01/06/12

De 47 aniversario, pola mañá no Concello

Esta mañá fun ao Concello de Vigo, estaba citado, xunto a outros destacados deportistas da cidade, para unha recepción oficial do Alcalde da Cidade, Abel Caballero, e o Concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Non todos os anos un recibe a felicitación do Alcalde, de feito é a primeira vez que me pasa, e a recibín en persoa e por dobre motivo: por acadar o cumio do Annapurna e polo meu aniversario. Si, nacín xa hai 47 anos, a miña nai ten un grande e “apaixonado” recordo daquel momento, novata, parto na casa e 4´1 kg de cativo; que tempos aqueles, eu case nin me acordo, se que chorei, contáronmo, debía de estar moi emocionado.... O alcalde interesouse especialmente polo que sentín ao chegar ao cumio. Aproveitei a ocasión para pedirlle, ao rematar o acto, que tivera o detalle de facer unha recepción oficial a Club Montañeiros Celtas, meu club, xa que este ano tamén estaba de celebración (70 Aniversario, sendo o club de montaña máis antigo de Galicia e o de máis socios, uns 1200!), algo no que el e o concelleiro me aseguraron que xa estaban traballando.

Sechu entre o Alcalde e o Concelleiro de Deportes, en plan "colegas"

Achegueime despois ao despacho da miña amiga Chus Lago, Concelleira de Medio Ambiente e afamada alpinista (ela tamén é de Montañeiros Celtas). Recibín a súa cariñosa felicitación e falamos un pouco da miña recente experiencia no Himalaia, coñece o Annapurna pois estivo alí de expedición en 1991. Quedamos para ir a escalar este verán, cando eu poda poñer os pes de gato, porque de momento non podo nin poñer calzado normal.

Sechu e Chus

Logo fun visitar a outra amiga, Marta Souto, responsable do Servicio de Normalización Lingüística do Concello e ex-Directora Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Cunha efusiva reacción ao verme, deixoume gratamente sorprendido. A súa felicitación e agradecemento polo meu compromiso coa nosa lingua a deixou clara, algo que xa fixera nesta mensaxe que me enviou ao móbil cando inda estaba en Kathmandu: “Ola Sechu. Son Marta Souto. Parabéns! E felicidades e grazas polo teu compromiso coa lingua, co Galiñeiro... co país. Noraboa, rapaz. Bicos”

Sechu e Marta

Hoxe teño un ano máis de vida, ou un menos. Depende do punto de vista, en calquera caso, estou satisfeito co que xa teño vivido, e espero seguir gozando do que me quede.


Apertas para todos e biquiños para todas.

Sechu.

Ningún comentario :