Esta semana que termina, ademais de
descansar, dar paseos a última hora do día, escoitar música da
miña colección de vinilos, ler aos poucos e resolver cuestións
relativas ao accidente, tiven moito tempo para pensar e reflexionar,
e como consecuencia probablemente publique algo que estou a escribir.
Pero tamén dediqueille algo de tempo a
algúns asuntos que tiña pendentes e que quero deixar pechados antes
da seguinte intervención cirúrxica, o vindeiro martes 30.
Logo
Preséntovos un logotipo que será a
miña “identidade visual”, que fará as veces de “marca” e
identificará os meus proxectos, audiovisuais, imaxes… Espero que
sexa do voso agrado.
Este logo é unha creación do tamén
montañeiro Ángel Álvarez Ruíz, Director Creativo de ALVI
Publicidad, que cumpre perfectamente os meus desexos*, polo que
lle estou moi agradecido, tanto polo resultado como pola súa
implicación, sendo sempre grata a boa disposición dos amigos para
axudar a levar adiante os proxectos.
*O logo é sinxelo,
limpo e visualmente contundente; inclúe o meu nome e a extensión
“.gal” que me identifica con Galicia, todo cunha tipografía
singular, o debuxo dun trisquel que indica o meu gusto pola cultura
celta ademais de que eu son “montañeiro celta”, e para completar
os meus gustos emprega a cor verde, a miña favorita. Unha verdadeira
chulada!
O dominio Sechu.gal
A finais do 2014
rexistrei un novo dominio “sechu.gal”.
O “.gal” é un dominio que se corresponde cunha comunidade
con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos,
sociais... unha especie de sufixo co que identificar en internet as
páxinas escritas en galego. Eu quería estar aí,
sempre fun un namorado da nosa lingua.
Mudar o meu blog de "sechugalicia.com"
a "sechu.gal" parecía unha tarefa moi sinxela, pero
atopamos problemas para non perder os numerosos vínculos que dende
medios de comunicación, clubs, asociacións, particulares...
apuntaban ao meu blog, nos seus 6 anos de existencia e máis de
66.000 visitas recibidas dende numerosas partes do mundo. Perder todo
iso sería lamentable. Finalmente, despois duns meses, Pedro “Dulfer”
atopou unha solución e xunto a Alberto Filgueira, conseguimos
configurar todo para que non se perdera nada, ademais de preparar
“sechu@sechu.gal”
que vai camiño de ser o meu correo principal. Grazas a estes dous
amigos, vou resolvendo problemas de comunicacións e informática
dende a miña segunda expedición aos oitomiles, no ano 2010, cando
comecei a levar comigo un ordenador portátil. No ano 2009 levara
unha PDA que me prestara Chus Lago. Ter conexión a internet por
satélite dende as remotas montañas é unha marabilla, pero nunca
faltan problemas para que funcione.
Pósters das últimas expedicións
Pouco antes do Nadal puxen mans á obra de
cumprir co meu desexo de entregar aos patrocinadores e colaboradores
das miñas dúas últimas expedicións (Annapurna 2012 e Shisha Pangma 2013) un
póster conmemorativo, sobre soporte ríxido e con dedicatoria
manuscrita, como mostra da miña gratitude. Unha vez elaborados e
asinados, fun facendo entrega deles persoalmente, un por un. O último
foi esta mesma semana, na Concellería de Deportes do Concello de
Vigo.
Plans falidos
A verdade é que o
logo Sechu.gal xa está feito dende febreiro, pero demorei a súa
presentación porque quería facelo conxuntamente co anuncio da
seguinte expedición, que esperaba fora en primavera ou no verán.
