non é un día calquera, é folga xeral e o meu fillo maior, Bran, cumpre 18 anos, Parabéns!

5 comentarios :

Roberto López dixo...

Así me gusta Sechu, ás veces ten que mandar a cabeza sobre o corazón e nestes casos máis ainda. Alegrome de que vaias ben e espero que teñas bó tempo para acadar o cumio. Seguro que así será...
Parabens pola estratexia e adiante
unha aperta

Xulio dixo...

Lendo o relato estaba a esperar co corazón encollido a tiveras un pronto e te decidiras sumarte a ese tren ... que ti e os trens tendes unha relación especial. Alégrome que atepoñas a razón a paixón e esperes un mellor momento.

Unha aperta, pero non moi forte que non te quero deixar sen folgos!

Lourdes dixo...

Ben Sechu, segue a pensar no que pasa fóra desas montañas e cando chegue o momento estarás máis centrado. Que teñas tódolos deuses e diaños ao teu favor nesa ascensión. Parabéns para ti tamén que hai 18 anos que eres pai. E tamén para ti Bran, disfruta os 18 que non volven.

mirenalberdi dixo...

Aupa sechu!!!!! ya veo que estás trabajando mucho en la montaña.
Paciencia que ya llegará tu oporten la montaña unidad !!!
Hoy he visto que Carlos está en el C4. Animo y suerte para él también, coincidimos hace pocos meses en ese mismo C4. Espero que ésta vez tenga mucha mejor suerte.
Cuidate gallegiño!!!!!!!
Un fuerte abrazo
Oskar Porras Aramendi

Abel Alonso dixo...

Hola rapaz. En breve vou a facerche compaña no Nepal. Polo que contas as cousas van sobre rodas e tes moitos boletos para conquerir cumio. agardo que o tempo empece a mellorar tal e como contas...ben para vos e ben para nos. Sorte para ti e segue coa cabeza fría, a min tócame co Ama Dablam en breve.
Un aperta, Abel.