23/03/12

Fin da preparación, comeza a Aventura

Queridos seguidores, xa estou en Kathmandu, pero antes de falar da miña chegada a esta interesante inda que caótica cidade, permitídeme dedicarlle esta entrada ao fin da preparación da expedición, xa que cos apuros dos últimos días non tiven tempo de facelo.

Gústame o deporte polo que adestrar non é un sacrificio para min, inda que as veces é duro e non é doado sacar tempo para facelo a diario.
Sempre estou en boa forma, inda que unhas veces máis que outras, xa que non se pode estar permanentemente ao 100%. Ás veces participo en carreiras populares como atleta do Comesaña Sporting Club, do que tamén son socio. O pasado novembro estaba moi forte, combinando natación, karate (Dojo Okinawa), correr e ximnasio, con actividades deportivas na natureza, pero chegou unha lesión facendo karate, foi a miña primeira rotura de fibras, e foi grave. Unha parada inoportuna, pois chegou cando estaba iniciando conversacións con quen agora é o principal patrocinador da miña expedición (Banco Mediolanum), imaxinade a escena: cheguei á primeira reunión coxeando, miúda presentación!
A mediados de xaneiro xa estaba en aceptables condicións para regresar ao karate, pero a dous meses da expedición non quixen arriscar a ter outra lesión. Concentreime nunha preparación específica, máis ximnasio, máis carreira e bici de montaña, ademais de prever varias saídas de alpinismo que, desgraciadamente, non se produciron polo inverno tan atípico que tivemos, polo que me conformei con actividades montañeiras en Ancares, Trevinca, Budiño e Galiñeiro.
Quero aproveitar a ocasión para agradecer o traballo e bo trato dos monitores do Ximnasio Xaúde e Deporte, especialmente o de Alex, quen fai a programación dos meus adestramentos e, inda que faime sufrir... grazas Alex!

Polo que respecta ao resto da preparación da expedición, dicir que hai que facer un milleiro de cousas e que cando chega o día de partir a gran maioría están sorprendentemente feitas, claro que sen a axuda dos amigos que colaboran, non sería posible.
Nos últimos dez días practicamente non teño tempo para nada, nin adestrar, nin ir a clase de inglés, nin... en fin, son días de despedidas... días de pouco durmir, de estres permanente, días en que o meu teléfono non para de soar e de recibir moitas mensaxes que quedan sen contestar (síntooooo), o meu móbil queima! Pero agradécense moito todas as mostras de agarimo, confío en que ninguén teña dúbida disto, grazas polo voso apoio.

Unha aperta.

Sechu, dende Kathmandu (Nepal).

FOTO: Grupo en karate, ao meu carón está Joaquín (con lentes), o instrutor ou “mestre”.


FOTO: En Samil con parte do material da expedición, incluídas as tres tendas que levo.


Ningún comentario :