22/09/13

Campo Base Avanzado (5.620 m) – C2 (6.875 m)

O día 17 saín cedo do CB, ás 8.15 h, coas primeiras luces, pero durmira moi pouco terminando de escribir o anterior artigo para o blog e enviar as fotos correspondentes, o que é moi lento. Como ía moi cargado para establecer o Campamento 1 (C1), o ritmo foi máis lento do esperado, tardando case 3 horas en chegar ao depósito de material, onde recollín a miña tenda e piolet. Alí estaba Danilo, quen chegara o día antes e decidira pasar a noite, canso do cargado que chegara. Xuntos continuamos a marcha ás 12.30 h, coa intención de pasar a noite sobre a morena do glaciar, lugar que tamén elixira o día anterior Jacob, compañeiro de Danilo. Todos os que vamos sen sherpa vamos moi cargados para establecer os nosos campamentos. Case 3 horas tardamos en cruzar os serac e poder acampar sobre a morena (5.850 m aprox.), Danilo vai moi lento e o vou esperando. Montamos a miña tenda, pola tarde pasan xunto a nós Frank e Eelco. Pasamos a noite, escoitando de cando en vez o ruxir do glaciar baixo os nosos corpos.

mochila de Sechu na 1ª ascensión ao C1

Danilo na zona de seracs

Sechu e a súa tenda na morena

O mércores 18 recollemos todo, saímos da zona de seracs e continuamos subindo polo glaciar, ata chegar á tenda de Frank e Eelco, que acamparan preto dos 6.000 metros. Facemos unha parada e reiniciamos a marcha os 4. Eu atópome forte e vou diante, ata chegar ao C1 (6.354 m) ás 14.10 h. Teño lixeira dor de cabeza, pero preparo unha plataforma e monto a miña tenda, e despois de facer auga fundindo neve, déitome o resto da tarde. No campamento hai moitas tendas, unhas 15 persoas foran ata o C2, entre elas Jacob. Polo serán van baixando todos os alpinistas que subiran ao C2, e tamén chegan os polacos dende o CB, pero ao final non quedan a durmir e descenden.

 a tenda de Sechu en primeiro plano no C1, á dereita o Shisha Pangma

C1. Enfronte a montaña (centro da imaxe) á que subín para ver a ruta de ascensión

 Xoves 19. Tiñamos falado de subir este día ao C2, pero tras unha noite moi ventosa, as 10.30 h só eu estou listo para partir, entón asómase Danilo para pedirme que lle espere. Partimos ás 11.20 h, pouco despois o fan Fran e Eelco con esquís. Pronto Danilo vaise quedando e é adiantado, para aos 30 minutos regresar ao C1. Eu sigo ao meu ritmo, cruzando algunhas gretas (hai corda fixa nese tramo) e sufrindo forte vento de cara, chego so ao C2 (6.875 m) ás 14.25 h (+3h05´). Alí estou algo máis de 45 minutos, pero non se mira moito porque estou dentro dunha nube. Regreso ao C1 e só tardo unha hora, o percorrido é moi directo. Ao chegar atopo ao grupo de Carlos Soria e falo un rato con eles, tiñan intención de subir ao día seguinte ao C2 para durmir alí.

Ruta de ascensión dende o depósito ata o C2

Venres 20. Tras outra noite de vento, pero esta ademais cunha nevarada considerable, todos os que estabamos no campamento baixamos ao CB, o que xa contei no facebook. Chego a tempo para comer e despois boto unha boa sesta.

Descenso dende o C1. Boa panorámica da lingua glaciar que chega ata o lago glaciar que esta ao carón do CB

A fin de semana a tomei máis ou menos de descanso, os polacos marcharon cara arriba. Pola mañá do sábado 21, ducha e lavandería, é dicir, tomo a tarefa de lavar a miña roupa, que xa me vai quedando pouca limpa, tamén fago tarefas de mantemento dos equipos fotográfico e de montaña. Pola tarde vou de visita ao campamento de Carlos Soria e son convidado a cear, o que acepto gustoso. Hoxe domingo preparo a mochila pois mañá luns regreso aos campos de altura. Despois fun visitar a Carlos Martínez (alpinista e médico da expedición de Carlos Soria) para mellorar o contido da miña caixa de primeiros auxilios himalaica e mellorar tamén os meus coñecementos sobre os medicamentos máis axeitados. Despois de comer comecei a escribir este artigo, mentres neva un pouco e contemplo, dende a porta da nosa tenda comedor, a numerosa e sorprendente avifauna que se achega ao noso campamento: perdices, pombas, lavandeiras comúns, chovas...

Mañá luns subo ao C1, vou co meu segundo equipamento (tenda, saco durmir, esteira, cociña...) que como é máis lixeiro que o primeiro, subo desta máis comida, gas e outras cousas que na primeira vez non me podía permitir (por peso e menor aclimatación). O martes ascenderei coa intención de durmir no C2, o mércores de chegar ao C3 (sen quedar a durmir) e regresar ao C1. Para baixar ao CB o xoves 26, pois Meteogalicia anúnciame bastante neve a partir dese día. Xa no CB tocará esperar unha ventá de bo tempo para intentar chegar ao cumio.

Agora recibo máis sms no meu teléfono satélite, grazas. Dende o artigo anterior teño recibido sms de: Patri, Jaco, Oli, Xulio, Pedro, David, Lourdes C, Ignacio López-Guerra, Juan Taboada, Rosa Luengo, Carlos chistes, Jony (fisio), Fernando Huelin, Miguel espeleo, Marisa N, Ana Caramés, Isa FGM, Alfonso González, María Amate, Agus, Tinker, Marta Trueba, Alex Celtas, Manu.

Sechu.
CBA Shisha Pangma, 22 de setembro 2013.
  

2 comentarios :

Unknown dixo...

Es un Crack. Gracias de novo por compartires todo isto con nos. Dende a comodidade dos nosos fogares, o ler as túas crónicas, estas nos transportan ó Himalaia dunha forma fermosa e sorprendente. O feito de que subas sen Sherpas, é, dende a miña opinión de afeccionado, toda uhna proeza e ademais é o estilo de Alpinismo puro. Estiven lendo o libro de Simone Moro do Annapurna, e el tamén sobía sen Sherpas nen osíxeno. Moitas gracias de novo polas crónicas. E non se te ocorra volver a durmir pouco por escribilas :)) Un saudo dun afeccionado e moito ánimo.

Lourdes dixo...

Vin a foto dos penitentes na páxina de Carlos Soria ¡ter que atravesar eso é realmente unha proba preparatoria! Moito ánimo e moita forza. Contamos os días e restamos horas para o cúmio. Xa mandamos a pancarta a recibirte.