11/08/16

Mirando ao mar, e dende algo máis ao Norte.

Hai 14 meses do meu accidente. Dende aquel 11 de xuño cambiou moito a miña vida. Xa non volvín a traballar, nin viaxei, nin... As secuelas do accidente deixaron cambios no meu físico, sendo o principal unha visión deficiente, do resto xa non comento. Tras 12 meses de baixa laboral, a Seguridade Social fixo unha avaliación do meu caso e tras os trámites pertinente resolveu declarar unha Incapacidade Permanente Total, polo que agora son Pensionista. Como consecuencia, e para reducir gastos, decidín mudar de residencia, deixando o apartamento de aluguer en Vigo para vivir en Miño (A Coruña), onde naceu o meu pai e teño unha vivenda de herdanza familiar, cun pequeno xardín. Fixen a mudanza o pasado 30 de xullo e actualmente inda estou acomodándome na nova casa.

Nas pasadas semanas estiven moi atarefado: papelorio diverso, citas médicas, avogados, empaquetado de aveños, acondicionamento da casa en Miño, e algunhas despedidas, sen tempo para máis... Agora xa comezo a asentarme e asumir a miña nova situación.

Minguou o accidente as miñas capacidades físicas, pero non a miña actitude positiva nin o meu bo humor. Non vou lamentar o que xa non poderei facer, senón alegrarme das novas posibilidades, diferentes retos, outras viaxes, soños...

Merquei un kaiak de mar. Antonte boteino ao auga, fixen un paseo de 1h40´. É precioso, o kaiak, o mar, e a sensación de liberdade. Onte mesmo xa fixen unha actividade máis forte, de Miño a Betanzos e regreso (18 km), en 3h05´ e gocei dabondo, sobre todo cando regresando a Miño o forte vento do nordés fíxome loitar e lembrarme da alta montaña, case choro da emoción.

Non vou renunciar a seguir sentindo o vento salvaxe na miña faciana, durmir ao raso contemplando as estrelas, escoitar o silencio da natureza ou o canto dos paxaros, contemplar os peixes ceibes no seu mar, coñecer xente diferente e interesarme por outras culturas, e seguir, seguir a buscar os límites físicos e mentais facendo... que? Non importa, con ilusión e gañas seguirei tan vivo coma sempre.

Hoxe “baixo” a Vigo, á cidade a quen lle estou tan agradecido e que me adoptou durante os últimos 24 anos (dende marzo 1992), onde naceu a miña nai e os meus fillos. E hoxe mesmo “subo” para Miño, xa con Patri e Ceibe, compañeiras nesta nova etapa.

Grazas a todos os que me acompañaron nestes meses difíciles, aos que se interesaron por min e aos que non deixaron de apoiarme e animarme. Unha forte aperta.



21/04/16

Participa nas últimas actividades de MGxN !

   Montañeiros Galegos polo Nepal (MGxN) leva adiante nos vindeiros días as súas últimas actividades como colectivo. Co obxectivo do Everest Solidario conseguido, pois actualmente xa superamos os 8.848 euros recadados, queremos celebrar este éxito montañeiro entre todos os que o fixemos posible. Pero canto máis mellor! polo que todos os cartos que se sigan achegando ata o día 25, serán igualmente entregados a SOS HIMALAYA, e contamos que ao final imos superar os 10.000 euros. Unha fantástica noticia!

- O evento principal o teremos en Santiago este domingo 24, no que nos xuntaremos montañeiros procedentes de diversos puntos de Galicia. No cartel tedes a información máis relevante.

- O día antes, sábado 23, a partir das 20.30 h temos festival folk en Valadares (Vigo), con actuación de 12 grupos musicais, comida e bebida.

- O luns 25, cando se cumpre un ano do terremoto de Nepal, teremos conferencia de María Climent (Directora de SOS HIMALAYA) no Club Faro de Vigo.

   Os terremotos son capaces de destruír cidades, aldeas, monumentos... vidas. Pero o seu impacto non se limita á destrución directa, xa que poden mover montañas e incluso o eixe da Terra, perturbando a atmosfera. Ante tal poderío, o ser humano nada pode facer para evitalos... pero SI para socorrer ás poboacións afectadas, e grazas ás xentes solidarias, pódese levar imprescindible axuda.

   Asistindo aos actos de MGxN, apoiamos ás persoas que loitan sen descanso por facer deste mundo un lugar mellor, para todos. Quero insistir en que este domingo en Santiago e o luns tamén en Vigo estará María Climent, actualmente en Nepal en campaña de axuda humanitaria e a punto de iniciar o seu regreso a España. Démoslle a María, coa nosa presenza e o noso agarimo, o agradecemento que merece.


19/04/16

VI Andaina pola protección do Galiñeiro, 17 de abril 2016

   O pasado domingo participei, como nos últimos anos, na Andaina organizada pola Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro. Este ano recibín o encargo de facer á reportaxe fotográfica desta actividade, e o fixen con moito gusto; foi unha colaboración da que saíu esta Galería de fotos. Espero que sexa do voso agrado.


   Esta serra, situada moi preto de Vigo, ten unha gran importancia pola súa riqueza como espazo natural, cultural e social, pero carece de calquera tipo de protección, xa que nin sequera está na Rede Natura 2000. Elixín unhas verbas do Manifesto de Fran Alonso lido ao remate da Andaina:

   “Aquí, lamentablemente, séntese ben o que é o desleixo e a cobiza, berramos nós, e por esa razón estamos hoxe pisando amorosamente este chan na Serra do Galiñeiro, o noso órgano vital, ese lugar que nos permite seguir vivos. Facémolo precisamente por iso, porque queremos seguir vivos, porque queremos gozar e perpetuar os recursos naturais, ese ben íntimo e social que é paisaxe, a dureza do seixo, a rúbrica dos petroglifos, a liberdade dos cabalos salvaxes, a perpetuidade das mámoas, as cores do breixo, o acougo dos muíños, a beleza indómita dos curros... Precisamente por iso queremos, esiximos, que esta Serra sexa declarada Parque Natural. Xa é tempo.”

   Pódese ler completo este Manifesto, así como poesías de Manolo Pipas e tamén o texto de agradecemento da organización aos participantes aquí.

