17/04/13

Seminario de Escalada en Xeo, en Perineos

A pasada semana santa, durante 5 días (do 27 ao 31 de marzo), participei xunto a outros catro montañeiros nun seminario de Escalada en Xeo organizado pola FGM, e dirixido por José Romay “Josito”, instrutor da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).

Era unha actividade dirixida a deportistas con dominio das técnicas fundamentais de seguridade e progresión en alpinismo, e que contaran cun mínimo de autonomía, xa que non era un curso típico, senón un seminario onde os participantes eran asesorados para ir mellorando o seu nivel técnico no mundo da escalada en xeo e terreo mixto.

A viaxe a realicei no meu coche, acompañado de César, ambos de Montañeiros Celtas. Viaxamos durante todo o luns 25, pois son máis de 900 km de estrada ata Bielsa (Huesca). Aloxámonos no Refugio de Pineta, a 12 km de Bielsa, no magnífico Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, onde xuntámonos co tamén galego Fran e o vasco Julen, participantes coma nós, do seminario que tería como base este refuxio.

Ao día seguinte os catro aproveitamos a xornada para desprazarnos á estación francesa de Piau, onde practicamos esquí de pista. O pasamos moi ben. Esa noite chegaron ao refuxio Ángel, tamén de Montañeiros Celtas, e Josito. Xa estábamos todos.

Na estación de esquí de Piau (Francia)
Fotos: Sechu, salvo que se indique outro autor.
Josito é un dos mellores escaladores en xeo e mixto da actualidade, a nivel mundial. Ten un altísimo nivel de escalada: en rocha 8c (e está intentando o máximo grado, 9º), en xeo WI 7 (a máxima dificultade), en mixto M12+ (o máximo é M13)... impresionante. E ademais de ser tamén un excelente instrutor, é un tipo súper simpático. Todo un privilexio aprender con el.

Sechu falando con Josito (de vermello)
Foto: Fran Rodríguez
Caeu tanta neve este ano, que para a nosa sorpresa algunhas zonas de cascadas de xeo se cubriron totalmente de neve, e noutras, empezas a cascada na metade da vía! Tamén a neve, caída enriba do xeo, fixo que este se podrecera pouco a pouco, afectando a súa calidade.
Os tres primeiros días estivemos na zona da “Boca Norte do túnel de Bielsa” (Francia), sector da Dorada. Non tivemos sorte coas condicións do xeo nin coa temperatura, a pesar de que estabamos a uns 2.000 metros de altitude. As cascadas estaban desfacéndose e a temperatura roldaba os 5 graos positivos, demasiado alta para esta actividade, inda que para as prácticas foron condicións “aceptables”... non cabía outra, xa estabamos alí. A méteo tampouco foi favorable, precipitando a miúdo auganeve.
Primeiro e segundo día practicamos os movementos por xeo vertical, logo facendo uns cantos largos (en polea), só centrándonos no emprego correcto dos piolets e crampóns. Prácticas de colocación de parafusos de xeo nun largo de corda, centrándonos na posición do corpo e no lugar máis axeitado para poñelos. Rematamos coa instalación de reunións en xeo. Na segunda xornada, antes da cea e para estirar as pernas, Ángel e máis eu fomos correr cara o interior do Val de Pineta, un paraxe moi fermoso.

Prácticas en xeo vertical

Colocación de parafusos de xeo
Foto: Josito Romay

O grupo no refuxio, celebrando o aniversario de Fran

O terceiro día, venres, fixemos a práctica na que estábamos máis verdes, todos petando de antebrazos e caendo sen remedio (eu con lesión incluída), escalando cas ferramentas (piolos e crampóns) directamente na rocha. Este tipo de escalada chámase “mixto deportivo” ou como denominan algunhas revistas especializadas “drytooling”. Despois practicamos a realización de pontes de xeo ou “abalakov” e como montar o rápel dende eles.

