15/10/10

Os últimos do Manaslu

Teño moito que contar e tempo dabondo para facelo, pero con todos os dedos das mans afectados polo frío e tres dedos delas vendados polas conxelacións, escribir no ordenador lévame certo tempo. Estou ingresado nunha clínica en Zaragoza dende fai catro días, pero hoxe danme de alta e esta noite collo un tren para Vigo, onde chegarei mañá sábado ás 11 da mañá.

Antes de continuar quero agradecer de antemán as numerosísimas chamadas e mensaxes recibidas estes días de familiares, amigos, compañeiros e medios de comunicación, interesándose polo meu estado físico e anímico, que fixeron máis amena a miña estancia, ademais de facerme sentir querido o que é moi moi grato, máis nestes casos. Quero tamén destacar o apoio constante recibido dende o meu Club, Montañeiros Celtas, dende o inicio deste proxecto, o seu seguimento e o rescate, pois sentinme arroupado polos seus socios, especialmente polo seu Presidente, Fernando Fernández, non só como tal, senón tamén como amigo, e por miña parella, Sonia, tamén do Club.

Espero non aburrir con este relato, pero tedes, benqueridos seguidores e curiosos en xeral, a opción de deixar de ler en calquera momento, faltaría máis. Nesta primeira crónica dende o fin da expedición, conto o acontecido ata o meu regreso ao CB o día 7 de outubro.

O día 6, como era o noso obxectivo do anunciado plan... non chegamos ao cumio. Como dixen nunha entrada anterior, tres son os condicionantes para acadar o cumio e o día 6 a montaña non cumpría os requisitos, e os alpinistas probablemente tampouco, sen embargo a méteo, a pesares do vento, non era mala.

O día 3 saímos do CB, eu como é habitual o fixen en último lugar, xa que, por algunha cuestión de carácter ou xenética, son incapaz de saír cedo, o primeiro... Non estaba fisicamente moi forte, xa que nunca cheguei a recuperarme da forte diarrea dos primeiros días, pero mentalmente estaba moi ben, o que nestas montañas é o máis importante. Cheguei xa noite ao C1, sobre as 19.20 horas. Foi unha ascensión rápida, de 3 horas 20 minutos, pois levaba relativamente pouco peso. Xuntámonos os catro para cear, na tenda máis grande, prestada por Carlos Soria para Xavi (por certo aproveito para corrixir o seu nome, anteriormente puxera Chavi, que é como se le en catalán) e Unai, que non tiñan tenda no C1, coa particularidade de que nese campamento eu non tiña saco, que estaba no C3, polo que pasei a noite metido no mono de plumas, cos patucos e as pernas metidas na mochila e inda así pasei frío, e é que un saco fai moito. A cea subímola feita dende o CB, preparada polo noso estupendo cociñeiro Pasang. Despois de tomar absolutamente todo, Stefano e máis eu marchamos para as nosas respectivas tendas.

Ao día seguinte marchamos para o C2. A ruta xa non estaba tan ben como a vez anterior, había neve fresca e notouse, tardei 5 horas 10 minutos. No C2, onde estaba a miña tenda “Mountain 25” puxemos os monos de pluma, cando eu cheguei marchaba Stefano, que me precedía no grupo. Camiño do C3 os que ían por diante despistaron a ruta e foron dando un rodeo. Eu que deixei o C2 bastante tarde contando con tardar só unhas tres horas ata o C3 (cando aclimatara ese mesmo tramo o fixera en catro horas e ía moito máis cargado, así que, cun pouco de matemáticas...), tardei 6 eternas horas! Os meus compañeiros tamén tardaron máis do previsto, pero rectificaron o seu erro cando inda tiñan luz solar a pesares da mala tarde que quedou, pero eu perdín a ruta cando o sol xa se puxera e chegueime a enterrar na neve ata a cintura para volver á ruta correcta á luz do meu frontal... foi desesperante; cheguei ás 21.40 horas, mallado. O meu compañeiro de tenda, Stefano, levaba alí dende as seis, pero tamén chegara moi canso e... non fixera auga nin desenterrara a tenda!, foi esta a única “mancha” no seu expediente como compañeiro de cordada. A tenda (de Stefano, dunha soa tea e dúas prazas) estaba tan sepultada na neve que apenas cabía dentro unha única persoa... entrei como puiden e quedei encaixado xunto ao meu compañeiro, tan mallado estaba que non fixen nada máis. Ás 0.50 horas espertei sedento, pregunteille a Stefano se fixera auga, a resposta foi seca, malhumorado revolvinme na tenda e comecei a fundir neve. Estaba molesto, enfadado comigo mesmo, non estabamos a facer ben as cousas, descansar e hidratarse ben é fundamental. Tras beber dabondo deille a Stefano, despois ceei ben e logo, sobre as 2 da madrugada chamei co meu teléfono satélite a Juan Taboada (Meteogalicia); tras comentarlle que estábamos no C3 segundo o plan previsto, pero en malas condicións (tenda, hidratación, horario) manifesteille que vía difícil facer cumio o día 6 e pedía confirmación de que o día 7 tamén se daban condicións axeitadas no cume. Confirmoume que o día 7, cun pouco máis de vento que o día 6, tamén era día de cume, advertíndome de que para os seguintes días se prevían fortísimos ventos por riba dos 7000 metros.

