15/11/16

Viaxe a Barcelona


Barcelona
   Viaxe breve a Barcelona para asistir o pasado venres a unha intensa xornada de conferencias sobre “Comunicación, Viajes y Aventura” na facultade de Ciencias da Comunicación (periodismo), da Universidade Autónoma de Barcelona. Experiencias de periodistas e foto-periodistas, entre eles: Pere Ortín (Director de Altaïr Magazine), David Revelles (periodista e escritor), Jesús G. Pastor (fotográfo e periodista), Alfons Rodríguez (fotógrafo documentarista) e outros máis mozos, quen expuseron sobre as súas viaxes e proxectos, todos con puntos de vista moi interesantes, valentes e orixinais.

numeroso público universitario asistiu ás conferencias
   A mañá do sábado estiven na presentación dunha nova cámara Olympus no Recinto Modernista de Sant Pau, e tiven a fortuna de contemplar o traballo e as explicacións de tres bos fotógrafos: Diego Garín, Mediobarco, e o meu amigo e alpinista Javier Camacho Gimeno cun audiovisual das súas últimas mellores imaxes de alta montaña, que por dúas veces foi quen de facer dos meus ollos, pucheiros de bágoas... pois emocionáronme as fermosas imaxes á vez que pensaba que quizais eu non volvería ser parte desas paisaxes.

Recinto Modernista de Sant Pau

con Javier Camacho, despois da súa exposición

   E pola tarde fun á mítica librería Altaïr, a maior de Europa especializada en viaxes, onde ademais de mercar un bo número de publicacións, tiven a oportunidade de falar afablemente co seu apaixonado propietario, Pep Bernadas, quen sentenza “El viaje es una máquina de hacerse preguntas”.

Estatua de Colón, viaxeiro e aventureiro

   Dous enriquecedores e ben aproveitados días de viaxe, para seguir viaxando quizais con aínda máis ganas.


Ningún comentario :