Sechu e Manoel Aballe, con Ceibe, subidos a un penedo.

16/03/16

“MOUNTAIN DREAMS” de Javier Camacho, en Vigo

“MOUNTAIN DREAMS” é un precioso audiovisual que se pode ver en Vigo este venres, 18 de marzo.

Tres razóns polas que non te deberías perder a charla-proxección de Javier Camacho Gimeno:

1.- Javier é un excelente fotógrafo especializado en paisaxes naturais, alpinista e viaxeiro incansable, que conta cun centenar de premios e mencións en concursos de fotografía, ademais de multitude de exposicións e proxeccións.

2.- Este Audiovisual trata de reflectir os “Soños de montaña" de todo alpinista, cunha coidada selección de fotografías realizadas por Camacho no transcurso de numerosas expedicións e ascensións a cumios de distintos continentes, entre elas a 6 montañas de máis de 8.000 m, así como outras de gran beleza.

3.- Javier Camacho ven este día a Vigo dende Navarra para participar, de forma altruísta, na campaña de Montañeiros Galegos polo Nepal e falará das razóns polas que estaba no campo base do Everest o 25 de abril de 2015 cando un gran terremoto asolou Nepal deixando o país devastado.

Venres, 18 de marzo: Vigo, Cine Salesianos, 20.30 h.


Non faltes!  

08/03/16

Sigo con Nepal na testa. Ti tamén podes!

Os que me coñecedes sabedes que para min Nepal é importante, polas súas xentes, natureza, paisaxes, montañas... E dende que aconteceu o terremoto do 25 de abril, non deixei de difundir e colaborar na necesidade de “Axuda ó Nepal”. Así, integrado no colectivo “Montañeiros Galegos polo Nepal” (MGxN), traballo intensamente en levar adiante accións que permitan recadar cartos para SOS HIMALAYA, ademais de intentar manter “de actualidade” as necesidades da poboación de Nepal.

Estas son algunhas das accións en marcha nas que podes participar, todas en favor de Nepal:

- Compra gorros de MGxN (10 euros/unidade; en azul ou vermello). Como o que eu levo posto na cabeza (foto).

- Asiste á charla-proxección "Mountain Dreams" do fotógrafo e alpinista Javier Camacho Gimeno, que estaba no Campo Base do Everest cando aconteceu o terremoto de Nepal. Será no cine Salesianos de Vigo o venres 18 de marzo ás 20.30 h. Máis información en documento en PDF.

- Apunta no teu calendario de actividades o domingo 24 de abril, celebraremos un evento de MGxN en Santiago de Compostela, ao que acudirán montañeiros de diversos puntos de Galicia. Estamos facendo a programación e a difundiremos en canto sexa definitiva.

- Axuda na difusión, dálle un ME GUSTA á páxina:  www.facebook.com/galegospolonepal

Participa! 
Moitas grazas!






25/02/16

Descubrindo Nepal con outros ollos

Mañá 26 de febreiro, ás 20.30 h falaremos de Nepal en Club Montañeiros Celtas:

- Charla “Descubrindo Nepal con outros ollos” de Milagros Iglesias, Alejandro Abuín, Federico Rodríguez e Mª Luz Carnero para contar unha vez máis como foi a súa viaxe a Nepal no pasado mes de novembro, presentando unha proxección na que invitarán a viaxar a Nepal, xa que a pesares da destrución causada polos terremotos de abril, a maioría do seu atractivo segue inalterable e unha forma de axudar ao país é visitándoo.

- Sechu López tamén participará para informar do traballo realizado ata o momento polo colectivo “Montañeiros Galegos polo Nepal” e das vindeiras accións previstas.



   O cartel ven dicir algo así: “Axuda á construción de Nepal visitando Nepal” e informando de que a maioría das infraestruturas de interese turístico non están danadas. 

12/02/16

O “mecano” volve ao taller

   Onte tiven probas e consulta de oftalmoloxía, cumpría 8 meses dende o meu accidente, que quizais non pareza moito tempo, pero son 245 días fora de xogo. E o que me queda...
   O venres 26 irei a quirófano, a oftalmóloga (Dra. Inés Pérez) xa programou a miña intervención e probablemente non será a última, pero conta que a melloría na miña visión vai ser considerable.
   As placas de titanio na miña cara as tolero bastante ben (a ver se vos gusta a imaxe do TAC, estou feito un “mecano”), as dores de cabeza foron diminuíndo, e outras “avarías” tamén melloran.
   Estou moi animado xa que isto vai por bo camiño, inda que sexa longo.

   Nesta secuencia de imaxes explico un pouco o titanio que teño baixo a pel da miña cara:  





01/01/16

No cumio do Galiñeiro: Feliz 2016

   Un ano máis un grupo de socios de Club Montañeiros Celtas cumprimos coa tradición de brindar no cumio do Galiñeiro (701 m) por un bo ano montañeiro. Non foi doado, pois metidos nas nubes, a choiva e o forte vento fixeron difícil encher as copas e ás veces incluso manternos en pé.


22/12/15

Postal Nadal 2015

Cos meus mellores desexos para todos, aquí vai a miña postal do Nadal.
Inda que a foto ten algo algo máis de 5 anos, os nenos de Nepal os teño sempre moi presentes, e este ano terrible aínda máis.

