O domingo temos
Andaina solidaria en Vigo. Eu non podo participar por motivos de
saúde, pero estarei presente, e gustaríame que todos aqueles que
esteades por aquí fagades un pequeno esforzo por Nepal e
participedes. Esta é a nota de prensa enviada aos medios de
comunicación, que sen dúbida faranse eco do evento e co seu apoio
conseguiremos que a participación sexa importante. Grazas a todos.
Nota de prensa:
NEPAL segue
necesitando AXUDA URXENTE. Andaina solidaria en Vigo, domingo 26 de
xullo.
No pasado mes de
abril, dous impresionantes terremotos e numerosas réplicas
destruíron boa parte das construcións de Nepal, edificios
históricos das cidades e pequenas e humildes casas no rural, foron
as máis afectadas. Nas primeiras semanas, principalmente grazas a
difusión nos medios de comunicación e en internet, conseguiuse
recadar gran cantidade de axuda humanitaria. Pero o volume de
destrución é tan grande e a cantidade de poboación afectada tan
numerosa (uns 8 millóns de persoas, case un terzo de todo o país),
que as necesidades perduran e perdurarán durante moito tempo, nun
dos países máis pobres do mundo.
“Club
Montañeiros Celtas” e
“Club Pena Trevinca–Montañeiros de Galicia”, organizan
unha sinxela Andaina en Vigo que esperan sexa multitudinaria, co
único obxectivo de recadar fondos para “SOS HIMALAYA –Fundación Iñaki Ochoa de Olza”, unha ONG que traballa en Nepal
(dende hai varios anos) para mellorar as condicións de vida das
precarias poboacións rurais do Himalaia.
O Parque de Castrelos será o punto de encontro e lugar de inscrición. O prezo por participante é de 5 euros, e a totalidade do recadado se entregará a SOS HIMALAYA. O inicio da Andaina será ás 10.00 h, percorrendo a Senda do Lagares ata a Praia de Samil, onde rematará a actividade tras uns 90 minutos de fácil e solidaria andaina. En Samil, o montañeiro Sechu López recibirá aos participantes e ofrecerá información sobre SOS HIMALAYA, organización da que é socio e colaborador.
Podes descargar aquí o cartel en PDF, imprimilo e axudar a darlle difusión.
Ningún comentario :
Publicar un comentario