Viaxamos nun jeep os catro polacos e
mais eu, ademais do obrigatorio guía tibetano e o chofer. Tirando
fotos dende as fiestras e facendo unha parada en plena estrada, para
fotografar dous “yak” loitando. Fixemos outra parada no Tongla
Pass (5.060 m), onde merquei algunha cousa a un vendedor tibetano que
estaba no lugar (foto en facebook). Un pouco máis adiante, chegamos
ao desvío para o CB chino do Shisha Pangma, onde os polacos seguiron
no jeep cara o seu treking e eu pasei ao camión onde xa viaxaban o
cociñeiro, un axudante de cociña tibetano, outro guía tibetano e o
chofer. Así chegamos ao Campo Base Chino (5.020 m), onde está o
“oficial de enlace chino” que controla aos expedicionarios.
Axudei a descargar o camión ata que a dor de cabeza me fixo
deitarme. Preto de nós estaba un grupo de catro europeos, un suízo
(nado en Holanda) e un alemán (aos que xa coñecera no avión), un
danés e un italiano. Pasei unha boa noite na miña solitaria tenda.
Loita de yaks
Casa tibetana
Tongla Pass, co Shisha Pangma ao fondo
Campamentos nómadas
CB chino
O día seguinte o tomei de relax, para
ir adaptándome á altura. Fixen fotos, iso si, gústame a fotografía
e no paseo diario para gañar altura, atopei un pequeno carnívoro
que me deleitou coa súa presenza (ver facebook).
O día 12 marchou o grupo europeo, tras
eles saíron os seus yaks, con espectáculo incluído pois inda que
parecen animais dóciles, dous deles desbocáronse e espallaron a súa
carga, algunha acabou no río. Graveino en vídeo e é divertido,
pero non o podo subir ao blog, porque non teño unha boa conexión a
Internet, sería moi custoso para min. Este día a méteo non foi
boa.
O venres 13 partimos do Campo Base, o
axudante de cociña tibetano “Congá” (que non fala absolutamente
nada de inglés), os yaks cos seus pastores, e máis eu. Saímos as
dez da mañá e chegamos ao CB Avanzado (CBA, 5.620 m) preto das tres
da tarde, parando só 20 minutos a comer. O previsto era repartir a
ascensión en dúas xornadas, pero me dixeron que a maioría das
expedicións soben do tirón, pois facilita a loxística. Aceptei
contando que o CBA estivera a 5.400 m como me asegurou o oficial
chino. Cheguei con dor de cabeza e nevando.
O cociñeiro quedou no CB anterior para
esperar polos polacos, polo que aquí estou de prestado noutra
expedición, a dos 4 europeos, con quen teño trato cordial, pero
nótase que eu non son do seu grupo (xa levan xuntos dende
Kathmandu), teñen mesa para catro e eu teño que comer nunha
esquina, a verdade non estou cómodo. Ademais ao non falar inglés
fluído é un inconveniente nas conversas.
Cargando un yak
Camiño do CBA
Día 14. Este día atópome bastante
ben, pero descanso, reparo o cargador de baterías da axencia e por
fin podo cargar o meu portátil. Inicio a tarefa de organizar as
miñas cousas neste campamento que será a base das sucesivas
ascensións. Meteogalicia informoume de que nos vindeiros días a
méteo será boa no CB.
Últimas luces no Shisha, dende CBA
Domingo 15. Xornada que dedico a subir
metros e ver como responde o meu corpo á altitude. O conto en
facebook.
Día 16. Inicio a xornada almorzando
cos catro europeos na súa tenda comedor, falamos dos nosos
respectivos plans. O italiano Danilo e o danés Jacob suben hoxe ao
C1, mañá prevemos facelo os outros tres, o suízo Eelco e o alemán
Frank, e eu tamén se paso boa noite e podo madrugar. Despois tomei
unha ducha, a primeira dende Nyalam. Pola tarde chegan os polacos e
Rinji, o noso cociñeiro, por fin. Tamén chega a expedición de
Carlos Soria, venme visitar o seu sherpa Muktu e informoume da
chegada do numeroso grupo hispano, a quen logo fun eu a visitar, pero
falamos pouco pois xa comezaban a cear.
Hoxe foi a velada máis agradable dende
que estou no Tíbet, a relación cos polacos foi moito máis cálida,
antes de cear preguntáronme pola zona, que sabía da ruta e
enxeñeilles as fotos do día anterior, durante a cea falaban en
polaco, coma sempre, pero pedíronme desculpas por elo, ao que lles
respondín que non se preocuparan, que era normal. Tras a cea
quedaron dous deles e falamos largo rato en inglés, facendo un
esforzo por entendernos e coñecernos, mentres tomábamos un te tras
outro. Foi grato.
Ata agora teño recibido sms no meu
teléfono satélite de: Pedro, Xulio, Javi Diéguez, Manu, Salome
Galidomi, Alfonso, Patri, Juan Taboada, Lourdes, Mamá e Marisa. Se
alguén máis envioume mensaxes, perdéronse. Algunhas sms chéganme
incompletas, tede en conta que o máximo son 145 caracteres e non se
pode poñer ningún destes: ñ, ¡ , ¿ , nin poñer til nas letras
(´), porque de poñelo a sms non chega. Lembrade tamén que o envío
destes sms é de balde (gratis) e son de agradecer. E ademais de
poñer o voso nome poñer tamén o apelido ou algo para que vos
identifique, porque me ten pasado outros anos de recibir sms de
diferentes Alfonsos, Carlos, Anas... e non sei de quen son!
Sechu.
CBA Shisha Pangma, 16 de setembro 2013
2 comentarios :
preciosas fotos.
Moita sorte Sechu
Unha aperta
Roberto
Ánimo companheiro.
Pagou a pena cambiar de cámara, si, que fotos máis fermosas.
Chegou a hora da forza e da resistencia e de cumplir o sonho.
Apertas
Os do teu club, os M Celtas
Publicar un comentario