17/11/15

Cinco meses escarallado

   A pasada semana, concretamente o 11 do 11, cumpríronse cinco meses do meu accidente. Gustaríame dicir que xa estou ben... pero téñome que conformar con anunciar que sigo a mellorar, pois aínda queda moito por recuperar.
   Despois de 5 meses sen poder facer esforzos (nada de deporte, só andar), a pasada semana tiven que facer deporte variado, pero con precaución e moderación. Así fun trotar uns minutos pola area da praia (luns e venres), trepar algo no muro de escalada do club (martes e xoves), bici estática e algúns exercicios de mobilidade no ximnasio (mércores), andar e exercicios de mobilidade (sábado) e o domingo descanso, salvo uns xogos correteando con Ceibe (foto). A miña torpeza en calquera actividade, pola vista defectuosa e a falta de adestramento, a tomo con moito humor e con bo ánimo, é agradable recuperar sensacións.
   Os esforzos físicos, que poñían a proba a miña cabeza, foron precisos para a decisión médica, ademais da valoración das últimas probas de imaxe (Resonancia e TAC). Á vista dos resultados decidiron “non operar” a pesares de que inda non está solucionada unha pequena “avaría” no cranio, pero como a evolución é positiva confían en que non será necesaria unha operación que sería complexa, inda que o volverán a valorar máis adiante.
   Librado dunha intervención inminente, teño pendente outra posible visita ao quirófano. Sería no ollo, pero aínda pode quedar bastante tempo ata que tomen unha decisión (semanas... ou meses), pois depende da evolución de toda a zona e de máis probas. De momento sigo cos lentes provisionais.
   Tamén comecei a recibir terapia craneosacral no Centro de Fisioterapia Lence & Martínez, ao fin de mellorar a miña maltreita cabeza e atopar solucións para os seus dores, que se veñen incrementando no último mes. Esta semana tamén teño cita co neurólogo, e con el xa serán 5 os especialistas que me están a controlar en Povisa (cirurxián maxilofacial, oftalmóloga, neurocirurxián e otorrinolaringóloga), ademais teño citas periódicas coa médica da mutua laboral, co médico da aseguradora e coa médica forense. Será por médicos...
   Todo o que fago é por prescrición médica, pois quero recuperar o máis e o mellor posible, e o tempo que precise non é o máis importante. Para todos os problemas físicos e sensoriais que teño intentan darme explicacións, pero cando quero saber (de) máis... algúns dos médicos teñen unha sisuda resposta: “é polo golpe”.
   Estou animado e máis dende onte que xa me deixan ir incrementando as actividades físicas. Pola tarde fun ao Ximnasio Saúde e Deporte e ao fisioterapeuta, puntos de partida. Teño que ir probando e sen presa, que todo chega.




13/11/15

Expo Nieve en Vigo

A vindeira semana (venres 20 e sábado 21) tedes a oportunidade de asistir a un bo número de charlas interesantes en El Corte Inglés de Vigo.

Eu estarei o sábado ás 12 da mañá: "Sensacións a 8.000 metros". 

Tamén participan: Félix Criado, Chus Lago, Fernando Fernández e Marcos Rodríguez; ademais de charlas técnicas, etc.

Aquí poño o programa:



28/10/15

2ª Andaina Solidaria x Nepal

   O pasado domingo, 25 de outubro, celebramos a 2ª Andaina Solidaria en favor de Nepal (a primeira foi en xullo).

   Esta foi a primeira actividade de MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL (MGxN), do proxecto “Axuda ó Nepal” no que pretendemos acadar o “Everest Solidario” ( 1 m = 1 € ), e temos moi boas noticias: nesta andaina xa subimos máis de 2.000 metros! é dicir, recadáronse máis de 2.000 euros!!!

   Grazas á boa organización e a unha méteo favorable, a andaina celebrouse segundo o previsto e o ambiente foi estupendo. A numerosa participación (178 persoas) foi moi gratificante. Agradecer os donativos, tanto dos presentes na andaina como dos que os fixeron chegar, pois todos sumaron unha boa cantidade de cartos que será moi ben benvida en SOS HIMALAYA (a ONG a que se destinan todos os cartos recadados por MGxN) e polo tanto en Nepal.


Carlos Garrido, Sechu López e Roberto López, ao finalizar a Andaina

07/10/15

MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL (MGxN)

Eu participo activamente neste proxecto.
Espero que sexa do voso interese e vos animedes a participar.


   Un grupo de persoas estamos traballando nun Proxecto Solidario co Nepal, que demos en chamar "MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL". Un proxecto no que teñen cabida todos os clubs de montaña e todos os montañeiros que queiran participar, así como outros colectivos e persoas afíns, ben aportando ideas propias ou ben implicándose nas que se estean elaborando nese momento. O noso obxectivo é ir recadando cartos ata o 1º aniversario do terremoto que estragou case todo o Nepal, causando máis de 10.000 mortos e millóns de persoas ca súa vida arrasada. A día de hoxe aínda quedan aldeas ás que non lles chegou ningún tipo de axuda, nin se sabe ben en que condicións se atopan. Tras o recente paso do monzón as condicións de vida non fixeron máis que empeorar esta dramática situación.
   O 25 de abril de 2016, cando se cumprirá un ano do terremoto, pretendemos acadar un cume especial, o “Everest Solidario” acadando 8.848 euros para facelos chegar aos máis necesitados, a través da ONG “SOS HIMALAYA - Fundación Iñaki Ochoa de Olza”.
   Preto dese aniversario realizaremos actuacións importantes, pero iniciamos xa esta “Expedición Humanitaria” coa que axudar a paliar o mellor posible a situación catastrófica na que quedaron
estas humildes persoas.
   No Nepal escribíronse as máis grandes fazañas da Gran Historia do Montañismo e os nepalís foron clave para realizalas.
   O colectivo MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL, con abreviatura MGxN e identificado cun logotipo propio, realizará accións conxuntas ou individuais, coordinadas e co obxectivo común de “Axuda ó Nepal”. Todos os cartos obtidos polo colectivo serán entregados á “SOS HIMALAYA - Fundación Iñaki Ochoa de Olza”.
   Ao fin de comunicar toda a actualidade sobre este proxecto solidario, o colectivo estará presente en redes sociais.
Galicia, 7 de outubro de 2015
MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL

01/10/15

VI Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

   Que sería dos montañeiros sen montañas?

   Este domingo, 4 de outubro, temos unha oportunidade de demostrar que nos importa o seu futuro: “VI Andaina pola protección da serra do Galiñeiro”.

   O Galiñeiro ten moitos, moitísimos motivos para ser protexido: prehistoria (petróglifos, mámoas, muíños de man), xeoloxía, natureza, paisaxe, espazo para diversos usos e actividades: escalada, bici, andar, correr, respirar aire limpo, fotografía...

   Vémonos no Gali! Por un Parque Natural! Esta serra ben o merece. 


