28/09/13

Todo preparado para intentar cumio

Estou descansando no CB, pero nos pasados días conseguín completar o meu plan para intentar chegar ao cumio do Shisha Pangma, plan anunciado na miña anterior entrada no blog. Así, cheguei ao C3 e deixei alí a miña 2ª equipación: tenda, saco de durmir, esteira, cociña, cantarelo, gas, comida... pero chegar ata alí con todo ese material non foi doado.


Saín o día 23 dende o CB, moi, moi cargado... demasiado cargado, contando con estar moi forte (unha apreciación propia, pero tamén doutros con quen nos días anteriores compartira actividade), máis forte do que en realidade estaba. Así, a miña mochila pasaba posiblemente dos 30 quilos. Tardei en chegar ao depósito dúas horas e media, ata entón bastante ben. Fixen unha parada dunha hora para calzar as botas de expedición, colocar o arnés e reorganizar a mochila, pois a carga exterior esvaraba constantemente. Nese tempo chegaron Frank, Eelco e Danilo. Reanudei a marcha, tardei unhas tres horas en cruzar a lingua glaciar (penitentes), e pasando pola morena adiántanme Frank e Eelco, Danilo quedara atrás tras caer nunha greta e decidir non seguir subindo ese día. A subida ata o C1 foi moi moi dura, realmente penosa. Pero cheguei, tras case dez horas dende o CB (9h.55´), sufrindo a pesada e voluminosa carga. Ademais da 2ª equipación, cargaba co mono de expedición, complementos de roupa para o frío (manoplas, buf groso, pasamontañas...), bastante comida, termo...

Sechu coa súa mochila no depósito, a piques de saír cara o C1

Penitentes (seracs) na lingua do glaciar

Ao día seguinte (24), a pesares de ter durmido ben, atopábame canso. Pero tiña que subir ao C2. Son pouco máis de 500 metros de desnivel, pero moi directos. Tardei 3 horas e 50 minutos. Avanzaba na montaña co meu material, cumprindo o meu plan, o que me reportaba satisfacción. Instalei no C2 a miña 2ª tenda (pequena e dunha soa tea) e descansei ben, a temperatura no interior da tenda baixou ata os -16º C, pero co meu pixama de plumas (mono) non pasei nada de frío, sendo o difícil poñerse en marcha ao amencer (a temperatura non subiu ata que o sol deu de cheo na tenda).

Sechu chegando ao C2

  Vistas do Tíbet dende a tenda no C2

Mércores 25. No campamento só estaban tamén Frank e Eelco, que baixaban ao CB, dando por cumprido o seu plan. Pero eu tiña decidido chegar ao C3. Despois de recoller todo (no C2 non deixei nada), iniciei a marcha cara o C3, so. Sabía que a primeira metade da ascensión era moi pesada, avanzando por un longo val completamente nevado, no que apenas vas gañando altura, e facía un sol implacable que reflectía os seus raios na neve, cegador a pesares das fenomenais lentes que levaba. Estaba en contacto por walkie coa expedición de Carlos Soria, quen se ofrecera a estar a espera das miñas chamadas para que non estivera tan so. Pero nun momento dado perdín a antena e polo tanto a comunicación. No fondo do val (7.145 m), onde se inicia a forte ascensión ao C3, levaba unhas dúas horas e media de marcha. Coa información de que o C3 estaba a uns 7.300 e pico metros, ía bastante animado co meu ritmo, contando estar en un par de horas máis no C3. A subida foi durísima, o C3 parecía estar preto de min, pero non daba chegado, o peso da mochila facía que cada paso fora unha dura proba de esforzo. A ruta é relativamente cómoda, como subir escaleiras, pero a máis de 7.000 metros de altitude! e sen estar inda ben aclimatado. Levaba 15 días na montaña, é considerase necesario un mínimo de 20 días para acometer un oitomil. O corpo humano ten unhas necesidades de adaptación á altura (aclimatación), que convén respectar. A partir dos 7.300 m había corda fixa que non usei (dúas expedicións estaban intentando ese día o cumio Central do Shisha Pangma). O conto é que o C3 estaba a 7.452 metros!, e tardei en chegar case catro horas dende o fondo do val, e 6h20´dende o C2. Cheguei rebentado! Deixei o meu material nun depósito entre unhas rochas e fixado a unha estaca de neve. O descenso o fixen moi rápido, en só 20 minutos! estaba no fondo do val (sen usar a corda) e cheguei ao C2 nun total de 1h15´. Alí estaba acampado Danilo, con quen falei un pouco, pero pronto continuei a marcha ao C1 pois quedaba pouca luz natural. En 45 minutos estaba no C1, ao que cheguei coa luz do meu potente frontal, luz á que me responderon dende o CB, con igual potencia (pois o frontal é igual), era Carlos Martínez, médico da expedición de Carlos Soria. Completara a dura xornada, podía durmir satisfeito co resultado.

