Teño 46 anos e dende sempre fixen deporte, comecei de moi neno xogando a baloncesto, era bastante bo como base ou escolta, pero quedei pequeno para este deporte, nos 171 cm do meu talle actual, polo que aos 18 anos o deixei de practicar con asiduidade. Daquela, un afamado traumatólogo diagnosticoume unha malformación na columna vertebral e o meu futuro deportivo non o presentou moi favorable; ademais por razóns laborais tiven que marchar fora da benquerida Galicia e a miña vida cambio bastante. Paseime ao karate e algo máis tarde, aos 21 empecei a saír a miúdo á montaña, e pouco a pouco fun realizando máis actividades ao aire libre, en contacto coa natureza: escalada, alpinismo, parapente, piragüismo, esquí... E case sempre coa cámara de fotos enriba, sendo a fotografía outra das miñas paixóns. Aos 26 anos regresei a Galicia, establecéndome en Vigo. Coa presenza do mar na miña vida, dediqueille algo de tempo a aprender a navegar (vela), a mergullar e a facer actividades en kaiak, pero sen deixar a Montaña, a miña maior paixón, ampliando as actividades ao descenso de cañóns, á espeleoloxía, as carreiras por montaña... Para soportar os problemas de costas púxenme en mans dun quiropráctico, sendo Carlos Rodríguez Janeiro quen trátame dende fai 18 anos, con visitas cada seis meses ao seu Centro Quiropráctico Noroeste. Carlos tenme recomendado varias veces que deixe o karate, que non cargue moito a mochila, que non faga o burro... e sorpréndese do que son capaz de facer, e así teño pensado seguir “mentres o corpo aguante”. Tamén recibo tratamento fisioterapéutico, e teño pasado por varias mans, nos últimos anos con Jony do Centro de Fisioterapia Lence & Martínez, onde me trato das lesións, das costas e de soltar pernas de cando en vez.
O 23 de febreiro realicei un recoñecemento médico polo Dr. Fernando Huelin, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, o informe pon: “Podemos concluír que o deportista non presenta patoloxía cardiovascular, Valores de VO2 max. excelentes para a súa idade e volume actual de adestramentos de resistencia, e superiores aos achados en ergometría previa neste CGTD de abril-2009 (50,8 ml/min/Kg)”, polo que se pode dicir que estou mellor que fai tres anos, cando estaba preparando a miña primeira gran expedición, aos Gasherbrum.
Hai que coidarse, pero sen deixar de facer o que a un lle gusta. Cunha boa preparación e poñendo moitas gañas, ilusión e confianza nun mesmo, todo é posible (ou case), só hai que saber adaptarse ás limitacións propias e ás impostas polas lesións, os compromisos, etc.
Ningún comentario :
Publicar un comentario