Máis información en: www.serradogalinheiro.org




14/09/15

Marcha Galega de Montañeiros Veteranos

   Onte participei na Marcha Galega de Montañeiros Veteranos. Foi a miña primeira saída ao monte en tres meses... A previsión dunha xornada sen sol e un percorrido doado de só 17 km nun tramo do Sendeiro Rural de Galicia (GR 94) animoume a participar. Rematei bastante canso, máis pola vista que polas pernas, pero gocei da actividade e das conversas, un pracer volver a camiñar no monte e en grata compañía. O momento máis intenso o vivín tras a comida e os discursos, cando Carlos Garrido, presidente de Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia (organizador da actividade) tivo o gran detalle de pedir, como peche deste encontro anual, un aplauso para min. Con todos aplaudindo sentados, quedei impresionado cando a maioría íase levantando nunha ovación que non esperaba. Grazas, foi emocionante.

   Garrido, a posteriori, díxome: “Os aplausos foron de agradecemento, cariño e ánimo de todos os presentes. Déchesnos e darasnos moitos motivos polos que seguir aplaudindo.”

   Na foto estou recollendo o agasallo que recibimos todos os participantes, unha botella de bo viño galego. Cando a abra brindarei por todos eses veteranos montañeiros.



11/09/15

Tres meses á sombra

   O verán 2015 esta a piques de rematar, e o estou vendo pasar maiormente dende a fiestra da casa, cando salgo o fago baixo o meu inseparable gorro, escapando sempre da luz directa do sol. Un verán á sombra, unha pequena “condena” que levo bastante ben, aínda que botando moitas cousas de menos. Hoxe “celebro” tres meses dende o meu accidente, contento de poder facer balance positivo desta etapa e dos apoios recibidos.

   Cada vez que vou ao médico infórmame máis das cousas que foron danadas na miña faciana, estrutura ósea desfeita, nervios esmagados, músculos rachados, ollo desprazado... Agora a miña cara está bastante ben amañada e teño un bo aspecto, forrada con 6 placas de titanio que dan forma e sustento a nariz, ollo e pómulo, e a pesares das pequenas cicatrices (ben disimuladas) e da gran cicatriz que vai de orella a orella (xa bastante cuberta polo crecemento do pelo), o lado dereito da cara inchada, a pálpebra inferior que non pecha ben, e como non! o ollo “rebelde sen causa” que se empeña en que siga vendo dobre... Cousiñas todas elas que non fanme perder o sorriso e bo humor.

   Pero isto vai para longo, xa mo adiantaran dende o principio, irán facendo apaños segundo sexan necesarios, e un deles terá que facelo proximamente un neurocirurxián. Despois espero poder comezar a facer algo de deporte, ata entón só me deixan andar.
   Para mellorar a miña visión a media e longa distancia, provisionalmente puxéronme uns lentes especiais (con prismas) ata que decidan unha solución definitiva, pois de momento hai que esperar a que toda a zona se siga a recuperar. O cirurxián que me operou conta que eu poida facer as mesmas actividades que antes do accidente, aínda que dependerá das limitacións que impoñan as secuelas e haberá que ir probando, pero o seu prognóstico é para min unha moi boa noticia.

   De ánimo estou ben, bastante satisfeito de como van as cousas, concienciado de que a paciencia, é a nai da ciencia.

   Continuará...


19/08/15

“Tres semanas de descanso lonxe da cidade” ou “como recuperar case 8 quilos de peso en 21 días coa miña nai”

   Hoxe regreso a Vigo, levo tres semanas en Miño (A Coruña), lugar de orixe do meu pai. Foron días de descanso, recuperación e tranquilidade, pero nada de estar ao sol, nin na praia ou facendo deporte, por prescrición médica. E xa estou no meu peso habitual. Como teño que estar maiormente en casa, comprei un escáner coa intención de dixitalizar a miña colección de diapositivas, unha delas é a mostro nesta entrada.
   Tamén en agosto, pero trece anos atrás, estaba con tres amigos (Andrea, Marcos e Jose Carlos) visitando o mítico e fotoxénico Machu Picchu, nos inicios da nosa viaxe andina por Perú e Bolivia. Nestes trece anos teño viaxado a moitos países montañosos, do primeiro e do terceiro mundo, grandes contrastes, culturas e xentes diferentes, lugares de aventura e aprendizaxe, todo moi interesante... sen embargo, cada ano reservo uns días para estar en Miño, o meu “refuxio”, onde sendo cativo gocei dabondo de cada verán. Que tempos aqueles...
   Din que calquera tempo pasado foi mellor, pero eu non estou de acordo, prefiro pensar que o mellor sempre está por chegar, só temos que intentar que así sexa.

Machu Picchu (Perú), agosto 2002

22/07/15

Andaina solidaria!!!

   O domingo temos Andaina solidaria en Vigo. Eu non podo participar por motivos de saúde, pero estarei presente, e gustaríame que todos aqueles que esteades por aquí fagades un pequeno esforzo por Nepal e participedes. Esta é a nota de prensa enviada aos medios de comunicación, que sen dúbida faranse eco do evento e co seu apoio conseguiremos que a participación sexa importante. Grazas a todos.

Nota de prensa:

NEPAL segue necesitando AXUDA URXENTE. Andaina solidaria en Vigo, domingo 26 de xullo.

No pasado mes de abril, dous impresionantes terremotos e numerosas réplicas destruíron boa parte das construcións de Nepal, edificios históricos das cidades e pequenas e humildes casas no rural, foron as máis afectadas. Nas primeiras semanas, principalmente grazas a difusión nos medios de comunicación e en internet, conseguiuse recadar gran cantidade de axuda humanitaria. Pero o volume de destrución é tan grande e a cantidade de poboación afectada tan numerosa (uns 8 millóns de persoas, case un terzo de todo o país), que as necesidades perduran e perdurarán durante moito tempo, nun dos países máis pobres do mundo.

Club Montañeiros Celtas” e “Club Pena Trevinca–Montañeiros de Galicia”, organizan unha sinxela Andaina en Vigo que esperan sexa multitudinaria, co único obxectivo de recadar fondos para “SOS HIMALAYA –Fundación Iñaki Ochoa de Olza”, unha ONG que traballa en Nepal (dende hai varios anos) para mellorar as condicións de vida das precarias poboacións rurais do Himalaia.

