Rematou a espera. Onte intercambiamos a información dos distintos partes meteorolóxicos que recibimos algúns dos que estamos aquí. Todos decidimos intentalo xa, parece ser que temos unha breve ventá de bo tempo e condicións aceptables para intentar cumio entre os días 19 e 21 de abril. Algúns xa marcharon esta mesma mañá, son os que apuntan ao día 19. Eu apunto ao día 20, e mañá parto directamente ao C2.
De como me atope no C3 dependerán moito as miñas opcións de cumio. Farei a ascensión pola miña conta, é dicir, en principio sen compañeiro, logo xa se verá; o que non quere dicir que vaia estar só. Somos uns 15 alpinistas e outros tantos sherpas os que estaremos nos próximos días intentando chegar ao cumio e facer realidade os nosos soños. No intento poño toda a miña ilusión. Ilusión, non obsesión; se non vai desta, xa o intentarei outro día, outro ano, ou cando sexa.
O título desta entrada é porque levamos aquí 20 días, e considérase necesario, ou cando menos recomendable, 3 semanas de aclimatación para intentar un oitomil desta altura (baixo). O intento anterior por parte dalgúns compañeiros non o consideramos “serio”, inda que foran con osíxeno.
Esta mañá fun correr hora e media, atopeime ben.
Agora acabo de enviar novas fotos con máis calidade que as anteriores e incluso envío algunhas das anteriores con máis calidade para que Pedro as substitúa. Seguen sendo arquivos pequenos, pero penso que agora veranse mellor. Levo cerca de tres horas para enviar unhas poucas fotos, o digo para que vos fagades unha idea das dificultades, por non falar do seu custe.
O próximo comunicado enviareino ao regreso do intento de cumio. Mañá parto cedo.
Unha forte aperta
Sechu, dende o CB do Annapurna.
Luns, 16 de abril 2012, 15.45 h de Nepal.
2 comentarios :
Animo, suerte y al toro. A por la montaña Sechu.
SL2
Javier Gonzalez.
Vamos vamos vamos, con cabeza e moita forza! Se se poode ben, e se non se pode, tamén ben.
Publicar un comentario