Inda que isto xa tiña que estar escrito e publicado antes de iniciar a viaxe, os preparativos colmaron todo o tempo do que podía dispor, á vez que adestrar, traballar e intentar durmir unhas cantas horas ao día... roubándolle horas ao sono para ter tempo de facer todo, ou case. O certo é que termino de escribir este artigo en Nyalam (Tíbet). Pero non quero deixar de reflectir no meu blog cando menos as semanas previas á expedición.
Ante calquera viaxe, a cantidade de cousas que hai que facer é incrible, máis cando un vai de xeito individual a unha gran expedición e o ten que coordinar todo, inda que grazas a colaboración e ánimo da miña moza Patri, do meu irmán Xulio (facebook), de amigos e compañeiros -sendo fundamentais Pedro (blog) e Alberto (informática)-, do meu benquerido Club Montañeiros Celtas, coa súa Presidenta Lourdes á cabeza, da Federación Galega de Montañismo, que este ano está de 50 aniversario... as cousas se fan dun xeito máis levadeiro.
Este 2013 foi bastante irregular na miña vida, comezando o ano con problemas persoais que me afectaron moito, pero que levei mellor adestrando duro, mañás e tardes, atopándome moi forte a finais de febreiro. A primeiros de marzo a enfermidade da miña nai fíxome parar os meus adestramentos, inda así participei na Media Maratón Vig-Bay (Vigo-Baiona), facendo un tempo de 1h29´18”. A finais dese mes fixen a viaxe a Pirineos, para escalar en xeo, onde sufrín unha caída que me produzo unha lesión importante (fractura de sacro) e estiven máis dun mes parado. O ano non ía moi ben, pero en abril cambiou a miña sorte e apareceu un patrocinador “Peixes Vimar” que unha vez recuperado da lesión me permitiría afrontar unha nova expedición a un oitomil, aportando aproximadamente a metade do seu custe. A maquinaria comezou a moverse na busca de entidades e empresas que puideran colaborar no proxecto, á vez que buscaba destino montañeiro. As primeiras foron Terra deporte aventura na adquisición e financiamento do novo material necesario, e de Meteogalicia, pois como en todas as miñas grandes expedicións, sempre puiden contar con eles. Tamén contei dende o principio coa colaboración do meu Club e da Federación, e espero contar tamén cunha axuda da Xunta de Galicia – Fundación Deporte Galego por ser DGAN (Deportista Galego de Alto Nivel).
Descartado o Karakorum pola miña lesión (a intención inicial era ir no verán ao Broad Peak con Abel Alonso), orientei a viaxe ao Tíbet. Así, co Shisha Pangma como primeira opción no outono, intentei organizar unha viaxe de aventura-aclimatación polo Tíbet en bici, dende Lhasa ao Campo Base desta montaña, ao que tiven que renunciar polas trabas que me poñían.
As meus adestramentos fundaméntanse nos traballos de forza e elasticidade no Ximnasio Saúde e Deporte (quen sumouse a colaborar na expedición), a carreira a pé, a bici de montaña, e este ano bastante natación para a recuperación tras a lesión. E por suposto as saídas á montaña. En agosto fixen dúas interesantes viaxes, unha a Perineos e outra aos Alpes.
Pero antes pasou algo que alterou os meus adestramentos e, sobre todo, o meu ánimo: o fatídico accidente de Abel, que me afectou máis do que puidera esperar de algo así, algo que sabemos pode sucederlle a calquera, pero que non esperas que pase, e cando lle pasa a un amigo, é difícil de asumir. A fin de semana do 20-21 de xullo, participaba con Patri no campamento de verán de Club Montañeiros Celtas, gozamos dabondo, sábado bici e domingo canoa, a segunda xornada terminaba coa feliz nova de que Abel acadara o cumio do Ghasserbrum I (G1, 8.068 m). Nos días seguintes, coa desaparición de Abel e os seus dous compañeiros de cordada, estiven ao carón da súa familia, dedicándolle todo o meu tempo a xestionar as novas que chegaban de Paquistán, pero os acontecementos non tiveron a final que todos desexábamos. Perdín varios quilos de peso, que xa non recuperi. Quedei moi afectado, vivín a situación dende a outra beira, do lado da familia que sofre a expedición dun ser querido. Inda que non se me quitaron as ganas de ir á montaña, todo o contrario, a montaña non ten culpa ningunha destes sucesos, imos ao seu encontro porque é o que queremos facer, e o facemos libremente, e grazas ao apoio de aqueles que nos entenden e aprecian.
Perineos, primeira semana de agosto.
Tras a longa viaxe en bus dende Vigo, realicei co meu fillo Roi varias ascensións que compartimos, a maioría das veces, con outros membros do Club:
- Cotiella (2.912 m) saíndo do cámping (845 m) no que estábamos acampados. Longa e dura xornada que levounos 14 horas.