O Parque de Castrelos será o punto de encontro e lugar de inscrición. O prezo por participante é de 5 euros, e a totalidade do recadado se entregará a SOS HIMALAYA. O inicio da Andaina será ás 10.00 h, percorrendo a Senda do Lagares ata a Praia de Samil, onde rematará a actividade tras uns 90 minutos de fácil e solidaria andaina. En Samil, o montañeiro Sechu López recibirá aos participantes e ofrecerá información sobre SOS HIMALAYA, organización da que é socio e colaborador.


Podes descargar aquí o cartel en PDF, imprimilo e axudar a darlle difusión.


20/07/15

Parte médico, e sigo en setembro.

   Non quero aburrir falando só da miña situación persoal, polo que probablemente este será o meu último parte médico ata setembro.

    A semana pasada tiven consulta co cirurxián maxilofacial (martes 14) e el estaba moi optimista, quitoume os puntos e as grampas que quedaban. Aínda que me dixo que a zona estaba moi danada polos tres "golpes" en tan pouco tempo (accidente día 11 e operacións importantes 12 e 30, todo en xuño) e que ademais do gran dano óseo, tamén había esmagamento dos nervios (por iso non teño sensibilidade en parte da cara e teño problemas na mandíbula) e de que hai que esperar evolución... saín contento, o aspecto da miña cara mellorou moito. Teño nova cita o 2 de setembro.
    Dous días despois (xoves 16) realizáronme varias probas do ollo e tiven consulta coa oftalmóloga, pero marchei bastante amolado, pois díxome que o ollo está regular e deume a entender que o problema da miña vista dobre (está peor que antes da segunda operación) ten incerta solución e pode que nin teña... pero que hai que esperar a ver como evoluciona toda a zona e que de momento é mellor non facer nada, só coidar a córnea, xa que as pálpebras non pechan de todo e esta vaise secando o que podería provocar un novo problema. O 20 de agosto repiten todas as probas do meu ollo.

    Sen embargo, xa o día seguinte volvín a estar animado. Mentres preparaba o almorzo pensaba na miña situación, conectei a radio e soaba música... bailei un pouco no salón, sorrín, foi a mellor medicina. Vou poñer todo da miña parte, sendo positivo, facendo cousas para ocupar o tempo, porque se hai que esperar se espera, e xa se verá o que veña.

    Unha vez máis agradecer o voso interese e os animosos comentarios!!!



11/07/15

Evolución tras un mes do meu accidente

   Hai un mes do meu accidente, levo catro días por casa dende que saín do hospital tras a segunda operación (30 de xuño). As noticias ao saír non foron tan boas como gustaríame. Terán que facer cirurxía no ollo, pois non quedou ben, aínda que non o confirmarán ata a vindeiro xoves, pero eu xa me fixen á idea. A reconstrución da parte ósea parece ser que quedou ben e os cirurxiáns maxilofaciais están satisfeitos, coas reservas típicas de seguir evolución e resultados a máis longo prazo.
    Xa comezaron a retirarme algunhas grampas da cabeza, abondan as cicatrices... teño estrañas sensacións no interior da cara pola cantidade de titanio instalada, a sensibilidade da pel é rara e a mandíbula segue a darme problemas... A respiración a levo ben e cada día estou mellor. Mágoa o do ollo; agora teño que levar sempre tapado un dos ollos, alternando un día o bo e outro o malo, para evitar a visión dobre que xa é exaxerada... e polo tanto insoportable.
    Ademais sego a perder peso diariamente, e xa van case oito quilos menos do meu peso, minguando ata un aspecto corporal que nin por asomo tiven nunca.


   Así as cousas, esta vez non estou tan ben de ánimos, pero teño moitas gañas de que poñan a data da seguinte operación, que espero sexa canto antes, para enfilar unha recuperación que de momento segue moi lonxe. As forzas fraquean, pero ninguén me dixera que isto ía ser doado, así que sigo confiado en que todo vai saír ben.

   Grazas a todos polos ánimos recibidos neste mes tan duro!
 

29/06/15

“Expedición Povisa 2015”

   Mecachis, só dúas letras distintas... pero como cambia o conto, todo o demais é ben diferente.

   Poveda, en Kirguistán (Asia). Povisa, en Vigo. Nesta inesperada expedición a viaxe en distancia é ben pequena: do portal do edificio onde resido á entrada de Povisa hai menos dun minuto andando. Case non levo equipaxe: un libro de Rosalía de Castro “Cantares Gallegos”, o cepillo de dentes e o móbil. E non necesitei buscar patrocinador, vou a gastos pagos... ás veces hai que ter algo de sorte.

   Tampouco vou tan forte fisicamente coma noutras ocasións, dende o accidente van 18 días e perdín uns cinco quilos e medio de peso, todo en masa muscular, pois aínda que me alimento moi ben o corpo está sufrindo un cambio radical nos meus hábitos. Non sinto boa parte do lado dereito da miña cara, teño a sensación de que a miña nariz é algo postizo, e mellor non detallar o área do ollo...

   Hoxe acabo de facer un pequeno sacrificio, xa que mañá non queren “pelos na sopa”, aceptei gustoso rapar a cabeza “ao cero” e eliminar completamente a barba, hai que dar facilidades; o fixen mentres escoitaba un vinilo de Vivaldi. Este verán vou ter as ideas moi aireadas... Estou moi tranquilo ante a operación, xa que debo ser un bo doente, cunhas pulsacións cardíacas por baixo de 50, presión arterial 11/7, non son fumador, non bebo alcohol (vaaaale, algunha cervexa na comida e pouco máis), deportista e vida saudable, non son alérxico, non tomo medicinas, non tiven enfermidades importantes... e mentalmente, un ferrote!

   Mañá, sen máis demora e aclimatado dende o accidente, será o “intento de cumio”. A primeira hora entro no quirófano, a intervención será longa e delicada, calculan 6 horas, pero poden ser máis (ou menos), vanse esmerar en facelo moi ben e necesitan todo o tempo que sexa preciso, o cirurxián que dirixe a intervención, Dr. Costas, quere e cre posible que eu poida seguir facendo as mesmas cousas que antes, e eu confío nel e no seu equipo. Asumo os riscos, como en calquera expedición, pero nesta ocasión as decisións sobre a estratexia a seguir, non as tomo eu.

