Onte fun na busca da Montaña, necesitaba estar
alí, sentila, e por se me quería dicir algo que non soubera, algo sobre ti Abel.
No serán fun ao Galiñeiro, esa pequena montaña que tanto quero, que tanto
querías, que tanto queremos moitos. Estamos no verán, na nosa benquerida terra, pero
caeume unha choiva fría e intensa cando subía ao cumio, alí o vento era
tremendo, co ceo cuberto por escuras nubes grises... mais unha fermosa luz
abríase paso entre elas para iluminar as Illas Cíes, o noso mar, a fermosa
costa galega, o lugar de onde partías cara o interior na busca dos teus soños
montañeiros, este ano na busca do teu primeiro oitomil. Esa luz, eras ti Abel?
quero crer que si.
Sabemos que as montañas, non son boas ou malas,
son feitas de rocha, xeo, neve... están aí e nós as amamos. É un amor compatible
con outros amores, o amor aos pais porque nos deron a vida, á parella con quen
a compartimos e aos fillos a quen lla damos. Son amores.
Eu sei dos teus amores, e fixen todo o que
estivo ao meu alcance para protexelos, asistilos e consolalos nestes últimos
días, días de preocupación, esperanza, angustia e, finalmente, dunha grande
tristura que a todos nos inundou. Sei que esperabas que o fixera de ser
necesario, e podes quedar tranquilo amigo.
Eu seguirei na busca da túa luz entre as
nubes, especialmente cando estea nas grandes montañas, unha delas agora é a túa
casa.
Abel, os que te queremos non te esqueceremos.
Sechu.
Dende o cumio do monte Galiñeiro (701 m), preto da cidade de Vigo. 27 de xullo 2013 |
Abel Alonso sufriu unha caída mortal cando descendía, tras acadar o cumio do Gasherbrum I (8.068 m) en Paquistán, o 21 de xullo de 2013. Pódese obter máis información de Abel e da súa expedición no seu blog: www.abelalonso.es
Os Gasherbrums son un grupo de fermosas
montañas do Karakorum, cuxo nome na lingua local significa “As montañas
luminosas”
5 comentarios :
Muy emotivo, Sechu. Gracias por haberte convertido en el portavoz en estos duros momentos.
Preciosas palabras !
Felicitote Sechu, bo traballo.
Esa luz que ti describes é a que nos mantén en pé dia a dia. Sechu queremos darche as gracias po-lo teu apoio, axuda e colaboración nestes momentos tan duros que nos tocou vivir. Enviarémosche toda a enerxía da que sexamos capaces para que sea un éxito a tua nova aventura.
Unha aperta
Abel e Fina
Unha aperta... para ambos.
Publicar un comentario