Pois ben, o xurado considerou designarme como
“Mellor Deportista Masculino do 2012”,
por acadar o cumio do Annapurna, pois ademais do gran reto deportivo (primeiro
galego en conseguilo), os méritos encerraban moito de aventura, risco,
compromiso e espírito de superación (segundo palabras dun dos membros do
xurado).
Como Mellor Deportista Feminina do 2012 foi designada
Begoña Fernández Molinos, bronce coa selección española de balonmán nos Xogos
Olímpicos de Londres 2012.
Recollendo o premio absoluto de
mans de Isidoro Nicieza, Director Xeral de FARO.
Foto: Ricardo Grobas
Estou moi satisfeito e contento por ter
recibido este importante galardón, que considero un gran recoñecemento ao
esforzo e determinación á hora de loitar por acadar os soños, eses tan
necesarios para facer que a vida, sexa realmente interesante.
Elixín como parte do vestiario para a ocasión,
unha camiseta do meu benquerido Club Montañeiros Celtas, pois síntome
orgulloso de ser membro deste gran club de Vigo.
Felicito aos organizadores desta Gala:
Concello de Vigo, Faro de Vigo e Novagalicia banco, por esta nova ocasión de
poñer en valor aos deportistas de Vigo e comarca. Agradezo aos membros do
xurado concederme a honra de ser elixido como o mellor deportista 2012, e tamén
á Federación Galega de Montañismo (FGM) por propoñerme.
Antes do nomeamento dos ganadores absolutos,
cada un dos 40 deportistas candidatos recollía o premio por ser o mellor no seu
deporte, ademais houbo doce mencións especiais. Na Gala tamén recibiron o seu
premio as Mellores Promesas (sub 19), un rapaz e unha rapaza de entre outros 25
candidatos.
Cando recollín o premio ao mellor en
montañismo, deuse a casualidade de ser de mans da atleta olímpica Estela
Estévez, e digo casualidade pois sen estar preparado coincidimos no escenario
sendo ambos do Comesaña Sporting Club, decano do atletismo galego. Na web do Comesaña
(crónica do 22-03-2013), comenta Joaquín esta grata coincidencia, ademais da
súa pública felicitación polo premio.
Recollendo o premio por
montañismo,
entregado por Estela Estévez.
Foto: Ricardo Grobas
Ao final do acto invitáronme a dicir unhas
palabras, e falei emocionado e improvisando xa que o premio pilloume por
sorpresa, pois inda que supoñía ter posibilidades, non esperaba ser eu o
elixido. Dediquei o premio a todas as persoas que me teñen apoiado sempre, pois
sen elas non tería chegado “tan alto”.
Considero que é un premio que recollín para o
montañismo, e confío en que todos os montañeiros sintan que é tamén algo seu,
pois compartimos a paixón que sentimos pola Montaña.
Foto: Ricardo Grobas
Benvidos os premios
se conseguen facer dun deportista un referente social dos valores que aporta a
práctica do deporte. Eu espero estar a altura dese reto e ser quen de
transmitir o amor pola Montaña e a Natureza, e certas calidades como o afán
de superación, o respecto, a perseveranza, a exploración dos límites persoais, a
responsabilidade, a cooperación, a honestidade... para aportar valores que
contribuían ao desenvolvemento persoal e tamén social, ademais dunha aptitude
positiva ante a vida, os retos e a colectividade. Se os
deportistas somos quen de transmitir eses valores e aptitude aos demais, contribuiremos a
que a sociedade na que vivimos sexa mellor.
Unha aperta e
grazas polas felicitacións recibidas.
Sechu.
Podedes consultar as páxinas publicadas en FARO de VIGO o día 22 de marzo, referidas á
Gala do Deporte. Aquí as tedes en PDF:
A continuación
podedes ver o vídeo da Gala, cedido por Localia Vigo. Mencionar que a organización
da Gala foi realizada pola Fundación VIDE.
1 comentario :
De novo enhoraboa Sechu, eres un orgullo pra o deporte vigués é galego en xeral
Publicar un comentario