11/06/12

Visita a San Lázaro

O título é enganoso, non fun visitar ningún santo. O pasado venres (8 de xuño) fun a Santiago de Compostela, ao Estadio Multiusos de San Lázaro. Alí está o motivo da miña visita, as “oficinas do deporte” da Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego (FDG), onde presentei, como Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN), a solicitude anual de axudas, creadas coa finalidade de posibilitar a participación en actividades e competicións de interese para a promoción do deporte galego. Estas axudas, inda que pequenas (concedéronme 1.012 euros brutos en 2011, ao que lle restan un 15% para facenda), son parte dos recursos con que conto para ir de expedición.

Logo recibiume o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, con quen tiña cita concertada. Estivemos falando durante unha media hora, algo que sorprendeume gratamente pois non é doado obter tanta dedicación. Recibín a súa felicitación polo Annapurna, e mostrou interese pola expedición, a miña traxectoria deportiva, adestramentos, conxelacións, situación laboral... Saíu o tema das (escasas) axudas a deportistas de alto nivel, a situación de crise actual, as numerosas solicitudes... Foi unha reunión cordial e ao final pedinlle un par de cousas. Que gustaríame ter unha bandeira de Galicia (recibida de mans da Xunta de Galicia) para subila ás grandes montañas. Non teño por costume levar bandeiras aos cumios, pero esta é especial. Tamén soliciteille unha recepción este ano ao meu Club, polo seu 70 Aniversario. Díxome que podía contar con ambas cousas.

Saúdos, Sechu.




Ningún comentario :