Cheguei de Suíza o 1 de setembro, na báscula
de casa pesei espido só 64 quilos, cando o meu peso ideal son preto dos 70.
Evidentemente vou de expedición moi baixo de peso.
O día 2 iniciei a viaxe na estación de tren de
Vigo, o tren saía ás 22.14 h e cheguei só 10 minutos antes, pero foron
suficientes para sentir unha numerosa e cálida despedida.
Fotos: Mercedes Román
Xa en Madrid tiven que facer algunhas compras,
a principal, e a correr, unha nova cámara fotográfica, xa que en Alpes, con
tanta crista rochosa, rompín a cámara que usara o pasado ano ata o cumio do
Annapurna; e tamén comprar unhas lentes de xistra, que esquecín en Vigo (gastos
imprevistos, nada máis comezar). O resto da viaxe, ata Kathmandu, transcorreu
sen incidentes. Á cidade cheguei o día 4 e estiven 3 días. En Nepal son +3.45
horas, respecto a España. Estiven cos cataláns Ferrán Latorre e Xavi Arias (ver
o meu facebook), e tamén co zaragozano Javier Camacho e o navarro Javier
Zabalo, quen van como Xavi ao Manaslu.
Sechu, Xavi Arias, Javier Camacho e Javier Zabalo.
Contratei a expedición (aloxamento en
Kathmandu, viaxe ida/volta ao Campo Base e estancia nel) coa axencia nepalí Seven
Summit Treks, a mesma do ano pasado, pero este ano ten un custe máis elevado,
só a axencia son 7.500 dólares (no Annapurna foran 6.000), debido as altas
taxas dos chineses. Ademais este ano a axencia cobra varios extras que o ano
pasado estaban incluídos (gas, taxas de aduana por cargo aéreo, etc.).
Thasi Sherpa (da axencia) contando os cartos do meu pago.
Comparto a expedición cun grupo de 4 polacos,
que antes de ir ao Campo Base (CB) van facer un treking ata o Monte Kailas,
duns 8 días. Ningún dos 5 contratamos sherpas, polo que ata que os polacos
cheguen ao CB, estarei unicamente co cociñeiro, un home simpático chamado Rinji
Sherpa, que fala varios idiomas (sherpa, nepalí, tibetano e inglés), inda que
non sabe ler nin escribir ningún, pero pode falar con calquera e a min dáme
envexa, e xa estame ensinando a dicir cousas en tibetano.
O día 7 saímos de Kathmandu, máis tarde do
previsto porque os polacos o tomaron con moita calma (como todos os días).
Preto da fronteira, na aldea de Kodari (1.700 m aprox.), quedamos nun hotel,
dixéronnos que non podíamos seguir por un problema eléctrico. Quedamos
estrañados, pero aceptamos resignados. Pola tarde fun correr unha hora, pero
antes tomei unhas fotos, sobre todo dos numerosos rapaces da vila.
Kodari, vila fronteiriza nepalí
Típico bus TATA
Rapazas na lavandería rural
Nenos da aldea de Kodari (Nepal)
O día seguinte continuamos a viaxe, fomos a pé
ata a fronteira, uns 20 minutos. Cruzamos a “Ponte da Amistade”. A outra beira
do río é territorio chino, pero inda non estaba no Tíbet, tiña que pasar o
control fronteirizo... e non foi doado. Non aparecían os documentos orixinais
que acreditaban que eu tiña permiso para entrar, polo que pasaron todos os
demais e logo todo o material, tamén o meu. Quedei so no lado nepalí, sen máis
que a miña mochila lixeira. Dixéronme que tiña que esperar 1, 2, 3 horas... ata
aclarar o asunto. Mentres puiden ver como pasaban todos os nosos bidóns e
macutos polo scaner, e como abrían algúns bidóns e sacaban cousas. Estaba
preocupado (e tiña máis motivos que xa contarei). De súpeto enxéñanme os papeis
que faltaban, pero dinme que se quero pasar a fronteira teño que contratar jeep
para ir ata o CB, que os outros xa marcharon, e que tiña que pagar 200 dólares
e... que tiña que decidirme xa! que estaban a piques de pechar a fronteira,
pois pechaba á 13.00 h... pero non entendía as presas, eu tiña as 10.30 h (pero
eran as 12.45 h do outro lado da fronteira!!!). Aceptei! E pasei. Fun nun jeep
ata Zhangmu (2.300 m), ao pouco de cruzar a fronteira, onde estaba o resto do
meu grupo. Todo quedou aclarado e non tiven que pagar nada. Comemos alí e
seguimos viaxe ata Nyalam (3.765 m), onde instalámonos nun hotel, logo din un
paseo pola cidade. Así que de momento estase a cumprir bastante ben o programa
previsto. En Tíbet son +6.00 horas, respecto de España.
Nyalam
casa tibetana
curioso insecto no hotel, mosquito?
nenos no patio da escola
os catro polacos durante a cea
Hoxe foi xornada de aclimatación e quedamos
nesta cidade nada atractiva, exceptuando algunhas casas típicas. Almorcei cun
grupo de españois que van ao Cho-Oyu, entre eles Fernando Garrido. Pola tarde
subín ata os 4.306 m, ascendendo uns 540 metros de desnivel, para descender
trotando. Atopeime ben e non tiven dor de cabeza. A méteo ata agora é boa.
Sechu cun grupo de españois que van ao Cho-Oyu
miles de bandeiras de oración, no monte que subín para aclimatar
Mañá partimos. Rinji e máis eu para o CB
chinés.
Sechu.
Nyalam (Tíbet), 9 de setembro 2013
1 comentario :
Comeza a conta atrás. O Shisha Pangma espérate. Lembra de estamos contigo en cada paso.
O teu querido Club
Publicar un comentario