Probando o "mixto deportivo"
Foto: Fran Rodríguez
Montaxe de rápel dende pontes de xeo (abalakovs)
Foto: Josito Romay
Os dous últimos días, destinados a poñer en práctica todo o aprendido e correxir erros, cambiamos de zona buscando unhas mellores condicións do xeo e acertamos, inda que sen ser moi boas, atopamos un par de cascadas interesantes no fermoso val de Barrosa.

Adentrándonos no val de Barrosa
Sector de cascadas no val de Barrosa,
no centro da imaxe as dúas que fixemos
Detalle das dúas cascadas: Espluca e Bachetas 
O círculo sinaliza aos compañeiros no inicio da cascada do último día.
A mellor actividade foi o sábado, completando os dous largos visibles da Cascada “Espluca” (III, 3+, 120 m), unha escalada atractiva, con tramos de 80º/85º e ambiente de goulotte, 0º de temperatura, bastante vento e neve miúda voando que deu o toque invernal definitivo. Todos gozamos.

Chegando á cascada "Espluca"
Foto: Fran Rodríguez
Acadando o final da escalada.
Foto: Josito Romay
O domingo fomos á Cascada “Bachetas” (III, 3, 170 m) , ao carón da Espluca. As condicións do xeo non foron tan boas como o día anterior, era máis ben unha cascada-corredor, facía sol e a neve era inestable por riba nosa e en todo o val, escoitamos varias avalanchas e só fixemos completo o segundo largo e parte do terceiro, con retirada dende abalakovs, mola! (o primeiro largo estaba case enteiro baixo a neve). Pero quedamos a gusto co realizado, inda que con moitas ganas de facer máis.

Na cascada-corredor "Bachetas"
Ao pé das cascadas había evidentes restos de grandes avalanchas

Cinco días de boa formación e experiencia, onde a convivencia foi magnífica e no refuxio estivemos moi cómodos e ben alimentados, ademais de pasalo sempre moi ben, con celebración do aniversario de Fran incluída... e risas dabondo!

Todo o grupo, ao final do seminario.
Lesión
 
A caída practicando mixto deportivo (drytooling), o venres 29 de marzo, produciume una lesión nas costas, no cu para ser máis preciso. Doeume dabondo, pero supuxen que só era unha forte contusión e seguín escalando, tamén os dous días seguintes, a pesares das molestias. O regreso (en coche) fíxose eterno e viaxei moi incómodo, por tantas horas sentado. Non din importancia, inda que nos días seguintes non me apetecía escalar, e adestrei con menos intensidade, pero a diario, con carreira, bici de montaña, ximnasio... todo con molestias. Levaba así máis de 10 días e Alex, o meu preparador, convenceume de que fora ao médico, di parte de accidente na federación e na clínica correspondente me realizaron una radiografía... posible fractura. Sports Stop! Nunha consulta posterior, 15 de abril, o traumatólogo confirma... "fractura do sacro". O impacto na rocha debeu ser sobre un saínte, un golpe directo no sacro.
Como consecuencia estarei uns días parado e suspendín un par de actividades previstas a curto prazo: a participación na Maratón de A Coruña este domingo 21 de abril (estaba inscrito) e a realización da “integral de Ancares” correndo no día, cuns amigos o 4 de maio. Estou pendente dunha resonancia magnética que me farán estes días para ver a evolución e descartar outras lesións. O prognóstico é bo e a recuperación parece será rápida, a boa musculatura lumbar axuda. Se todo vai ben a vindeira semana conto poder retomar gradualmente os adestramentos.

Vídeo


Fixen este pequeno vídeo (2´25”) con imaxes de Fran, nas que aparezo eu (de verde), correspondentes á 3ª e 5ª xornada. Resaltar que nestas imaxes xa tiña a fractura no sacro. A pesares das molestias non deixei de facer actividade, claro que non sabía que eu estaba roto. Levo xa na miña "conta de resultados" moitos golpes, caídas, conxelacións, etc. que me foron curtindo e facendo da dor, simples molestias. Duro coma un ferrote...

Sechu.


Ningún comentario :