   O que non cambia é a miña actitude positiva, optimista ante o resultado, estou moi animado... grazas en parte a todos os que me transmitides o voso apoio, confianza e bos desexos, claro! como ante calquera expedición! As miñas ganas de vivir, son inalterables!

   Conservo o meu bo sentido do humor, acompañado dun leve sorriso, que se non é maior é só porque non podo expandir máis os meus beizos. A foto é de antes do afeitado, jeje.


   A recuperación será lenta, pero o levarei ben cun chisco de paciencia, bo humor, vida relaxada, a compañía diaria e amorosa de Patri, ademais das visitas de familiares e algúns amigos, todo vaia ser máis doado.

   Subo isto á rede e marcho para o hospital. Deixo encargado a Xulio, meu irmán, para que informe no meu facebook do resultado da operación, para que esteades tranquilos.

   Unha aperta!

27/06/15

Sechu.gal, plans e asuntos pendentes.

   Esta semana que termina, ademais de descansar, dar paseos a última hora do día, escoitar música da miña colección de vinilos, ler aos poucos e resolver cuestións relativas ao accidente, tiven moito tempo para pensar e reflexionar, e como consecuencia probablemente publique algo que estou a escribir.
   Pero tamén dediqueille algo de tempo a algúns asuntos que tiña pendentes e que quero deixar pechados antes da seguinte intervención cirúrxica, o vindeiro martes 30.

Logo

   Preséntovos un logotipo que será a miña “identidade visual”, que fará as veces de “marca” e identificará os meus proxectos, audiovisuais, imaxes… Espero que sexa do voso agrado.
   Este logo é unha creación do tamén montañeiro Ángel Álvarez Ruíz, Director Creativo de ALVI Publicidad, que cumpre perfectamente os meus desexos*, polo que lle estou moi agradecido, tanto polo resultado como pola súa implicación, sendo sempre grata a boa disposición dos amigos para axudar a levar adiante os proxectos.


  *O logo é sinxelo, limpo e visualmente contundente; inclúe o meu nome e a extensión “.gal” que me identifica con Galicia, todo cunha tipografía singular, o debuxo dun trisquel que indica o meu gusto pola cultura celta ademais de que eu son “montañeiro celta”, e para completar os meus gustos emprega a cor verde, a miña favorita. Unha verdadeira chulada!

O dominio Sechu.gal

   A finais do 2014 rexistrei un novo dominio sechu.gal”. O “.gal” é un dominio que se corresponde cunha comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais... unha especie de sufixo co que identificar en internet as páxinas escritas en galego. Eu quería estar aí, sempre fun un namorado da nosa lingua.
   Mudar o meu blog de "sechugalicia.com" a "sechu.gal" parecía unha tarefa moi sinxela, pero atopamos problemas para non perder os numerosos vínculos que dende medios de comunicación, clubs, asociacións, particulares... apuntaban ao meu blog, nos seus 6 anos de existencia e máis de 66.000 visitas recibidas dende numerosas partes do mundo. Perder todo iso sería lamentable. Finalmente, despois duns meses, Pedro “Dulfer” atopou unha solución e xunto a Alberto Filgueira, conseguimos configurar todo para que non se perdera nada, ademais de preparar “sechu@sechu.gal” que vai camiño de ser o meu correo principal. Grazas a estes dous amigos, vou resolvendo problemas de comunicacións e informática dende a miña segunda expedición aos oitomiles, no ano 2010, cando comecei a levar comigo un ordenador portátil. No ano 2009 levara unha PDA que me prestara Chus Lago. Ter conexión a internet por satélite dende as remotas montañas é unha marabilla, pero nunca faltan problemas para que funcione.

Pósters das últimas expedicións

   Pouco antes do Nadal puxen mans á obra de cumprir co meu desexo de entregar aos patrocinadores e colaboradores das miñas dúas últimas expedicións (Annapurna 2012 e Shisha Pangma 2013) un póster conmemorativo, sobre soporte ríxido e con dedicatoria manuscrita, como mostra da miña gratitude. Unha vez elaborados e asinados, fun facendo entrega deles persoalmente, un por un. O último foi esta mesma semana, na Concellería de Deportes do Concello de Vigo.



Plans falidos

   A verdade é que o logo Sechu.gal xa está feito dende febreiro, pero demorei a súa presentación porque quería facelo conxuntamente co anuncio da seguinte expedición, que esperaba fora en primavera ou no verán. Así intentei ir ao Makalu (8.463 m) en abril e despois ao Broad Peak (8.051 m) en xuño, pero para ningún dos dous proxectos conseguín patrocinador, inda que estiven preto. Descartada pois unha expedición a un oitomil, mirei de facer algunha viaxe a Ecuador (Cotopaxi, Chimborazo...), pero os prezos do avión xa estaban polas nubes e cando xa pensaba con conformarme cunha viaxe de 15 días a Alpes... xurdiu a idea do Poveda (7.439 m), e en poucos días puxen en marcha a expedición... o día antes do accidente obtivera o apoio do Concello de Vigo para compra de material e de seguido fun a TERRA a encargar unhas botas novas... Contaría cos colaboradores habituais para reducir custes, que ademais dos dous antes mencionados, son TERNUA, Ximnasio Saúde e Deporte e Meteogalicia, e co apoio do Club Montañeiros Celtas e da FGM. Como Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN) tamén terei unha pequena achega pois a Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, está a piques de resolver a convocatoria anual, na que participei. Así, pagaría do meu peto a maioría dos 1.600 euros do custo base da expedición (sen contar o material, comunicacións, comida de altura...), máis uns 500 euros da viaxe ata Kirguistán, salvo outras pequenas achegas que puidera conseguir. Era asumible en cartos e en duración, dispoñía de 3 semanas das vacacións de xullo (13 de xullo a 2 de agosto, pero intentaría conseguir unha semana máis...), expedición que iniciaría despois de arbitrar o Chandrexa Trail”, proba da Copa de España de Carreiras por Montaña (Chandrexa de Queixa, 12 de xullo), para a que xa estaba designado pola FEDME. Todo iso quedou suspendido.
Este ano xa non hai expedición, nin grandes viaxes, nin actividades deportivas intensas... por razóns de saúde, pero máis adiante xa se verá. De momento, a seguir soñando.

