04/04/12

Campo Base do Annapurna

Ola. Teño o ordenador avariado dende que cheguei ao CB. Para poder escribir dependo da xenerosidade dos compañeiros que teñen portátil, que son poucos e con problemas para cargar a batería dos equipos. Fixen varios intentos de reparar o meu ordenador, coa axuda de distintas persoas que saben máis ca min, pero segue morto; xa renunciei a que funcione durante a expedición. Foi moito esforzo configurar o equipo para poder escribir, preparar as fotos e publicar no meu blog; esforzo inútil, pero son cousas que pasan e inda que molesto, teño a moral alta. O máis importante é estar aquí, neste fantástico e mítico lugar, o Annapurna. Non poderei contar con asiduidade o que vaia acontecendo, pero intentarei enviar de cando en vez algunha nova para que a publique Pedro no meu blog.

Cheguei, moi ao meu pesar, en helicóptero ao CB, como todos. Convencéronme do perigo da ruta, sobre todo para un único montañeiro, xa que os ríos van con moita auga e dixéronme que fan falta cinco persoas para montar unha corda que axude a cruzalos.
Polo tanto, tras só 4 días dende a saída de Vigo, a nivel do mar, estaba no CB a 4.190 m. Sentín moito non facer o tréking, e sobre todo non poder aclimatar noutro sitio, pero as circunstancias mandan. O día de chegada foi para acomodar todo o material, esa mesma mañá tamén chegaron os meus bidóns, tras un gran esforzo da axencia que organiza a expedición, toda una odisea cun bo final.

Ao día seguinte fun ata o campamento de Carlos Soria que acababa de chegar co seu grupo, para saudar a todos. Logo fun dar un paseo ata un glaciar, cheguei aos 4.600 metros, para ir aclimatando. Estes primeiros días tiven lixeira dor de cabeza.

O terceiro día da nosa chegada xa fomos ata o C1 (5.050 m) e custoume chegar, ía bastante cargado xa que eu non teño sherpa. Pasei unha primeira noite bastante ben, polo que ao espertar saín cara o C2 (5.508 m) e a pesares da dor de cabeza cheguei ata el e tras 20 minutos de descanso regresei ao C1 onde pasei una segunda noite, tamén boa. Neste C1 compartín tenda con Óskar Cadiach e o canadense Don Bowie.

O 2 de abril, foi día de descanso. Onte antes de comer fun correr unha hora, tamén realizamos distintos intentos de enviar algún correo empregando o meu teléfono e o ordenador dos mexicanos, pero sen éxito, foi cando empecei a escribir esta entrada para o meu blog. Pero esta mañá seguimos a intentar enviar algo e siiiiiiii, conseguímolo!

Mañá teño previsto subir a durmir ao C1 e ao día seguinte ao C2, levarei bastante peso para establecer nese C2 unha especie de “cabeza de ponte” entre o CB e o cumio. Dende o C2 pode que intente alcanzar o C3, o tramo da ruta máis temido por todos.

Unha aperta

Sechu, dende o CB do Annapurna.

Mércores, 4 de abril 2012, 11.05 h de Nepal.

FOTO: Día da Puja, o lama ponme o Kata

3 comentarios :

Stefano dixo...

Arriba arriba, continua asì hasta la cumbre :)
Mucha Mucha suerte e buen tiempo!
Stefano y Ulli

Roberto López dixo...

Moita sorte Sechu e aproveita e disfruta do CB
unha aperta

Abel Alonso dixo...

Animo!! que todos os problemas sean o do ordenador!! o resto saira rodado. Disfruta do sitio e a dente.