24/03/12

Vigo - Kathmandu

Onte cheguei a Kathmandu. A viaxe comezou con atraso, xa que á hora de despegar (9.25) inda non estaba en Peinador o avión que me tiña que levar a Madrid. A espera foi amena pois foran a despedirme amigos e compañeiros de Club Montañeiros Celtas e Sonia, quen fixo unha vez máis de taxista (e de máis cousas), ademais da grata sorpresa da presencia de Xulio, o meu irmán, que viu dende Miño (A Coruña) para unha aperta en persoa.Na capital dispoñía dun marxe de case 5 horas ata o seguinte voo e estaba tranquilo, pero cheguei a Barajas con máis de dúas horas de atraso, polo que empezaron as presas. Meu amigo Manuel esperábame cun bidón pequeno para mellorar a miña equipaxe, xa que dende Vigo só podía levar 23 kg (nun único fardo) na bodega do avión, pero dende Madrid outros 10 kg máis (en dous fardos), polo que a correr tiña que reorganizar o macuto e acomodar algunhas das numerosas cousas que levaba colgando a modo de equipaxe de man -imaxinade a cantidade da que falo pois para pasalas polo escáner de Vigo necesitei de catro bandexas! ademais da maleta, todo un espectáculo-. En Barajas fun dos últimos en facturar e logo tiven que apurar dabondo pois resulta que inda que estaba na T4, o avión estaba na... T4 satélite! e tiven que coller o metro! Uf.Aventura dende o comezo, pois si. No avión coincidín con Oskar Cadiach e con Rosa Fernández, con quen comparto permiso de ascensión e Campo Base (CB). Tras a escala en Doha collemos o seguinte avión que xa nos deixou en Kathmandu, onde fai unha temperatura semellante ao noso verán. Pola tarde fun dar un paseo sen rumbo fixo, o necesitaba para relaxarme, só pasear. Despois da cea empezou a miña pelexa co ordenador-teléfonosatélite-internet, habitual de cada ano, en Vigo funcionaba todo, pero en Nepal...
Hoxe tocou cita coa axencia para pagar o estipulado, que como non hai contrato pero son moi hábiles coa calculadora, e un xa está in situ... tiven que pagar 250 euros máis do previsto. Despois unhas compras, café-wifi e, sorpresa, a axencia invita a cear aos membros da expedición, deste xeito tiven a oportunidade de coñecer á maioría dos outros alpinistas cos que compartirei CB: dous chineses, un turco, unha parella de iranos, unha parella de mexicanos (que xa coñecía do Manaslu), unha brasileira e un canadense.Mañá cedo marchamos para Pokhara, en avión. Si, o previsto era ir en bus, pero aquí o único previsto que se cumpre é que tería imprevistos.Deixo para o final o máis emocionante destes dous primeiros días da aventura -redobre de tambores-, ta-ta-tachán: inda non chegaron os 2 bidóns de material que enviara días antes da miña partida. Amargarse non serve de moito, polo que intento seguir tranquilo, pero...
Sechu, dende Kathmandu.
FOTO: Rosa, Óskar e Sechu, á chegada a Kathmandu

Ningún comentario :