Así intentei ir ao Makalu (8.463 m) en abril e
despois ao Broad Peak (8.051 m) en xuño,
pero para ningún dos dous proxectos conseguín patrocinador, inda
que estiven preto. Descartada pois unha
expedición a un oitomil, mirei de facer algunha viaxe a Ecuador
(Cotopaxi, Chimborazo...), pero os prezos do avión xa estaban polas
nubes e cando xa pensaba con conformarme cunha viaxe de 15 días a
Alpes... xurdiu a idea do Poveda (7.439 m), e en poucos días puxen
en marcha a expedición... o día antes do accidente obtivera o apoio
do Concello de Vigo para compra de material e de seguido fun a TERRA a encargar unhas botas novas... Contaría cos colaboradores habituais
para reducir custes, que ademais dos dous antes mencionados, son
TERNUA, Ximnasio Saúde e Deporte e Meteogalicia,
e co apoio do Club Montañeiros Celtas e da FGM. Como
Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN) tamén
terei unha pequena achega pois a Xunta de
Galicia, a través de Deporte Galego, está a piques de resolver a convocatoria anual, na que
participei. Así, pagaría do meu peto a maioría dos 1.600 euros do
custo base da expedición (sen contar o
material, comunicacións, comida de altura...), máis uns 500
euros da viaxe ata Kirguistán, salvo outras pequenas achegas que
puidera conseguir. Era asumible
en cartos e en duración, dispoñía de 3 semanas das
vacacións de xullo (13
de xullo a 2 de agosto, pero intentaría conseguir unha semana
máis...), expedición que iniciaría despois de arbitrar o
“Chandrexa Trail”, proba
da Copa de España de Carreiras por Montaña (Chandrexa de Queixa, 12
de xullo), para a que xa estaba designado pola FEDME. Todo iso quedou
suspendido.
Este ano xa non hai
expedición, nin grandes viaxes, nin
actividades deportivas intensas... por razóns de saúde, pero máis
adiante xa se verá. De momento, a seguir soñando.
Plans a curto prazo
Por razóns obvias, a 2ª operación da
miña maltreita cara, e a conseguinte lenta recuperación, son os
meus únicos plans importantes.
Para prepararme, unha ducia de días
fora do hospital, rica comida “elaborada” por Patri, rica e
branda (apenas podo mastigar), e paseos con ela ao fin de cada día,
preferentemente na beira do mar, andando polo areal de Samil coa
vista das últimas luces sobre as Illas Cíes... tamén fun á casa
familiar en Miño, herdanza do meu benquerido pai, necesitaba ir.
Hoxe fun, coma tantas veces, á Clínica de Fisioterapia Lence & Martínez, onde Jony deume esta vez unha suave e relaxante masaxe nas
costas, así vou mellor ao quirófano, xa que logo estarei varios
días na mesma incómoda postura, boca arriba. Grazas Jony.
Na listaxe de agradecementos está unha
boa chea de amigos, compañeiros, seguidores e por suposto
familiares, que nestes días encheron o meu teléfono móbil de
chamadas e mensaxes de ánimo, que son moi de agradecer, tamén
claro, as visitas persoais de amigos, a da miña nai, meu irmán
Xulio, Rosa e os meus fillos Bran e Roi. A entrada publicada no meu
facebook, co enlace ao excelente artigo de Armando Álvarez en Faro de Vigo, recibiu máis de 10.000 visitas e numerosos comentarios,
algo que me sorprendeu moi gratamente.
por Vigo |
Como anécdota contar que nestes días
rematei de ler o libro “Mal de altura” sobre a traxedia no Everest en
1996, que comezara o mesmo día da súa compra, o día do
libro, 23 de abril. Tiven dúas interrupcións bruscas na súa
lectura, a primeira 2 días despois de comezar, polo terrorífico
terremoto de Nepal e a conseguinte tráxica avalancha sobre o Campo
Base do Everest, onde atopábase un amigo alpinista e fotógrafo, Javier Camacho Gimeno que non sufriu danos directos pero si pola súa intensa participación no rescate dos numerosos feridos; polo que tardei bastantes días en ser capaz de
seguir lendo sobre ese lugar do Himalaia... anhelado Himalaia, mágoa,
dóeme pensar nas súas alegres e humildes xentes, especialmente os
nenos, polo mal que o están pasando...
Ningún comentario :
Publicar un comentario