26/06/13

Annapurna. Punto e aparte, con despedida amarga.

Punto e aparte. Porque retiro xa da portada do meu blog todo o referido ao Annapurna. Xa hai máis dun ano que regresei desta fermosa montaña e teño intención de viaxar a outra gran montaña este ano, polo que hai que facerlle sitio ao novo proxecto.

Pasaron moitas cousas na miña vida nestes meses... e tamén na vida de moitos dos que foron compañeiros naquela aventura, a maioría participaron en distintas expedicións a oitomiles e, desgraciadamente, algúns morreron recentemente, de aí no título deste artigo "despedida amarga".

Unha vez máis quero insistir en que os montañeiros non imos á Montaña a morrer, senón todo o contrario, imos VIVIR. Coñecemos e asumimos certos riscos, propios das actividades que realizamos, e saber que podemos perder a vida en calquera momento fainos saborear cada instante dela.

Zsolt, en Annapurna 2012
O húngaro Zsolt Eross foi un dos 10 alpinistas que saímos do C4 cara o cumio do Annapurna, el foi un dos 3 que non conseguiu acadalo, decidiron non seguir subindo nun momento dado e descenderon, tiña suficiente experiencia para tomar a decisión axeitada, Zsolt sumaba 9 oitomiles, faltáballe unha perna que suplía cunha prótese, sendo admirable a súa determinación para seguir facendo o que tanto lle apaixonaba. Morreu esta primavera descendendo do cumio do Kanchenjunga, tras unha dilatada xornada de cumio. O cansazo é un dos principais motivos de accidentes. Hai quen me dixo que Zsolt morreu de morte "natural", foi irónico? ben mirado é aceptable, pois "perder a vida" escalando un oitomil non é algo anormal tendo en conta os riscos.

Somos insignificantes comparados coa grandeza das montañas, pero somos grandes para quen nos aprecia e admira. Nós só imos alí porque é o que nos gusta, o que nos ilusiona e apaixona, o que fai que a nosa vida sexa interesante, por e para nós, é algo tan sinxelo como que sentimos a atracción das grandes montañas... unha especie de canto de sereas. Estar na Montaña é fantástico, somos felices.


Yang, en Annapurna 2012

Chung-Feng Yang e Jian-Feng Rao, eran os dous chinos cos que compartín Campo Base (CB) do Annapurna, estaban no outro grupo da mesma axencia coa que contratamos os servizos da expedición. Eran moi reservados e non se facían ver moito polo campamento, pero compartimos algúns bos momentos, eran simpáticos e moi peculiares.
Yang era un apaixonado de fumar en pipa, era case imposible velo sen unha, e tiña unha grande colección de pipas no CB! un home tranquilo, non se alteraba por nada.
Jian, en Annapurna 2012
Jian era enxeñeiro e era máis inquedo e alegre, lémbrome del na festa do fin de ano nepalí na nosa tenda comedor, dirixindo a nosa orquestra... rimos moito.
Levo todo o día pensando neles, cunha presión no peito que me afoga e aflixe. Hoxe lin na web de Desnivel a relación dos 11 montañeiros asasinados no CB do Nanga Parbat o 22 de xuño, nun ataque terrorista, entre eles: Yang (44 anos, 11 oitomiles) e Jian (49 anos, 10 oitomiles), eles non perderon a vida na montaña, "quitáronlla", non por ser montañeiros, non! senón porque eran un branco fácil da crueldade humana que non ten escrúpulos ao pretender gañar conflitos matando a xente inocente e sen posibilidade de defenderse. Isto non é normal, nin asumible... é unha barbaridade. 

Yang e Jian (círculo verde), no CB do Annapurna 2012
Esta é a miña pequena homenaxe a estes namorados das grandes montañas, que xa non están entre nós. Descansen en paz.

Sechu.

1 comentario :

Unknown dixo...

Animo e adiante! :)