O día 5 pola mañá espertamos cansos, normal. Stefano comezou desenterrar a tenda mentres eu fundía neve e preparaba o almorzo. Mentres os nosos compañeiros e o seu sherpa facían o mesmo. Un suízo e os seus dous sherpas iniciaron o ascenso ao C4. En total 8 persoas eramos as únicas que esperabamos facer cume o día 6. Sobre as 10 iniciaron a ascensión Xavi e Unai, con mochilas case baleiras dábannos certa envexa, mentres o seu sherpa (moi cargado) quedaba atrasado, o que me chamou poderosamente a atención (soen ir por diante dos seus clientes). Mentres Stefano e máis eu, traballabamos a reo para desenterrar a tenda sen danala, tarefa dificultosa cos piolets, pois a pa que deixáramos días atrás neste campamento non apareceu.
Finalmente todo quedou recollido. As nosas mochilas eran grandes, pesadas, pero levábamos de todo, incluso unha corda de 30 m, parafusos de xeo, bastantes cintas e cordiños, pois eu considerei a seguridade unha prioridade (dicir, de paso, que eu debía ser o único alpinista que utilicei casco); xa que as expedicións grandes se retiraran da montaña non hai quen manteña as cordas fixas en bo estado, e ante a posibilidade de calquera incidencia, eu prefiro estar ben equipado.
Saín... o último, pois inda deixei un depósito no C3 antes de partir, enterrado na neve para evitar que os abundantes corvos esnaquicen o pequeno macuto se detectan a comida que contiña. Partín sobre as 11.30 horas, tarde.

