Poveda, en
Kirguistán (Asia). Povisa, en Vigo. Nesta inesperada expedición a
viaxe en distancia é ben pequena: do portal do edificio onde resido
á entrada de Povisa hai menos dun minuto andando. Case non levo
equipaxe: un libro de Rosalía de Castro “Cantares Gallegos”, o
cepillo de dentes e o móbil. E non necesitei buscar patrocinador,
vou a gastos pagos... ás veces hai que ter algo de sorte.
Tampouco vou tan
forte fisicamente coma noutras ocasións, dende o accidente van 18
días e perdín uns cinco quilos e medio de peso, todo en masa
muscular, pois aínda que me alimento moi ben o corpo está sufrindo
un cambio radical nos meus hábitos. Non sinto boa parte do lado
dereito da miña cara, teño a sensación de que a miña nariz é
algo postizo, e mellor non detallar o área do ollo...
Hoxe acabo de facer
un pequeno sacrificio, xa que mañá non queren “pelos na sopa”,
aceptei gustoso rapar a cabeza “ao cero” e eliminar completamente
a barba, hai que dar facilidades; o fixen mentres escoitaba un vinilo
de Vivaldi. Este verán vou ter as ideas moi aireadas... Estou moi
tranquilo ante a operación, xa que debo ser un bo doente, cunhas
pulsacións cardíacas por baixo de 50, presión arterial 11/7, non
son fumador, non bebo alcohol (vaaaale, algunha cervexa na comida e
pouco máis), deportista e vida saudable, non son alérxico, non tomo
medicinas, non tiven enfermidades importantes... e mentalmente, un
ferrote!
Mañá, sen máis
demora e aclimatado dende o accidente, será o “intento de cumio”.
A primeira hora entro no quirófano, a intervención será longa e
delicada, calculan 6 horas, pero poden ser máis (ou menos), vanse
esmerar en facelo moi ben e necesitan todo o tempo que sexa preciso,
o cirurxián que dirixe a intervención, Dr. Costas, quere e cre
posible que eu poida seguir facendo as mesmas cousas que antes, e eu
confío nel e no seu equipo. Asumo os riscos, como en calquera
expedición, pero nesta ocasión as decisións sobre a estratexia a
seguir, non as tomo eu.
O que non cambia é
a miña actitude positiva, optimista ante o resultado, estou moi
animado... grazas en parte a todos os que me transmitides o voso
apoio, confianza e bos desexos, claro! como ante calquera expedición!
As miñas ganas de vivir, son inalterables!
Conservo o meu bo
sentido do humor, acompañado dun leve sorriso, que se non é maior é
só porque non podo expandir máis os meus beizos. A foto é de antes
do afeitado, jeje.
A recuperación será
lenta, pero o levarei ben cun chisco de paciencia, bo humor, vida
relaxada, a compañía diaria e amorosa de Patri, ademais das visitas
de familiares e algúns amigos, todo vaia ser máis doado.
Subo isto á rede e
marcho para o hospital. Deixo encargado a Xulio, meu irmán, para que
informe no meu facebook do resultado da operación, para que esteades
tranquilos.
Unha aperta!
Ningún comentario :
Publicar un comentario