28/07/13

Abel, unha luz entre as nubes

Abel, querido amigo, montañeiro... é ben sabido que a enerxía nin se crea nin se destrúe, só se transforma. Deste xeito temos a certeza de que a túa enerxía, a túa luz, non se perde coa túa viaxe sen retorno, permaneceras no noso corazón, na nosa memoria, alumeándonos dende moi alto, máis arriba do cumio que alcanzaches, o Gasherbrum I. Xa non veremos o teu sorriso nin escoitaremos as túas verbas animosas, nin... pero poderemos sentir a túa luz, a túa forma de enerxía, indestrutible.

Onte fun na busca da Montaña, necesitaba estar alí, sentila, e por se me quería dicir algo que non soubera, algo sobre ti Abel. No serán fun ao Galiñeiro, esa pequena montaña que tanto quero, que tanto querías, que tanto queremos moitos. Estamos no verán, na nosa benquerida terra, pero caeume unha choiva fría e intensa cando subía ao cumio, alí o vento era tremendo, co ceo cuberto por escuras nubes grises... mais unha fermosa luz abríase paso entre elas para iluminar as Illas Cíes, o noso mar, a fermosa costa galega, o lugar de onde partías cara o interior na busca dos teus soños montañeiros, este ano na busca do teu primeiro oitomil. Esa luz, eras ti Abel? quero crer que si.

Sabemos que as montañas, non son boas ou malas, son feitas de rocha, xeo, neve... están aí e nós as amamos. É un amor compatible con outros amores, o amor aos pais porque nos deron a vida, á parella con quen a compartimos e aos fillos a quen lla damos. Son amores.

Eu sei dos teus amores, e fixen todo o que estivo ao meu alcance para protexelos, asistilos e consolalos nestes últimos días, días de preocupación, esperanza, angustia e, finalmente, dunha grande tristura que a todos nos inundou. Sei que esperabas que o fixera de ser necesario, e podes quedar tranquilo amigo.

Eu seguirei na busca da túa luz entre as nubes, especialmente cando estea nas grandes montañas, unha delas agora é a túa casa.

Abel, os que te queremos non te esqueceremos.

Sechu.

Dende o cumio do monte Galiñeiro (701 m), preto da cidade de Vigo.      27 de xullo 2013

Abel Alonso sufriu unha caída mortal cando descendía, tras acadar o cumio do Gasherbrum I (8.068 m) en Paquistán, o 21 de xullo de 2013. Pódese obter máis información de Abel e da súa expedición no seu blog: www.abelalonso.es

Os Gasherbrums son un grupo de fermosas montañas do Karakorum, cuxo nome na lingua local significa “As montañas luminosas”

5 comentarios :

José Vera dixo...

Muy emotivo, Sechu. Gracias por haberte convertido en el portavoz en estos duros momentos.

Unknown dixo...

Preciosas palabras !

Xoan dixo...

Felicitote Sechu, bo traballo.

Unknown dixo...

Esa luz que ti describes é a que nos mantén en pé dia a dia. Sechu queremos darche as gracias po-lo teu apoio, axuda e colaboración nestes momentos tan duros que nos tocou vivir. Enviarémosche toda a enerxía da que sexamos capaces para que sea un éxito a tua nova aventura.
Unha aperta
Abel e Fina

Fran CasalF dixo...

Unha aperta... para ambos.