Situación do C3 dende C2. A miña tenda é a verde

Ascendendo ao C3

Vista do C2 dende o C3

Depósito de material de Sechu no C3

Xoves, 26. Descenso sen complicacións do C1 ao CB, pero máis lento do esperado, pois a pesares de baixar sen apenas material, o cansazo acumulado nos tres días anteriores era unha carga invisible pero latente. Nevou un pouco, estaba anunciado un empeoramento do tempo. Cheguei a comer. Despois dunha econfortante ducha, fun de visita ao campamento de Carlos Soria, saboreei rico café de cafeteira e comentei a ruta e o que avistei dende o C3, demasiada neve na ruta de Iñaki, a que ata entón contaba con máis posibilidades de ser a elixida por todos para intentar o cumio Principal do Shisha, o noso obxectivo.

Venres, 27. Xornada completamente de descanso, pola noite fun convidado a cear co equipo de Carlos Soria e despois vimos un interesante documental. Relax, á vez que facemos plans de cumio.

Plans de cumio:

Para a pasada noite e para hoxe estaba anunciado mal tempo (bastante neve) e melloría nos seguintes días. Previsión que coincidía nos diferentes partes meteorolóxicos que temos. Pero a verdade é que estamos todos sorprendidos, a noite foi estrelada, o día está sendo magnífico, o cumio está completamente despexado e non caeu nin un copo de neve.

Falamos a miúdo entre as distintas expedicións e todos temos o día 2 de outubro como día de cumio. Así, mañá 29 arrancan dende o CB varias expedicións, son a maioría, as que empregarán 4 días para chegar ao máis alto: C1, C2, C3 e cumio. Outros, os menos, o intentaremos en 3 días, eu: C1, C3, cumio, e os polacos: C2, C3, cumio, polo que sairemos un día máis tarde, o 30 de setembro. Considero que para entón estarei ben aclimatado e suficientemente descansado. Con distintas estratexias, pero todos coincidiremos o día 1 no C3, para intentar cumio o día 2, somos en principio 14 europeos (3 polacos, holandés-suízo, alemán, danés, italiano, suízo, inglés, e 5 españois) e 3 sherpas (de Carlos Soria). Eu son o único que ten material no C3 (e conto con que siga alí cando vaia de camiño ao cumio), e espero ter acertado coa miña estratexia individual... algo que saberemos moi pronto.

Eu atópome ben e moi animado, inda que nos meus pantalóns xa caben dous coma min.

Intentarei contar a diario, en facebook, o que aconteza nos vindeiros días, inda que non poderei enviar fotos cando estea nos campos de altura. Escribirei no blog ao regreso do (intento de) cumio, incluíndo as fotos da aventura.

SMS recibidos

Dende o día 23 ata o 26 non recibín sms no meu teléfono, por un problema de Thuraya, pero por fin o día 26 polo serán entraron todos xuntos, máis de 40. Dende o artigo anterior teño recibido sms de:
Patri, Jony (fisio), Helga, dfd do chollo, Lourdes Castiñeira, Manu B., Rosa Luengo, Manoel Chao, Juan Taboada, Stefano, Pedro, Benaches, Fernando F. Rey, María Amate, Alberto Filgueira, Marisa, Javier Lois, Mamá, Xulio, Ximnasio Saúde, Fisio Lence, Carlos chistes, Oli, Beni-Make, C.M.Celtas, Iago Celtas, Alex, Bego González, Victor Impar, Tinker, Amancio C.M.R.S., Fer Blanco, Ignacio López-Guerra, Alfonso González, Miguel espeleo, Salome Galidomi, Isa FGM.

Grazas a todos os que seguides a expedición, polo voso interese e ánimos. Apertas.

Sechu.
CBA Shisha Pangma, 28 de setembro 2013.



8 comentarios :

Lourdes dixo...

Falo en nome de todos os montanheiros e montanheiras, do teu club sobre todo, de toda Galicia, de todo o resto do estado,... Todos quixeramos estar no teu sitio. Sufrir e disfrutar o momento e, moi importante, compartilo como ti estás facendo. Queremos chegar ao cúmio contigo, e tamén con Carlos Soria e demáis companheiros,... Moita sorte a todos.

Mónica dixo...

Moita sorte Sechu e q sigan saindo todolos plans, sorte co tempo. Saudiños e che seguimos Animmmo q ti tes moito

joseramon dixo...

A por ella Sechu. Un abrazo

Roberto López dixo...

Forza sentidinho e moita sorte

Saudos
Roberto Lopez

Unknown dixo...

Animo Sechu

Unknown dixo...

Eres un monstruo sechu ánimo mucha suerte y muchas gracias por transmitirnos tus sensaciones.mucho animo

Lourdes dixo...

A estas horas xa poucas che quedan de sono e descanso, a ilusión do cúmio despertarache antes de tempo. Acouga, descansa, foi moi dura a xornada de hoxe, e se estás con forzas tira para arriba con ganas. Brindamos mañán contigo dende o club.
unha aperta de todos e todas.

Lourdes dixo...

Sabemos que as 16,30 horas desta terra, do día de hoxe, 2 de outubro conseguiches alcanzar o Cumio Princial, MOITÍSIMAS FELICIDADES, esperámoste primeiro no CB e a continuación no teu querido Club. Apertas de todas e todos os socios.