Plans a curto prazo

   Por razóns obvias, a 2ª operación da miña maltreita cara, e a conseguinte lenta recuperación, son os meus únicos plans importantes.
   Para prepararme, unha ducia de días fora do hospital, rica comida “elaborada” por Patri, rica e branda (apenas podo mastigar), e paseos con ela ao fin de cada día, preferentemente na beira do mar, andando polo areal de Samil coa vista das últimas luces sobre as Illas Cíes... tamén fun á casa familiar en Miño, herdanza do meu benquerido pai, necesitaba ir. Hoxe fun, coma tantas veces, á Clínica de Fisioterapia Lence & Martínez, onde Jony deume esta vez unha suave e relaxante masaxe nas costas, así vou mellor ao quirófano, xa que logo estarei varios días na mesma incómoda postura, boca arriba. Grazas Jony.
   Na listaxe de agradecementos está unha boa chea de amigos, compañeiros, seguidores e por suposto familiares, que nestes días encheron o meu teléfono móbil de chamadas e mensaxes de ánimo, que son moi de agradecer, tamén claro, as visitas persoais de amigos, a da miña nai, meu irmán Xulio, Rosa e os meus fillos Bran e Roi. A entrada publicada no meu facebook, co enlace ao excelente artigo de Armando Álvarez en Faro de Vigo, recibiu máis de 10.000 visitas e numerosos comentarios, algo que me sorprendeu moi gratamente.

por Vigo

   Como anécdota contar que nestes días rematei de ler o libro “Mal de altura” sobre a traxedia no Everest en 1996, que comezara o mesmo día da súa compra, o día do libro, 23 de abril. Tiven dúas interrupcións bruscas na súa lectura, a primeira 2 días despois de comezar, polo terrorífico terremoto de Nepal e a conseguinte tráxica avalancha sobre o Campo Base do Everest, onde atopábase un amigo alpinista e fotógrafo, Javier Camacho Gimeno que non sufriu danos directos pero si pola súa intensa participación no rescate dos numerosos feridos; polo que tardei bastantes días en ser capaz de seguir lendo sobre ese lugar do Himalaia... anhelado Himalaia, mágoa, dóeme pensar nas súas alegres e humildes xentes, especialmente os nenos, polo mal que o están pasando...

21/06/15

Accidente de tráfico o 11 de xuño, circulando en bici

Tiven un accidente hai 10 días. As consecuencias, lesións e secuelas, están por delimitar. Fun operado e nuns días regreso ao quirófano, ata entón estou por casa, descansando.
Hoxe en Faro de Vigo publican unha entrevista realizada onte, dándolle eco á noticia.


Estou ben de ánimo e forzas, grazas a todos, sento a vosa calor... Ou será que hoxe chegou o verán?

2015-06-21_ FARO, páx 59.pdf

29/04/15

AXUDA A NEPAL


Námaste!

Tras o devastador terremoto do pasado sábado en Nepal, e ante o drama humano que acontece con miles de mortos e feridos, de xente que perdeu o seu fogar ou seu traballo, onde os nenos serán sen dúbida os máis prexudicados, sumado á tristura da destrución do seu fermoso patrimonio cultural... lamentarnos non é suficiente, podemos facer algo máis, podemos axudar!

Nestas datas eu podería estar en Nepal, de expedición no Himalaia, pero non conseguín os cartos necesarios e estou en Vigo. Quixo o destino que non viaxara? dinme que tiven sorte; quizais foi simple coincidencia. De estar alí gustaríame estar prestando axuda directa, non sei como, non son un experto, quizais sería só un estorbo; pero teño a necesidade de axudar a ese país que coñezo e quero, un pobo hospitalario, de xente humilde e alegre... Nepal necesita de nós.

É un dos países máis pobres do mundo, e agora vai selo inda máis, pero que namora, pola vitalidade e cariño das súas xentes, pola súa cultura e a mestura cordial do budismo e hinduísmo, polas vivas cores das súas emotivas bandeiras de oración que están por todas partes... e polas súas fermosas paisaxes e grandiosas montañas.

A todos encolléusenos o corazón ao saber da catástrofe e de seguro que moitos sentides esa mesma necesidade de facer algo, porque somos solidarios. Por iso pídovos unha contribución económica, na mediada das posibilidades de cada quen, a algunha das ONG con capacidade de resposta ante a dramática situación e que preferentemente sexan coñecedoras da realidade do país, por xa estar facendo labor humanitaria dende antes do terremoto. Eu vou facer algunhas suxestións:

- SOS HIMALAYA Fundación Iñaki Ochoa de Olza. Iñaki quería devolver aos nenos máis pobres, orfos e necesitados dos países con montañas de máis de 8000 metros, parte do que el tivera recibido en máis de 20 años de expedicións no Himalaia... SOS HIMALAYA iniciou o seu proxecto en 2008 construíndo unha escola e reconstruíndo outras dúas en Nepal, conseguindo afastar algo máis da miseria a 500 nenos dunha rexión remota do país.

- MOUNTAINEERS FOR HIMALAYA. Fundación impulsada por Edurne Pasaban, co obxectivo de “devolver as cousas boas que o Himalaia ten dado aos montañeiros”, e que recada fondos dende 2011 para axudar á educación e cuidado dos nenos nepalís. Máis información na web de Edurne Pasaban.

- MÉDICOS SIN FRONTERAS, fundada en 1971, é unha das maiores organizacións humanitarias independentes do mundo, para dar asistencia a poboacións en situacións de crise, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política. En 1999 recibiu o Premio Nobel da Paz.

- OXFAM INTERMON, organización non gobernamental de cooperación para o desenvolvemento (ONGD), internacional, independente e sen ánimo de lucro, que centra as súas actividades en ofrecer unha resposta integral ao reto da pobreza e a inxustiza para que todos os seres humanos podan exercer plenamente os seus dereitos.

*Námaste é unha expresión de saúdo que se usa en varias tradicións budistas así como en numerosas culturas en Asia, tanto para saudar, como para despedirse, pedir, dar grazas, mostrar respecto ou veneración e para rezar. Normalmente acompáñase por unha inclinación lixeira da cabeza e unindo as palmas das mans fronte ao peito, en posición de oración.

