29/04/13

Patrocinador 2013

Unha vez máis teño que agradecer a difusión que me dan os medios de comunicación. Grazas ao seu apoio na busca dun patrocinador para este ano, unha empresa de Vigo, Peixes Vimar, será quen de facer posible unha nova expedición, aportando o 50% dos cartos necesarios.

A raíz da publicación no xornal Faro de Vigo do premio de Mellor Deportista de Vigo 2012, o pasado 9 de abril fun entrevistado en directo en Localia Vigo e Radio Vigo - Cadena SER, entrevista na que se pedía un patrocinador para a miña vindeira expedición, prevista para este verán a Paquistán. A esta iniciativa sumouse o xornal Atlántico Diario (10 de abril) e despois a Cadena Cope Vigo.
Quero enviar o meu agradecemento especial a Jacobo Buceta (Localia / Radio Vigo) pola súa exitosa iniciativa.

Así foi como Juan Mosquera, propietario de Peixes Vimar, tras escoitar a entrevista na Cadena SER considerou a posibilidade de patrocinarme, contactou comigo para interesarse polo meu proxecto e reunímonos na súa empresa, conversamos e, case de inmediato, decidiu apoiarme para que poida levar adiante unha nova expedición. O pasado venres 26 tivemos a segunda reunión para concretar detalles e todo vai moi ben. Grazas Juan polo teu interese, apoio e confianza nas miñas posibilidades.


Teño 47 anos, pero é frecuente que me boten uns cantos menos, o que sempre xustifico ironicamente dicindo "o frío conserva".
E vai ser que agora unha empresa que distribúe peixe fresco a centos e a miles de quilómetros vaime patrocinar e, ademais dunha boa loxística... que fai falta para conservar ese peixe?

Plans de Expedición 2013

Hoxe déronme os resultados da resonancia, pola fractura do sacro (escalando en Perineos hai xusto un mes). O oso está soldando ben e xa podo comezar a rehabilitación, con adestramentos suaves e recuperando a forma perdida nestes últimos 20 días que estiven deportivamente inactivo, podo ir nadar e algo de ximnasio, pero inda teño que esperar 15 días máis para empezar a correr, bici, escalar... Estou moi animado e con moitas ganas de adestrar e partir de expedición, pero... debo ser razoable e tomar una decisión axeitada a situación actual, que non é precisamente favorable.

Debería de iniciar a viaxe a Paquistán en mes e medio aproximadamente, e agora non estou na mellor forma física e hai moito que preparar, ademais necesito unhas semanas para saber como vai respondendo o meu corpo tras a lesión...

Non quero deixar pasar oportunidades, pero tampouco queimalas, o verán está demasiado cerca, e debo tomar a decisión máis lóxica, esperar.

Así, os meus plans de expedición para o 2013 cambian de obxectivo e datas. Comezo dende xa a preparar unha expedición ao Himalaia para este outono, partindo no mes de setembro. Obxectivo por determinar, pero adianto unha montaña que me gusta moito e está integramente no Tíbet, o Shisha Pangma (8.027 m).

Sechu.

Vídeo
Vídeo da entrevista cedido por Localia Vigo. Mencionar que cando se realizou a entrevista eu inda non sabía da miña lesión.





1 comentario :

Unknown dixo...

Animo Campeon!!!! Te seguiremos en el Sisha, como en el Annapurna! FORZA