03/11/10

Rescate e regreso a casa. Fin de expedición.

Con este artigo pecho o meu relato da expedición ao Manaslu. Sigo cos tres dedos das mans vendados, polo que non podo escribir coa fluidez desexada, pero non quero deixar pasar máis tempo.

O día 7 de outubro no CB, despois das curas, de falar con Fernando sobre o rescate e de cear algo, retireime a descansar. Durmín moi ben, o simple pero amolecido colchón da miña tenda foi o responsable.

Na mañá do día 8 rapidamente empezaron a desmontar o noso CB, chegaban os porteadores, moitos eran mulleres. Algunhas das miñas cousas as repartía, a tenda do C1 foi para o cociñeiro, quen a reciclaría por partes para darlle algún uso na seguinte expedición; chocolates, sopas, chourizo... foron para os porteadores, expectantes de calquera cousa que podía ser descartada polos expedicionarios.
Non tiven noticias sobre o rescate, polo que debía baixar co resto do grupo a Sama Gaon, un descenso de 1.200 metros de desnivel que aos meus pés non lles apetecía moito, pero que foi fermoso e agradable, sobre todo cando chegamos á vexetación, coas árbores e o característico olor a terra húmida, o reencontro coa paisaxe verde inmediatamente lembroume a Galicia, a miña benquerida terra.




Foto: descenso ao val de Sama.


Foto: preto de Sama cruzámonos cunha caravana de iaks.

Xa dende Sama falei con Fernando novamente e varias veces coa aseguradora, necesitaba saber se sería evacuado por un helicóptero ou tería que regresar a pé durante varios días de marcha, para o que non estaba en axeitadas condicións.

Foto: en Sama, Xavi poñéndome unha inxección de heparina.


Xa noite confirmaron que un helicóptero me recollería ao día seguinte en canto as condicións meteorolóxicas o permitiran. Para esta viaxe aérea apuntáronse Xavi e Unai, así gañaban uns días e podían regresar antes a España, sen embargo Stefano preferiu completar o treking do Manaslu e regresar a pé, o que me daba certa envexa. Tamén o mestre pediunos evacuar a un neno que levaba moitos días semiinconsciente, aquí non hai médico e non se sabía o que tiña. Eu, a por quen viña o helicóptero, non puxen ningún inconveniente a ningún dos meus acompañantes, inda que non sabiamos o tamaño do helicóptero.

Foto: o helicóptero no que marchei.

O día 9 amenceu moi nubrado, pero ía mellorar e confirmáronnos que o helicóptero chegaría sobre as once e algo, e así foi. Con todo recollido estábamos a esperar polo aparato nun prado habilitado para estes menesteres, cando o divisamos, apareceu de súpeto unha morea de xente da vila, traían ao neno enfermo. Os pais confiáronnos ao se fillo, con xesto triste pero esperanzado, e agradecidos. Un familiar faríase cargo do neno nada máis chegar á capital.


A viaxe durou escasamente unha hora de voo, eu ocupei o posto do copiloto, polo que gocei dunhas boas vistas. Percorremos os mesmos vales que durante o treking, e o que polo entón durou unha semana a pé, o vin agora comprimido nunha soa hora, pero foi tempo suficiente para recordar cada día desa semana, aos compañeiros de aventura, ás aldeas e os seus poboadores, ás fermosas paisaxes, ás abundantes e variadas bolboretas, ás pontes colgantes... Unha semana, nun lugar descoñecido e con xente estupenda, da para moitas sensacións e emocións, é tempo suficiente para namorarse dun país, Nepal.

Foto: en hospital en Katmandú.

Aterramos, estamos en Katmandú. O primeiro a visita ao Norvic Hospital, onde fun atendido de urxencia... hora e media despois de entrar, o que non difire en moito do habitual no noso moderno país. Tras vendarme cinco dedos, marchamos para o hotel. Pasei a tarde intentando que a aseguradora me conseguira un billete de avión para esa mesma noite, pero foi imposíbel.

O día 10, pola miña conta e coa axuda de Xavi, conseguín adiantar a meu voo de regreso a España, viaxaría ese mesma noite, por fin. Inda tivemos tempo de dar un paseo pola cidade e facer algunhas compras en Thamel. Debo engadir, a modo aclaratorio, que cando comecei a viaxe comentei no blog que Katmandú me entristecera pola grande cantidade de lixo, pero resultou que aqueles días había folga de lixo, cando regresei mes e pico despois, decateime. Un taxi trasladounos a Xavi e a min ao aeroporto, viaxariamos xuntos ata Doha, onde se fai escala, logo cada un voou ao seu destino.

Foto: facendo baños de auga quente con betadine nun vaso, en Doha.

Foto de La Voz de Galicia: na estación de Atocha (Madrid).

O día 11 cheguei a Madrid ás 15.00 horas. Inda no avión e para a miña sorpresa, recibín unha chamada dun fotógrafo de La Voz de Galicia. Trasladeime en metro dende Barajas ata Atocha, onde o reporteiro mencionado fíxome unhas fotos, antes de que eu collera un tren AVE a Zaragoza. Xa na capital aragonesa despraceime ao Hospital MAZ para ser tratado das conxelacións. Esa mesma tarde fun examinado por Chelo, a enfermeira do Dr. Arregui, que con 30 anos de experiencia neste tema tranquilizoume: “esto no es nada”, mentres eu pensaba: esta boa muller ten que ter visto cousas realmente arrepiantes. Durante os seguintes días foime explicando o termo “no es nada”: durante un mes tes que facer curas diarias, estar medicado, coidarte moito de non recibir golpes nos dedos e sobre todo non coller unha infección (o que sería fatal para a rexeneración), non coller pesos, non facer ningún tipo de deporte... pero se tes sorte pode que non teñas secuelas. Eu o que estaba desexando era saír de alí e marchar para casa, estar cos meus.

Foto: con amigos na estación de Vigo, 16 de outubro.

O resto xa o sabedes. Agora estou en coidar ben eses dedos para volver facer “vida normal”, incluíndo ir á montaña o antes posíbel. O día 15 de novembro regreso a Zaragoza para que eliminen o tecido morto e ver como se están rexenerando os dedos. Espero non ter secuelas, pero se sobra algo e hai que cortalo... pode que aos peixes lles sirva de alimento.

Para rematar, quero agradecer o apoio recibido das seguintes entidades, empresas e institucións: Club Montañeiros Celtas, Fundación Vigo Deporte, Fundación Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, COVSA, Musgo Aventura, Terra Deporte Aventura, Meteogalicia, Centro de Fisioterapia Lence & Martínez; e tamén o interese dos medios de comunicación. Especialmente quero transmitir a miña gratitude a todos aqueles familiares, amigos e compañeiros que me mostraron o seu apoio, cariño e ánimo.

Unha forte aperta!

1 comentario :

Andrea Michèle dixo...

Moita sorte o luns, esperemos que sexan boas noticias.