20/07/12

Musgo e Terra: aventura, deporte e aventura

Musgo aventura” está en Pontevedra. “Terra deporte aventura” está en Vigo. Son dúas tendas especializadas en material deportivo para a práctica de actividades na montaña, viaxes e aventura. Ademais de ofrecer material das mellores marcas, dan información sobre rutas, actividades e novas interesantes, e tamén asesoran sobre o máis aseitado para levar en cada situación. E outra cousa moi interesante, se non teñen o que necesitas farán todo o posible por conseguilo.

Estas dúas tendas me teñen apoiado nas miñas tres grandes expedicións ás montañas de oitomil metros (Gasherbrum 2009, Manaslu 2010 e Annapurna 2012), ofrécenme prezos especiais e financiamento (pago aprazado ata despois das expedicións, cando a miña economía vai recuperando pulso). Non é doado atopar colaboracións que supoñan cartos, neste caso, dende a primeira vez que solicitei o seu apoio recibín un empurrón favorable: mostras de ánimo, entusiasmo e confianza no proxecto e a colaboración inmediata para facilitarme o material necesario. Así da gusto, con esa confianza demostrada lanzarse a proxectos de envergadura é máis doado... e necesaria. Non son tempos fáciles para o comercio, pero estas tendas fan un esforzo para implicarse en proxectos que fan crecer o noso benquerido deporte, que levan a aventura ao corazón de moita xente, que emocionan e ilusionan, ou cando menos iso é o que eu creo e sinto.

Moitísimas grazas a Luís, Nuria e Juan, de Terra, e a Mónica e David, de Musgo. Tamén aos seus empregados. De todos teño recibido sempre un trato amable e grato, ademais dun servizo profesional de calidade.


 Foto en MUSGO: Mónica, Sechu, David.

Foto en TERRA: Juan, Sechu, Nuria, Luís.

Ningún comentario :