A ruta ata o C4 é moi dura, longa e vertical, cun tramo de escalada en xeo. No tardei moito en cruzarme co suízo e os seus sherpas, regresaban ao CB ante o forte vento en altura. Un bo rato despois atopei ao sherpa dos compañeiros, díxome ter dor de cabeza e que baixaba ao C2. Hoxe tiñamos moi mal tempo e de cando en vez entre a néboa divisaba a Stefano que me precedía aproximadamente 1 hora por diante. Cando superei os 7200 metros empecei a estar pendente do altímetro e cando este marcou os 7.280 metros parei, xa era noite, quitei a mochila e senteime sobre a neve, tiña no meu pensamento aos tres membros do meu benquerido Club Montañeiros Celtas: Santi, Melón e Albino, que en 1989 chegaran ata esta cota nesta montaña, quizais neste mesmo lugar, foi unha modesta homenaxe a estes compañeiros. Unha chea de cousas pasaron pola miña mente, e os meus desexos de cume creceron, collín folgos. Antes de partir chamei por radio a Xavi para preguntar se xa chegaran todos, e acababa de facelo Unai pero faltaba o sherpa e... como? -Xavi, o sherpa deu volta e entendinlle que xa o sabías. Pero era a primeira noticia que tiña Xavi e agora tiñan un grave problema, como el mesmo me dixo. A 7.440 metros estaban no C4 nunha tenda abandonada coa porta rota, sen sacos e sen patucos, afortunadamente na tenda tamén atoparon unha cociña e podían facer auga, pero ese campo está nun coiado tremendamente ventoso e o frío faixe insoportable. Díxenlle que non se preocupara que cando chegara veríamos de como facer. Seguín subindo mestres pensaba nunha solución, tiña medio decidido quedar cun saco para Stefano e para min e darlles o outro a eles, pero antes de chegar falamos outra vez, invitoume a súa tenda, que podíamos durmir os catro algo apertados. Cando cheguei xunto a Stefano xa estaba montando a súa tenda para nós os dous e conteille como estaba a situación (el non tiña radio), sen dubidalo aceptou a miña proposta de axudar aos compañeiros e fomos para a tenda deles para compartir o noso calor. Despois de cargar durante toda a ascensión con pesadas mochilas non dubidamos en compartir o que tiñamos, pois na nosa idea do alpinismo (coincido con Stefano na forma de ver as cousas da montaña) non cabería facelo doutro xeito. Pero dende onde estaba Stefano ata a tenda de Xavi había un bo treito, case horizontal, pero que se nos fixo moi longo, non víamos a súa tenda, o vento, de cara, era terrible e falei varias veces con Xavi para coñecer a súa situación. En cada conversa tiña que quitar a manopla da man dereita, aí empecei a notar como a man se conxelaba. Por fin chegamos á súa tenda, unha Mountain 25, horror, como a miña, para dúas persoas, tres como moito. Eles estaban ben instalados con todas as súas cousas dentro, pero ao chegar nós aquilo era moi pequeno, tivemos que deixar todas as nosas cousas: botas, arnés, mochilas... na ábsida da entrada que non pechaba por estar rota, expostas ao vento e á neve, co risco de saír voando durante a noite. Recibíronnos ben ofrecéndonos leite quente (neve fundida con leite condensada), pero pronto empezaron as presas para acomodarnos para durmir. Eu tiña “tocados” os dedos e custoume sacar o saco da mochila, o meu ben máis prezado, que sen embargo non usei pois llo deixei a Unai. Non puidemos nin cear, había que intentar durmir. A noite foi difícil, durmir imposíbel, pero polo menos había que descansar. Tamén tiña tocados os pés e Xavi os puxo no seu peito e estivo dando friccións neles durante unha hora, ademais deume un litro do seu prezado líquido (auga con coca-cola) para que hidratara durante a noite, portouse fenomenal comigo.

Foi un erro compartir tenda tan pequena, ningún descansou ben, pero polo menos non tivemos frío (non tiña por onde entrar). O ideal sería empezar a andar ás 6 da mañá, pero cando a luz solar apareceu (sobre as cinco) ninguén se moveu. Empecei a animar aos compañeiros, que tiñamos que espertar. Eu saín da tenda o primeiro e logo os outros, quedando dentro Unai a fundir neve para subministrarnos auga. Nunha tenda abandonada retirei parte da neve que a inundaba para facer espazo onde deixar as cousas de Stefano e miñas que non necesitábamos para o cume. Eran cerca das 9 cando iniciamos a ascensión, eu saín... o último, pero íamos preto. Facía bastante vento, máis do previsto, e hora e pico despois xa tivera tempo dabondo para darme conta de que dificilmente faríamos cume ese día, a unha hora razoable (Pauner e Soria, que fixeran cumio o día 1, saíran as 6 da mañá dese C4 e acadaron o cumio preto das 13 horas, tiveran menos vento e chegaron pola pegada dun “tren” de 17 persoas con oxíxeno). Así pois alcancei a Stefano e díxenlle que daba volta, que ía descansar á tenda e que o intentaría o día 7. Xa na tenda, foron chegando os compañeiros, primeiro Unai que marchou directamente para o CB. Logo chegou Stefano, moi canso pero con intención de intentalo novamente comigo ao día seguinte. Finalmente apareceu Xavi, tamén sen cume, e manifestando que a ruta estaba imposíbel, con moita neve branda por riba dos 7.900 metros. A neve caída nos últimos días non transformara. Xuntámonos os tres na tenda, fixemos unha breve avaliación da situación: o estado da neve en altura facía improbable chegar ao cumio, e menos sendo un grupo pequeno para intentalo, Xavi tiña decidido baixar e cando lle botou unha ollada ao meu dedo polgar da man dereita dixo algo así “non merece a pena arriscar un dedo por un cumio que non ides conseguir”. Confiei no seu criterio sobre o estado da neve e asentín ao seu comentario. Decidín baixar; Stefano tamén, apesarado. Para os meus adentros quedei abatido, triste, a bandeira do meu Club, que con tanta ilusión me dera Fernando, nesta ocasión tampouco ía ondear no cumio do Manaslu, mágoa, quedamos a só unhas horas de conseguilo.

