01/05/12

Preparando o segundo intento ao ANNAPURNA


Parece ser que o día 4 de maio é propicio para o cumio, polo que estamos todos un pouco alterados. Onte cotexamos os distintos partes da méteo, todos apuntan a que o día 2 de maio baixa o vento en altura, diminúen as nevaradas e que o día 4 (e pode que tamén o 5) son bos para o cumio.
 Hoxe prepararei todo para mañá, día 1 de maio, ir directamente ao C2,o día 2 ao C3, o día 3 ao C4 e se todo vai ben, o día 4 intentarei  chegar ao cumio. É o meu plan e o da maioría, inda que algúns partiron esta mesma mañá para o C1 e así non facer tan dura a ascensión.
Hai unha semana que non escribo no blog, pero algunha cousa que outra aconteceu estes últimos días. O día 22, cando escribín a anterior entrada para o blog, caeu unha gran nevarada (enviei foto da miña tenda), pois ben, ao día seguinte inda foi maior, uns 40 cm.
O día 24 marcharon os que fixeron ou intentaron cumio o día 20, en varias viaxes de helicóptero, no mesmo que chegaron dous checos (que veñen de aclimatar noutra montaña) e comida para abastecer a despensa do noso campamento, algo pobre nos últimos días.
O día 25 marcharon para o C2 catro húngaros. Coas fortes nevaradas dos últimos días, empezaba a estar preocupado pola miña tenda do C2, un lugar que acumula moita neve. Decidín ir de excursión ata alí, os húngaros terían aberta a ruta, e era un bo exercicio e tamén limparía as tendas. Pero para esa mañá tiña plans faunísticos,  quería fotografar as cabras que viramos ao lonxe uns días antes. Partín montaña arriba, na ladeira que está preto do noso campamento. Atopei as súas pegadas e tamén as súas cagadas, pero as cabras salvaxes non estaban por alí. Foi un bo exercicio, subín un desnivel de 300 metros saltando de pedra en pedra, como unha cabra máis. Aproveitei a perspectiva para facer unhas fotos “aéreas” do CB.
O día 26 partín para o C2, precedíanme Don, Óscar e os dous checos. Eu saín dúas horas máis tarde, non tiña presa. Cando cheguei ao depósito de material que está no glaciar, a unha hora do CB, fixen o habitual: calzar as botas de expedición, poñer o arnés, o casco e os crampóns. Cando saía para arriba chegaron dous sherpas: o de Rosa e un dos mexicanos. Dixéronme que ían polas cousas dos seus clientes que decidiran dar por finalizada a expedición e regresar a casa xa que ao día seguinte chegaba un helicóptero e que aproveitaban para marchar. Quedei  sorprendido, non o esperaba en absoluto, inda que mentres ascendía en solitario pensaba que non superaran os seus temores a esta montaña, eles tres sufriran en  propia carne dúas das tres avalanchas do primeiro intento, e era moi comprensible a súa decisión. Do C1 ao C2 non me atopei nada ben, as pernas non respondían como esperaba, pensaba e pensaba que estaba pasando: pode que estea bebendo pouco, que non teña suficiente aporte de sales, que perdera masa muscular (xa perdín algúns quilos, e moita graxa non teño que perder)…Cheguei ao C2, recibiume Don, non tiña boas novas: a miña tenda estaba afundida, rota. A acumulación de neve fixo ceder lateralmente a tenda, mágoa. Terminei de desenterrala, xa fixera Don a maior parte do traballo, xa que necesitara entrar nela para recuperar as súas cousas alí gardadas. A pesares de todo decidín durmir nela. O balance do día non foi moi bo, xa que fisicamente non me atopara ben, a miña tenda estaba rota e tres compañeiros decidiran marchar, isto último entristeceume bastante sobre todo por non poder despedirme deles, son cos que mellor me levo e cos que máis falo, se, evidente, entenden un dos meus idiomas, o castelán, jeje!.