- Astazú Occidental (3.007 m), saíndo dende Pineta e pasando polo Balcón de Pineta. Primeiro tresmil de Roi.
- Posets (3.372 m), saímos do Refuxio Viadós (1.760 m). A xornada anterior nevara e a ruta estaba máis perigosa do previsto, polo que a cen metros do cumio e metidos nas nubes, paramos e tras analizar a ruta a seguir, díxenlle a Roi que el non pon podía subir. A maioría do grupo deu volta, pero cinco chegamos ao cumio, nevando algo e sen visibilidade. Durmimos no refuxio.
- Gran Bachimala (3.174 m), dende o refuxio. Fixemos a ascensión os dous sós e estivemos no cumio máis dunha hora, o día era magnífico e a vista circular perfecta. Alí arriba coincidimos cun numeroso grupo do Club Alpino Ourensán.
Sechui e Roi, no Balcón de Pineta
(Foto: Javier Diéguez)
Sechu e Roi, en Astazu Occidental
(Foto: Javier Diéguez)
subindo ao Posets
Sechu e Roi, no Bachimala
Alpes, última semana de agosto.
Aceptei gustoso a invitación de Coru (Juan Rivas) de ir a Suíza, a súa terra de adopción, para facer a aclimatación previa á expedición. Ademais de adestrar en altura e preparar o meu corpo, tamén aproveitei a viaxe para probar material novo: botas de inverno, tenda lixeira, frontal, piolos, botella-termo, micro-cociña, lentes de sol, GPS... A hospitalidade de Coru e a súa moza Sarah, foi moi de agradecer.
O plan era facer algunhas noites e actividade por riba dos tresmil metros e intentar un par de cumios de catro mil, sen nada definido de antemán. Saíu bastante ben, a pesares de que a méteo non foi moi boa, inda que permitiume facer cousas:
- Travesía en solitario, partindo de La Claux (2.200 m) ata o Col da Claux (2.940 m) dende onde fun enlazando cristas, ata o Mont Fort (3.308 m), preto de aquí, no desvencellado Refuxio de les Colomels (3.286 m) pasei so a primeira noite (ao refuxio fáltalle o seu sustento en boa parte da súa base por un derrube). Ao día seguinte continuei cristeando, un auténtico rompepernas, pasando polo Col de Louivie, a Tête de Monin (3.059 m), ata o Rosablanche (3.336 m) e sempre pola crista e metido nas nubes ata onde me deu o corpo, momento no que montei a tenda nunha repisa para facer noite (3.146 m). Na xornada seguinte seguín pola crista, pasando polo Lui des Chamois (3.193 m), ata un cumio de 3.210 m, ía en dirección ao Pointe du Valsenay, onde as nubes quitaron outro día máis a visibilidade e decidín baixar ao val polo Col du Crêt, dando por terminada a travesía en Fionnay (1.501 m), onde viu recollerme Sarah. E, ao día seguinte:
- Combin de Valsorey (4.184 m). Iniciamos a ascensión no aparcadoiro (1.856 m), ás 4.35 h e ás 7 da mañá estabamos no Refuxio de Valsorey (3.031 m) onde a maioría dos escaladores fan noite para repartir a ascensión en dúas xornadas. Tras unha parada de 20 minutos para comer unha barriña e calzar as botas (ata aí chegamos en tenis), continuamos ascendendo ata os 3.663 metros, onde chegamos ás 9.05 h. Aquí comeza a aresta duns 500 metros de desnivel que leva ata o cumio, cun inicio espectacular e comprometido en roca descomposta e terreo mixto (bastante neve para ser finais de agosto), que deixoume bastante preocupado. Máis arriba calzamos os crampóns. Case sempre foi Coru diante, porque é mellor escalador, porque coñece mellor ese tipo de roca, porque ten máis envergadura, e sobre todo, porque eu teño fillos e el de momento só está adestrando para telos. A roca descomposta metía medo e parecía que íase desmoronar en calquera momento, máis na baixada, pola subida da temperatura. Fixemos cumio ás 15.45 h e xa non seguimos ata o cumio principal do Gran Comben (4.314 m), por ser unha travesía sobre neve xa moi branda e perigosa polo tardío da hora. Descendemos con moita precaución e chegamos ao refuxio xa coa luz dos frontais que tivemos que sacar a escasa media hora do refuxio, onde despois de cear algo, continuamos descendendo durante dúas horas máis ata o coche. En total 19 horas e media de actividade, case sen descanso.
Pouco antes do inicio da expedición sumouse ao proxecto o Concello de Vigo, grazas ao esforzo constante por conseguilo do Concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Tamén contei coa colaboración de Marcos Requejo (produtos PowerBar).
Refuxio de les Colomels
Sechu no cumio do Rosablanche
A miña tenda tras a 2ª noite da travesía
Amañece nos Alpes
Coru na aresta
Coru no cumio
Gran Comben
Ningún comentario :
Publicar un comentario