17/04/15

Entrevista en Radio Marca Vigo

A periodista Noelia Otero contou comigo para o seu estreo no programa "A entrevista da semana" de Radio Marca Vigo. 
Foi unha grata sorpresa ser o seu primeiro convidado, e un pracer participar na entrevista, emitida en directo. Grazas Noelia.



13/04/15

O Makalu terá que esperar

No deporte (e mesmo na vida) hai que saber gañar e saber perder.

Non sempre é posible acadar os nosos soños, nin tan sequera intentar levalos adiante, pero non conseguilo, de telo intentado, non debe frustrarnos.

Onte chamoume un amigo, José Luís Vázquez, veterano socio de Club Montañeiros Celtas, para darme ánimos. Leu na prensa que non ía de expedición esta primavera por falta de cartos. Díxome que me chamaba porque non só hai que se acordar dos que conseguen retos, tamén hai que facelo cando non os conseguen, e animar. Gustoume o detalle, polo que representa, ao fío do inicio deste escrito.
Si, perdín unha oportunidade para ir ao Makalu, a verdade é que me entristeceu, porque levaba moitos meses coa cabeza nesa montaña e fastidioume porque tiña moitas cousas adiantadas, pero xa fai unhas semanas que din ese reto por… “aprazado”. Na web de Desnivel fixéronse eco da miña intención de ir a esta montaña e dos meus problemas de patrocinio, inda que por erro puxeran que son asturiano.
Seguirei a algúns dos expedicionarios que xa están en Nepal, camiño do Makalu, como Ferrán Latorre (un dos meus ídolos dende hai moitos anos) con quen habería coincidido, e intentarei vivir as súas aventuras a través da Internet, como seguramente moitos dos meus seguidores estariades pendentes de min, porque vivir aventuras inda que sexa a través doutros tamén é emocionante. Vanme dar moita envexa, pero dende a comodidade da miña casa, deséxolles moita sorte e forza para chegar ao cumio.

Estou recuperando o ánimo e planificando novos proxectos… Sigo a ser optimista, os cartos han de chegar, é cuestión de tempo atopar un patrocinador, asunto que en cada proxecto é difícil, pero iso é parte do reto.

Quero unha vez máis agradecer o seu esforzo a todos os que me animan, me apoian e me axudan, nesta loita por conseguir facer realidade os meus soños, proxectos de viaxes ás grandes montañas.
































Engado a breve entrevista que me fixo Paula Montes en Radio Vigo (3 de marzo), cando xa estaba a piques de desistir de atopar patrocinador para ir ao Makalu nesta primavera:




07/04/15

Semana na Cordilleira Cantábrica, ben aproveitada.

Na semana santa, fun con Patri e Ceibe á Cordilleira Cantábrica. Fixen 6 actividades deportivas diferentes, compatibilizando facer o que me gusta, coa viaxe en parella... E xa mo di Patri: “Sechu, é que non es capaz de estar un só día sen facer nada!”

Esquí.- O domingo 29 de marzo pola noite chegamos ao Albergue La Mina (Puebla de Lillo, León). O día seguinte paseino esquiando en San Isidro. O día estivo bastante cuberto e con vento.

Riaño

Cigoña



 
Travesía con Raquetas.- Tras a segunda noite no albergue fomos á cara sur dos Picos de Europa, entrando dende Riaño. Deixamos o coche en Soto de Sajambre, para internarnos nos seus fermosos bosques ata o refuxio de Vegabaño, onde chegamos coas raquetas de neve para pasar a noite. Ao día seguinte fomos cara arriba coas raquetas, nunha xornada de montaña moi luminosa.


Ceibe co can do refuxio de Vegabaño, vistos dende a porta.
En Vegabaño



 
impoñente exemplar de carballo

Alpinismo.- O mércores, no serán, marchamos ao cámping “El Cares” en Santa Marina de Valdeón, pois o día seguinte subiría moi cedo ao “Friero” (2.445 m). Así, o xoves iniciei a ascensión ás 5.55 h, chegando ao cumio ás 11 da mañá, despois de ter que cruzar un río descalzo e dar unhas voltas de máis pola parte baixa da montaña na escuridade da noite ata atopar a ruta axeitada; e xa na parte final da ascensión polo corredor da cara norte, traccioando cos piolets e sobre as puntas frontais dos crampóns, para chegar ao cumio o primeiro do día, seguido por varias cordadas. Xa abaixo, recollemos todo e fomos visitar á oitomilista asturiana Rosa Fernández (con quen coincidín no Annapurna) que estaba pola zona.

no cumio do Friero (2.445 m)

alpinistas chegando ao cumio do Friero

alpinista no corredor de acceso ao cumio do Friero, cara Norte.


 
Espeleoloxía.- Deixamos Picos de Europa e imos destino a Ramales de la Victoria (Cantabria), ata o cámping, onde estaban varios compañeiros espeleólogos de Club Montañeiros Celtas.
O venres fun co grupo espeleolóxico ao Sistema do Mortillano (o maior de España, con 135 km), para realizar a travesía Calaca-Crucero (que son dúas das súas 20 bocas).

Boca "Calaca" do Sistema do Mortillano (Ramales de la Victoria, Cantabria)

 
Co casco torcido, unha típica imaxe miña


Ferratas.- O sábado pola mañá fomos a realizar un par de vías ferrata da zona, a primeira “El Cáliz” en Ramales e a segunda “El Risco” en Matienzo. Era a primeira vez que Patri realizaba esta actividade. Xa pola tarde marchamos a Galicia, pero pola costa norte, facendo noite en Miño (A Coruña).

Patri na ferrata "El Cáliz"

Na ponte do final da ferrata "El Risco"


 
Carreira por montaña.- Na mañá do domingo, 5 de abril, inda fomos a correr polo Parque Natural das Fragas do Eume, antes de marchar para Vigo.
Rematei así unha semana na que fixen 6 actividades deportivas diferentes, compatibilizando diversas actividades que me gustan, coa viaxe en parella... E xa mo di Patri: “Sechu, é que non es capaz de estar un só día sen facer nada!”

Parque Natural das Fragas do Eume (A Coruña), despois de correr.