Pasei boa noite e á mañá seguinte (día 27) despois do almorzo, comecei a desmontar completamente a miña tenda para avaliar os danos: un desgarro duns 40 cm. no tecido exterior, dúas variñas rotas e o resto dobradas, unhas máis que outras.  Levou máis dunha hora desprender a tenda do xeo que abrazaba as súas  ancoraxes, a neve fundírase e o frío conxelouna. Fun enderezando cada variña e reparando as rotas, pero non tiña con que reparar  o tecido, xa que a cinta americana  deixáraa no C3 e o outro rolo estaba no CB. Pero atopei uns imperdibles no meu botiquín… Tenda reparada provisionalmente. Cando suba outra vez rematarei a faena.
 A media mañá chegou Richard. Traía unha tenda, sabía (por walkie) que a miña  estaba rota, fixo un “bo paseo” e antes de marchar (volveu ao CB!) pregunteille polos compañeiros que marcharan…  Jajaja, era unha broma que me gastaran os sherpas, cando os pille! Cando reinstalei a miña tenda, separada suficientemente do talude formado pola neve caída (de máis dun metro de alto), dediquei o tempo a limpar de neve outras 2 tendas. Con todo pasou o día, tocaba descansar. Esta noite só quedamos no campamento Don, Óscar e máis eu, os outros marcharan pola mañá. Caeron outros 30 cm de neve.
O día 28 descendemos os tres. Non había pegada e as gretas estaban tapadas con neve fresca. A ruta estaba moi perigosa. Don ía diante coas súas “botas de sete leguas”; custábame facer coincidir a súa pegada coa miña pisada. Eu seguíao a certa distancia. Imposible seguir o seu forte ritmo. Chegamos a tempo para a comida. No descenso decateime de que tiña un gran burato nunha bota.
Como dixen ao principio, o día 29 cotexamos os partes da méteo. Comezan os preparativos: o primeiro reparar a bota, para o que pedín axuda a Azim, todo un experto nestes mesteres. Bota reparada. O día foi de descanso total e ducha, só saín do campamento para visitar a Carlos Soria e ao seu equipo. O médico, Carlos Martínez,  ofreceume facer unhas análises para ver como estaba (tamén a outros) antes de ir para o cumio.
Hoxe antes do almorzo terminei de ler un libro “Diario de un alpinista a los 70” sobre o montañeiro galego Ramón Blanco (activo aos seus actuais 78 anos), escrito polo seu  parente, tamén galego, Alejandro López (instrutor da EGAM). Gustoume. Despois do almorzo escribín unhas letras dedicatorias no libro, agasallo para Carlos Soria a quen lle gustou o detalle. No seu campamento fixéronme unhas completas análises de sangue, toma de tensión, etc, o resultado foi bo, dentro da normalidade e do esperado dado o lugar onde nos atopamos, estou ben para subir. Todo Ok.
Alex, xa lle podes dicir a Ramón que Carlos Soria ten “o libro”. Son “activos veteranos”, exemplo e motivación para todos.
Esta é a relación de novos remitentes dos sms que chegaron ao meu teléfono satélite: JC e Tika, Marcos, Antonio e Conchi, Bea Avelaira, Marta Souto, Alfonso González, Miguel Celtas, Alberto Fontenla, Selot, Berto Pontevedra, Paula, Andrea Michele, Manuel, Eva, Andrea espeleo, Galiorient, Fran, Ivan (Ferrol). Grazas a todos.
Estarei  uns días fóra do CB, se todo vai ben o normal é estar de regreso o día 6.
Unha forte aperta, grazas polos vosos ánimos.
Sechu, dende o CB do Annapurna.
Luns, 30 de abril 2012, 14.10 h de Nepal.

4 comentarios :

Roberto López dixo...

Animo Sechu e moita sorte.

Selot dixo...

Me alegro que estes ok, por mucho que te aclimates a las alturas nunca llegaras a las cabras, XD.
SL2
Javier Gonzalez

Abel Alonso dixo...

subimos contigo. moita sorte!!

Andrea Michèle dixo...

jajaja gastáronche unha broma! seguro que teñen de abondo coas túas.
Moita sorte, esperamos as boas novas no teu regreso ao campo base.
Bicos
Andrea Michèle