O descenso foi lento. Baixábamos cargados, eu con problemas nas mans tiña complicado manexar as cordas, facer os rápeles... cheguei ao C3 e recollín o pequeno macuto, para non cargalo enriba de min e dado que a ruta era propicia e fácil ata o C2, ateino cunha cinta longa ao meu arnés e baixaba deslizándose sobre a neve, como unha pequena zorra. Stefano fixo todo o descenso por detrás, ía inda máis canso ca min, pero sempre estivo disposto a axudarme cando o precisaba, foi un gran compañeiro, sempre. Para colmo, neste tramo perdín un crampón. Quedamos a durmir na miña tenda do C2. Mentres os nosos compañeiros chegaron ao CB.

Ao día seguinte apareceu o crampón, o encontrara o meu compañeiro, menos mal. Desmontamos a tenda e continuamos descendendo, lentos, as mochilas pesaban 30 kg longos e a ruta ata o C1 non é doada. O momento máis delicado foi cando a medio camiño, na greta máis grande... coeime! É unha greta moi ancha, cunha longa ponte de neve e xa delicada, a pendente é forte e esvarei. Quedei colgado da corda fixa á que estaba unido por un nó marchand (de bloqueo), algo que non fai ninguén, pero que grazas a elo permitiume non deslizar pola corda ata a beira contraria da greta e recibir un golpe. Tiven a sorte ou a pericia de non voltear e quedar coas pernas cara o ceo, algo moi probable dado o gran peso da mochila, houbera sido unha situación delicada, máis delicada do que xa era. Outro punto a favor era que levaba o piolet na man, grazas a elo fun capaz de saír da greta en cuestión de segundos. Stefano observou todo sen reaccionar, mudo, só atinou a dicir “bravo” cando estaba fóra e a salvo. Foron instantes moi intensos e sabiamos que eramos os últimos en baixar da montaña, difícil pedir axuda.

Cando chegamos ao C1 eran case as tres da tarde, pero tíñamos superadas as maiores dificultades. Ao chegar atopamos moito lixo abandonado, entristeceunos. Nós tiñamos moi claro que a montaña hai que deixala limpa, sen restos. A miña tenda era de segunda man, eu xa non a quería, cumprira a súa misión, pero alí non a pensaba deixar. Levounos dúas horas liberar as nosas tendas da aperta da neve, compactada sobre elas, e refacer as mochilas, que superaban (a miña seguro) os 40 kg, levantala non foi precisamente un pracer. Tardamos 4 horas en chegar ao CB, eran as 21 horas. O descenso foi unha tortura para as nosas costas e pernas, pero era o último esforzo e iso dábanos ánimos. Eramos “os últimos do Manaslu” en chegar ao CB, non quedaba ninguén na montaña.

Ao chegar recibín os primeiros coidados aos meus dedos. Xavi atendeume inmediatamente e empezamos as curas: baños de auga a uns 40º con betadine, inxección de heparina (anticoagulante). Ademais dende o día anterior xa tomaba ibuprofeno 3 veces ao día. Foi un tratamento correcto que minimizou os danos nos dedos, segundo me dixeron xa en Zaragoza, fixeramos ben as cousas.

Por fin podía descansar ben.


4 comentarios :

Victor Lopez dixo...

Benvido!!! Noraboa porque esta experiencia sen dúbida e tan ou máis enriquecedora ca do ano pasado desde o meu punto de vista despois de ler todo o sucedido. Estando de vacacións seguín moi atento e cos mails de Fernando todo o que ía sucedendo.Unha aperta e espero que pronto volvas a normalidade e nos vexamos.

Agus dixo...

Venga, recupérate pronto y a pensar en el próximo proyecto.
Por cierto, que a lo de no ir el primero a ninguna parte en mi pueblo lo llaman vagancia ;-).
Cuídate mucho.
Un abrazo.
Agus.

Celia dixo...

Ufff ha sido difícil leer el Gallego y no se si me habré enterado bien de la historia o me habré inventado la mitad (espero que algún día llegue la traducción al Castellano).
Me alegro de que ya estés en casa y que todo haya ido bien, ahora a pensar en nuevos y envidiables proyectos ;)

RAMÓN dixo...

Parabéns Sechu, a miña máis sinceira felicitación e os meus mellores desexos para unha rápida e boa recuperación. Unha aperta dende Quiroga.