22/05/12

Regreso a casa. Chegada a Vigo o 19 de maio.

Unha semana en Kathmandu de vacacións foi suficiente para recuperar algo de peso e ter un bo aspecto xeral a pesares de chegar a Vigo visiblemente delgado. Eses días na capital de Nepal foron de descanso, dedicados sobre todo a coidar os meus pes. Tamén fixen algo de turismo e as típicas compras para levar uns agasallos aos máis achegados.

Á miña chegada a Vigo o pasado sábado, día 19, tiven un cálido recibimento por parte de Sonia, familiares, amigos e compañeiros, a maioría de Club Montañeiros Celtas, pancarta incluída, coa súa presidenta Lourdes á cabeza e con boa parte dos membros da directiva actual e de etapas anteriores; tamén estaban Luís e Nuria de Terra. Foi unha ledicia ver tantas persoas contentas celebrando con algarabía a miña chegada. Moitísimas grazas a todos pola vosa presenza e felicitacións.
Publico unhas fotos do recibimento realizadas polo meu curmán Jorge Barreiro.

Onte fun a Povisa, tiña que pasar consulta dos meus pes. As conxelacións non son graves e segundo o médico non deberían quedar secuelas inda que si algunhas marcas (cicatrices), coa salvidade do dedo gordo do pe esquerdo, pois de momento é pronto para asegurar que vai quedar ben. O xoves regreso á consulta para valorar a evolución das lesións. Son 7 os dedos afectados, pero na maioría son pequenas conxelacións superficiais, inda que a vendaxe individual de cada un deles fai que o volume xeral sexa molesto para calzarme e andar.

Unha aperta

Sechu.

Ningún comentario :